Maria casares 2023 premiados
A Panadaría recolleu o premio a mellor espectáculo por 'As que limpan'. Foto: LaDiapo
in ,

A Panadaría triunfa nuns María Casares 2023 moi repartidos

Os XXVII Premios de Teatro María Casares xa teñen gañadoras. Un total de 15 espectáculos aspiraban a facerse con algún dos 16 galardóns nos que se dividen os premios, organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG). En total, nunha noite moi repartida, nove espectáculos gañaron algún premio. As que limpan, de A Panadaría, acadou catro galardóns: espectáculo, actriz protagonista (Noelia Castro), dirección e texto orixinal (nestes dous apartados recoñécese de forma conxunta a Areta Bolado, a Ailén Kendelmán e a Noelia Castro).

Pola súa banda, O porco de Pé, montaxe de Producións Teatráis Excéntricas, conquistou tres galardóns (adaptación-tradución para Quico Cadaval e Pepe Sendón, vestiario para Carlos Alonso e actor secundario para Evaristo Calvo), mentres que Smoke on the water, de Ibuprofeno Teatro, se fixo con dous (espazo sonoro para Mon Orencio e actor protagonista para Josito Porto). Outros dous María Casares acadou Ás oito da tarde, cando morren as nais do Centro Dramático Galego (espazo escénico para Blanca Añón e dirección de movemento para Rut Balbís, este último ex aquo). O deus do pop, de Diego Anido, tamén acadou dous galardóns (Iluminación para Montse Piñeiro, Raquel Hernández e Pedro Fresneda e dirección de movemento para o propio Diego Anido e Guillermo Weickret, este último ex aquou)

Tïteres Cachirulo coa súa obra Xela contra o dragón Traga-Verbas gañou na nova categoría de monicreques, obxectos e figuras animadas. No apartado de espectáculo infantil, foi a compañía Caramuxo Teatro quen triunfou coa súa obra A nena que vivía nunha caixa de mistos. A relación de espectáculos premiados completouse con dúas obras que gañaron un galardón cada unha: Papagena, de ButacaZero (maquillaxe para Diego Valeiras) e A peste, do Centro Dramático Galego (actriz secundaria para María Roja).

Publicidade

Os María Casares contan coa colaboración de institucións e entidades como a Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), o Concello da Coruña, a Deputación da Coruña, a Fundación AISGE, a Fundación SGAE, o Padroado de Cultura do Concello de Narón e Gadis.

Unha gala de circo

O Teatro Rosalía Castro da Coruña acolleu a gala, á que asistiron unhas 500 persoas e un espectáculo cheo de bo humor, de ironía e de novo circo no que o protagonismo se centrou nos oficios invisibles da escena e nos xéneros escénicos que se sitúan ás marxes do teatro convencional.

Maria casares 2023 premiados
Gala dos María Casares 2023. Foto: LaDiapo

A dirección recaeu en Marcos Ptt que contou cun elenco conformado por Natalia Outeiro ‘Pajarito’, Arturo Cobas, Johanna Hesse, Álvaro Fitinho, Beatriz Rubio, Ezra Moreno e o propio Ptt, quen ademais de dirixir e actuar, asinou o guión xunto a Antón Coucheiro. O equipo artístico completouse con Carlos Alonso no deseño de vestiario e escenografía, NachoFaiaLar (trío formado por Nacho Muñoz, Faia Díaz e L.A.R. Legido) na música en directo e Dani Pais na iluminación. Durante a gala Cloti Vaello recolleu o Premio de Honra Marisa Soto e Clara Gayo leu o Manifesto Galego no Día Mundial do Teatro.

A gala, que foi retransmitida por Youtube a través da canle dos Premios María Casares, contou co discurso de Xosé Barato, presidente da AAAG, quen iniciou a súa intervención saudando a profesión escénica que se reunía no Teatro Rosalía Castro no gran festa do noso teatro e tamén ao público que seguía a gala dende os seus fogares. Barato lamentou que a TVG levara cinco edicións sen retransmitir os Premios María Casares, o cal considerou como “unha anomalía e unha falta de respecto”.

E o María Casares 2023 é para…

  • MAQUILLAXE: Diego Valeiras por Papagena, de ButacaZero
  • VESTIARIO: Carlos Alonso  por O porco de pé, de Producións Teatráis Excéntricas
  • ILUMINACIÓN: Montse Piñeiro, Raquel Hernández e Pedro Fresneda por O deus do pop, de Diego Anido
  • ESPAZO ESCÉNICO: Blanca Añón por Ás oito da tarde, cando morren as nais do CDG
  • ESPAZ SONORO:  Mon Orencio por Smoke on the water, de Ibuprofeno Teatro.
  • ADAPTACIÓN-TRADUCIÓN: Quico Cadaval e Pepe Sendón por O porco de pé, de Producións Teatráis Excéntricas.
  • TEXTO ORIXINAL:  Areta Bolado, Ailén Kendelman e Noelia Castro por As que limpan, de A Panadaría
  • ACTOR PROTAGONISTA: Josito Porto por Smoke on the water, de Ibuprofeno Teatro.
  • ACTRIZ PROTAGONISTA:  Noelia Castro por As que limpan, de A Panadaría.
  • ACTRIZ SECUNDARIA:  María Roja por A peste, do Centro Dramático Galego
  • ACTOR SECUNDARIO: Evaristo Calvo por O porco de pé, de Producións Teatráis Excéntricas.
  • DIRECCIÓN: Areta Bolado, Ailén Kendelman e Noelia Castro por As que limpan, de A Panadaría
  • DIRECCIÓN DE MOVEMENTO: Premio ex aequo a Rut Balbís por As oito da tarde, cando morren as nais, do CDG,  e a Diego Anido e Guillermo Weickret por O deus do pop.
  • ESPECTÁCULOAs que limpan, de A Panadaría.
  • ESPECTÁCULO INFANTIL: A nena que vivía nunha caixa de mistos, de Caramuxo Teatro
  • ESPECTÁCULO DE MONICREQUES, OBXECTOS E FIGURAS ANIMADAS: Xela e o Dragón Traga-Verbas, de Títeres Cachirulo.

Cloti Vaello recibe o Premio Marisa Soto
Cloti Vaello recibe o Premio Marisa Soto. Foto: LaDiapo

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

mit ribadavia 2023

A MIT de Ribadavia recibe o Premio Rodolfo Prada nos 50 anos da primeira mostra Abrente

programacion miteu ourense1

A programación da MITEU de Ourense 2023 contará con 20 espectáculos