in

O Salón Teatro acolle o espectáculo ‘Quentando motores para Atlántica’

Carolina Rueda e Quico Cadaval farán nel un adianto do que será o 11º Festival Atlántica de narración oral

Quico Cadaval
Quico Cadaval. Imaxe de Xaime Cortizo.

A colombiana Carolina Rueda e o galego Quico Cadaval van protagonizar o espectáculo Quentando motores para Atlántica, un adianto da undécima edición do encontro de narración oral que se celebrará en xullo. A cita con estes dous mestres dos contos será o vindeiro 18 de abril no Salón Teatro de Santiago ás 20 horas e as entradas xa están á venda.

Carolina Rueda e Quico Cadaval son referentes da narración oral de cadanseu país. Colombia e Galicia teñen na arte de contar historias un dos cernes da súa cultura. Nos dous países conta contos unha porcentaxe altísima das persoas. As máis sen cobrar. Mais hai un número cada día maior que fixo de contar historias a súa profesión. Os relatos saen das tabernas, dos fiadeiros, dos autocares e dos mentideiros para entraren nos teatros e no ámbito académico. A arte ancestral que vén das lareiras primitivas converteuse nun dos emblemas da modernidade. Algo tan simple como contar historias en voz alta. Aínda que ás veces Rueda e Cadaval non o fan tan sinxelo. Nas súas narracións aparecen, cando menos se espera, elementos sorprendentes que alteran as peripecias, bifurcan a trama, escurecen o camiño e toldan o río da acción.

Cadaval e Rueda coñecéronse no 2002 en Lima, no festival Déjame que te cuente. Dende aquela atopáronse nunha morea de eventos e nalgúns partillaron palco e público, como en Atlántica, sen ir máis lonxe. Artisticamente coñécense ben, por iso puideron escoller o repertorio un da outra e viceversa. Todo comezará pola frase “Bótalle aquel tan bo…”. Aparecerán, abofé, algúns éxitos do dúo. Clásicos como a historia dos ladróns que asaltan unha pastelaría ou o da gata que adopta uns pitiños que un accidente de tránsito deixara orfos. Nos outros contos non han de faltar o misterio, o erotismo, o espanto, o tráfico de arte, a violencia en locais de lecer e un etcétera que se desvelará neste petisco do Festival Atlántica 2023.

Mestres de contacontos

Carolina Rueda leva máis de trinta anos de traxectoria profesional no mundo dos contos e mais como impulsora da narración oral como instrumento de xestión e ferramenta social en ámbitos educativos, políticos e artísticos. Como artista adoita realizar adaptacións, obras derivadas e versións libres de autores da literatura universal e versións de relatos da tradición oral do mundo.

Como xestora e programadora coordina desde 1990 a mostra de contadores do Festival Iberoamericano de Teatro de Bogotá. Tamén participa como profesora convidada e regular en programas de adquisición do idioma español como segunda lingua en programas de literatura, educación a distancia e artes escénicas nas universidades estadounidenses de Cornell, Miami e Denison e noutras institucións de España, Perú e Chile.

Ao longo destes trinta anos de carreira xa pasou por escenarios como a Casa de América, o Teatro Cuarta Parede, o Centro Cultural da Villa, o Círculo de Bellas Artes en Madrid, o Teatro Nacional, o Teatro Leonardus, o Auditorio León de Greiff, o Teatro Municipal de Cali, o Teatro de Bellas Artes Medellín e as feiras do libro de Madrid, Valencia, Torrent, Bogotá e Bos Aires. Alén diso, é unha artista habitual de festivais de narración oral en países como Estados Unidos, México, Costa Rica, Venezuela, Perú, Ecuador, Brasil, Chile, Arxentina, Portugal, España, Francia e, por suposto, Colombia.


Publicidade

Carolina Rueda
Carolina Rueda. Imaxe de Antía Castro.

Quico Cadaval é contador de historias, director de escena e dramaturgo. Comezou o seu traballo a mediados dos anos 80 baixo o mestrado de Xan Cejudo, que estimulou o seu autodidactismo. Como contador de historias saíu do café Atlántico e dende aquela espallou a narrativa galega por festivais tan importantes como o Iberoamericano de Bogotá, o FILBA de Bos Aires e as Palavras Andarilhas de Beja.

Cadaval leva desenvolvendo desde os anos noventa un tipo de espectáculo unipersoal a medio camiño entre a narración tradicional, a épica escénica e o cabaré literario. Un espectáculo de narración oral que se foi transformando nos últimos quince anos para se ir acomodando ás circunstancias ambientais, ás inclemencias do clima, ás experiencias persoais do artista e aos terrores mais íntimos do público.

Festival Atlántica

Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlantista. O seu obxectivo é indagar nas raíces comúns das historias do océano, na procura da identidade cultural común do Atlántico e nas historias que se foron difundindo polos camiños do mar.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Escola Ramon Falcon

Lugo acolle a mostra de ‘Universo Reich’

Camiño Escena Norte

Cruzamentos de Camiño Escena Norte abre o prazo de presentación de solicitudes