in ,

ButacaZero estrea a ópera ‘Papagena’ nas ruínas de Santo Domingo en Pontevedra

O compositor Iago Hermo asina a música orixinal e libreto desta ópera

Papagena de ButacaZero e Iago Hermo
'Papagena' de ButacaZero e Iago Hermo. Foto: Miramemira

A compañía ButacaZero estrea Papagena, a súa nova creación. Será o sábado 10 de setembro ás 21.30 horas nas ruínas do Convento de Santo Domingo en Pontevedra. Esta ópera electrónica contemporánea de pequeno formato en galego conta coa presenza da soprano Esperanza Mara e do barítono Jacobo Rubianes Castelo.

Dirixida por Xavier Castiñeira e Esther F. Carrodeguas, Papagena xirará por un total de catorce localidades de Galicia ao longo deste trimestre. A obra é froito do compositor galego Iago Hermo e narra a historia dunha parella engaiolada nunha relación tóxica que está inspirada nas persoas-paxaro da célebre A frauta máxica, de Mozart. Castiñeira e Carrodeguas asumen por primeira vez a dirección escénica dunha ópera que nace da vontade de afondar nos clixés de xénero presentes no eido da creación operística, mais tamépretende rachar con outras percepcións habitualmente asociadas ao mundo da lírica: a lingua, os espazos de representación, o público destinatario ou mesmo o formato, o vestiario ou a escenografía, que non contará con elementos analóxicos e se baseará no espectralismo minimalista. O resultado, coa colaboración de Ana Arteaga na escenografía e de Diego Valeiras no vestiario, promete ser un espectáculo musicalmente inmersivo e visualmente contemporáneo que levará a ópera a vilas onde non adoita chegar este estilo musical.

A estrea absoluta de Papagena en Pontevedra está enmarcada na xira ‘Con-fiando’ da Deputación de Pontevedra. Os convites para asistir ao evento xa están esgotados. 


Publicidade

Papagena de ButacaZero xirará pola nosa comunidade, sendo a primeira parada da xira no porto de Fisterra (17 de setembro), para continuar en O Grove (24 de setembro), Celanova (1 de outubro), Caldas de Reis (9 de outubro), Narón (15 de outubro), Tui (21 de outubro), Oleiros (29 de outubro), Gondomar (5 de novembro), Muros (12 de novembro), Boiro (18 de novembro), Bueu (19 de novembro) e Foz (25 de novembro). Na meirande parte das vilas o público poderá desfrutar desta ópera de xeito totalmente gratuíto. Todas as datas, horarios e sistema de acceso ás funcións de Papagena está dispoñible na páxina web de ButacaZero.

ButacaZero: creación e territorio

Con esta nova produción, unha ópera galega e en galegoButacaZero mantén a súa aposta pola creación emerxente a través da colaboración con artistas de Galicia e pola creación vinculada á temática social e cunha fonda implicación no territorio. Neste sentido, un dos principais obxectivos da compañía viguesa é construír país arredor da cultura. Para iso, adaptarán a ópera contemporánea á realidade social galega, levándoa, ao longo do vindeiro trimestre, a espazos non convencionais para a súa representación. A entrada será de balde en todas as funcións para favorecer, deste xeito, o achegamento á ópera tanto do público adolescente coma adulto

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Programación espectáculos en Vigo

Vigocultura abre a programación de outono con 19 espectáculos de teatro, danza, circo e maxia

José Luis Baños de Cos

José Luis Baños de Cos gaña por segunda vez o Premio Vidal Bolaño con ‘Lume’