in ,

Vigocultura abre a programación de outono con 19 espectáculos de teatro, danza, circo e maxia

A carteleira conta con 29 funcións que se desenvolverán entre os meses de setembro e novembro

Programación espectáculos en Vigo
Espectáculos programados en Vigocultura na tempada de outono.

A programación municipal de artes escénicas Vigocultura presenta a súa nova temporada, que se desenvolverá entre os meses de setembro e novembro na cidade de Vigo e que inclúe 19 espectáculos e un total de 29 funcións.

A programación arranca o 23 e 24 de setembro na rúa do Príncipe co pasarrúas “O estraño caso do dentista da rúa Brasov”, da compañía viguesa Troula. O peche será na última fin de semana de novembro.

Como é habitual, a carteleira está dirixida a todos os públicos con propostas de teatro, danza, circo, maxia e espectáculos para bebés. Nesta edición haberá 3 estreas mundiais e 2 estreas en Galicia, coa participación de 4 compañías viguesas, 2 portuguesas, 18 do resto de Galicia e 5 do resto do Estado e internacionais.

Das pezas, 3 serán estreas mundiais: “Outrora Nós”, de Mevadeus; “Backstage” de NegroLópez, dúas novas compañías que estrean o seu primeiro espectáculo, e “Backup, a resurrección de Nuno” de De Ste Xeito Producións. Outras dúas serán estreas en Galicia: “Freak”, da compañía madrileña Amor Producciones, e “Magallanes y el Cano”, unha coprodución da compañía portuguesa Ajidanha e Eme2 Emocion&Arte.

Como novidade, nesta edición do programa realizarase unha función ao aire libre na Praza do Rei (sempre que o tempo o permita), cun espectáculo de danza, “Technocracia”, da compañía galega Funboa Escénica. Completan a programación o multipremiado espectáculo “El viento es salvaje” de Las Niñas de Cádiz; “Continente María” da compañía A Quinta do Cuadrante e Ainé Producións; “Morte accidental dun anarquista”, de Talía Teatro; ou “Golfa”, de Primera Toma e Crémilo, co que se pechará a programación para público adulto conmemorando o Día Internacional para a Eliminación da Violencia Contra a Muller, que conta co Premio do Festival Territorio Violeta e é un espectáculo recomendado pola Red Española de Teatros, Auditorios, Circuitos y Festivales de Titularidad Pública.


Publicidade

Programación para público familiar

A programación para público familiar desenvolverase os domingos e estará cargada de maxia, monicreques, circo, danza e música. Coma sempre, haberá un espectáculo para bebés que correrá a cargo do especialista portugués Paulo Lameiro e que se desenvolverá en 3 sesións. Incluirá os traballos “Ultreia, ao final do camiño estás ti”, do Mago Teto; o clásico de Galitoon “Golulá; “Backstage”, de NegroLópez“Hugo” da compañía Os Náufragos; “Poi”, da compañía D’es Tro, ou “Las 4 estaciones… ya no son lo que eran!”, de Teatro Che y Moche; o espectáculo de danza “Natanam”, de DA.TE Danza – Danza Contemporánea, ou “Ninja”, de Teatro Ghazafelhos. Con esta programación, Vigocultura volve a “normalidade” despois do esforzo dos dous últimos anos para reforzar o tecido artístico e paliar dentro do posible os efectos da pandemia.

Esta é, como apuntou o alcalde de Vigo Abel Caballero durante a presentación da carteleira viguesa, a edición da volta á normalidade postpandemia, despois do esforzo realizado por Vigocultura durante a crise da Covid19 para paliar os seus efectos no sector, mantendo a actividade, na medida posible, dentro das restricións sanitarias.

A venda de entradas comeza o mércores, 9 de setembro, a través da web Giglon e a Librería Librouro e tamén poden adquirirse o día do espectáculo no despacho de billetes do Auditorio con prezos accesibles: os adultos entre 8 e 12 euros e 5 euros para o público familiar. Amais hai abonos para 5 e 10 espectáculos que acadan ata un 25% de desconto.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

GARGALLADA TEATRO UN DESASTRE DE FUNCION

O Festival Agustín Magán programa seis obras de teatro amador en Santiago

Papagena de ButacaZero e Iago Hermo

ButacaZero estrea a ópera ‘Papagena’ nas ruínas de Santo Domingo en Pontevedra