in

Á COMMEDIA

Máscara commedia da arte

Aínda lembro o día en que nos coñecemos. Era un chuvioso e encapotado día de febreiro nunha cidade italiana con chan de pedra e edificios con columnas dóricas.

Ti tratabas de acomodarte nun soportal, diante dunhas escaleiriñas de pedra que tiñan aspecto de levar alí moito tempo.

Eu non sei se foi amor a primeira vista, a primeiro pase ou a que, pero foi rápido, directo e confuso. Naqueles días de febreiro sucedéronse os encontros que tivemos nas distintas zonas daquela cidade. Naquelas prazas, naquelas rúas e naqueles cafés foise construíndo unha emoción embriagadora, cálida e nova para min. E supoño que por iso, dende aquel momento, cada ano, sempre polas mesmas datas, tentamos repetir aquel primeiro encontro. Collo un avión e alí estás, coma o primeiro día.

Publicidade

Teño que confesar que non penso en ti unicamente unha vez ao ano. Acontece case todos os días. Aínda que como en todo, hai épocas. Ultimamente non deixo de poñerme os teus zapatos e, aínda que é lonxe daquela cidade, sinto o mesmo cada día que vou a ensaiar e vexo as máscaras, os instrumentos e todo o que ten que ver coa fábula. Entón relembro aquel primeiro día e sorrío.

Non son o único que sente isto por ti. Somos moitos os que te pensamos e intentamos coidar cada día. Eu estou preto dalgunhas desas persoas e podo asegurar que son boas persoas, que te pensan con cariño e contaxian o que eu mesmo estou tratando de explicar aquí.

Cada vez que pasamos por esta data gústame pensar que se os do teatro somos un oficio serio é grazas a ti… Digamos só oficio, porque non todo é serio nin todos o son, pero oficio é dende aquel día que ti xa sabes.

Non quero estenderme moito, porque vale todo pero non calquera cousa. O que si que valeu foi o esforzo de toda a xente que trouxo a commedia a este lugar do mundo. En especial o que foi sucedendo na ESAD de Galicia, dende onde conseguiron conectarnos a moitos con toda a xente marabillosa que anda xogando ao teu xogo por Europa adiante. Dende o ano 2010, nada menos! Cantas amizades facemos grazas a ti! E canto queda por diante aínda!

Por iso hoxe, 25 de febreiro, celebrámoste, pero mañá, seguiremos buscando entenderte mellor para poder contar, a través dos teus mundos, a nosa realidade, as nosas contradicións, obsesións e dificultades. Porque sen ti o mundo sería mundo, pero nunca poderiamos discutir se é un cadrado, un triángulo ou unha cebola.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pablo Carrera Simón

Pablo Carrera Simón

(Vigo, 1991) Master en Artes Escénicas polo Instituto de la Danza Alicia Alonso & URJC. Graduado en Interpretación Textual e Dramaturxia pola ESAD de Galicia. Dende o ano 2019 presenta o podcast Procastination e é un dos fundadores da Asociación Galega de Commedia dell'Arte. As palabras fante conservador ou revolucionario. E nesas andamos.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Arlecchino, interpretado por Ferruccio Soleri.

Mensaxe para o Día da Commedia dell’Arte 2023

Foto: Sabela Sabín

Olivas Negras estrea ‘O rapto da Befana’ en Gondomar