Comeza a XII edición do TRCDanza 2023 co FESTIVAL PRIMAVERA, este sábado 22 de abril ás 20h30 no Teatro Rosalía de Castro da Coruña coa peza Demente da Cía. Fran Sieira.
“O baile e a música tradicional con influencias contemporáneas para abordar o estigma das patoloxías vinculadas coa saúde mental.”
Dentro do Programa de Mediación que acompaña esta proposta, o venres 21 de abril, Fran Sieira estivo no IES Salvador de Madariaga compartindo un obradoiro co alumnado de 1º Bac e Artes Escénicas para bailar e coñecer o proceso do espectáculo. Tamén convidaron á psiquiatra e bailadora Lucía del Río a escribir o Con-texto 96 sobre a peza titulada Demente.
As citas máis próximas serán o venres 28 de abril, coa estrea absoluta de Bionic da Cía. Entremans, creada e interpretada por Armando Martén e Ana Beatriz Pérez. Inspirada na simbiose entre o biolóxico e o artificial, Bionic reflexiona sobre como a tecnoloxía nos seduce para mellorar as nosas vidas sen quebrantar a capacidade humana de sentir.
O sábado 29 de abril, Día Mundia da Danza, chega ao TRCDanza Festina Lente de VACAburra, en coprodución co Centro Coreográfico Galego e a AGADIC, que estivo en residencia na Sala Ártika de Vigo. Con dirección e dramaturxia de Gena Baamonde e Andrea Quintana e interpretada por esta última xunto a Clara Ferrao, esta peza busca unha reflexión do momento presente nun mundo no que a pel-pantalla coloniza as nosas relacións. As artistas pregúntanse, bailando, polas estratexias dos corpos para lograr permanecer xuntos fronte á alienación.
E o venres 5 de maio, programación internacional coa estrea de Nuisis Zobop da peza Onde Está o Relâmpago que Vos Lamberá as Vossas Labaredas. A compañía portuguesa dirixida por Hugo Calhim Cristóvao e Joana von Mayer Trindade ofrécenos unha poética dancística que se cruza coa filosofía para transcerder ambas nunha heterodoxia emocionante de alta fisicalidade. Interpretan a peza Sara Miguelote e Paula Cepeda.
O FESTIVAL PRIMAVERA do TRCDanza segue durante todo o mes de maio aínda catro espectáculos máis. 6 de maio: Los perros da Cía. Led Silhouette. 7 de maio: Transmissions. Conferencia bailada sobre danzas urbanas da Cía. Guille Vidal-Ribas Casado, en coprodución co Mercat de les Flors, HOP Festival e El Graner Art i Creació Cultural. 12 de maio, estrea de Vaivén de Marcia Vázquez. 13 de maio no CORUFEST: Manbuhsona de Produción IVONA (Italia).