A memoria será o motivo central que guiará esta 39ª edición da MIT. Unha edición especial, na que se celebrarán os 50 anos da 1ª Mostra Abrente, que terá lugar entre o 15 e o 23 de xullo
A profesionalización do teatro galego, os debates, os encontros, as posicións diverxentes, a emerxencia da internacionalización, as novas compañías, etc., son asuntos relacionados co teatro e coa cultura que tiveron lugar en Ribadavia, no gran foro do teatro galego, ao longo destes últimos 50 anos. Pero tamén todo o espello do teatro, a memoria social, os cambios, os dereitos, retos, as identidades, os espazos e os feitos. A MIT enfiará un relato que nos permitirá recordar, coñecernos máis, repousar, apostar polo novo dende o (re)coñecemento do pasado. Apostar tamén polo teatro como factor de cohesión social, de orgullo local na dimensión internacional estratéxica que o festival foi traballando paso a paso, como motor cultural ecolóxico que interpela ós públicos externos e locais en igualdade.
Nese sentido, o deseño gráfico e o cartel desta edición, obra de A&B Comunicación e Deseño, parte dunha fotografía antiga da Praza Maior de Ribadavia, depositada no Museo Etnolóxico, á que se lle foron sobrepoñendo imaxes, miniaturas, cores e texturas da evolución da MIT, dos espectáculos na rúa e nos seus escenarios, algunhas creadoras e creadores que nos fixeron emocionarnos, rir, pensar, soñar e loitar sempre por un teatro sen ataduras. O cartel é coma o teatro mesmo, un xogo para descubrir sorpresas ocultas, unha mestura coherente, un recoñecemento á diversidade, á tolerancia e á convivencia.
A MIT recibe o Premio Rodolfo Prada
A MIT de Ribadavia recibe o Premio Rodolfo Prada á xestión cultural na edición 2023, segundo recoñeceu o xurado da sexta edición destes galardóns, os únicos nesta modalidade en Galicia e dotados pola Deputación de Ourense cun total de 10.000 euros.
A Mostra de Ribadavia, que cumpre este ano medio século (1973 – 2023), ten convertido a Ribadavia na capital do teatro galego, “sendo decisivo na súa profesionalización e converténdose nunha cita de referencia estatal”, segundo remarcou o xurado.
O segundo premio desta edición dos Premios Rodolfo Prada foi para “A Casa Vella”, un espazo de creación en artes escénicas xestionado pola Asociación Cultural A Casa Vella e que é “un espazo innovador en Galicia e un exemplo nacional dos espazos de creación no rural”. O terceiro premio foi para a asociación fotográfica “O Potiños”, de O Carballiño, pola súa labor na posta en valor da fotografía da comarca.
A MIT, A Casa Vella e O Potiños recibirán, respectivamente, un premio de 3.000, 2.000 e 1.000 euros. O galardón complétase cunha escultura ou obxecto conmemorativo realizado por artistas ourensáns de recoñecido prestixio, así como un diploma acreditativo.