A compañía teatral de Santiago de Compostela Sal do Teatro estrea o seu novo espectáculo Brokeback Sabucedo: Paixón entre bestas, hoxe, 13 de maio, ás 20.00 horas no Auditorio da Xuventude de Cambados, dentro do programa de actividades da Concellería de Igualdade. O espectáculo está protagonizado polos actores Borja Salgado e Santiago Telmo e baixo a dirección de Rocío Romero sobre un texto de Santiago Telmo e Carlos Losada.
A peza inspírase no filme Brokeback Mountain, de Ang Lee, mais situada na Rapa das Bestas en Sabucedo. Brokeback Sabucedo é unha historia de amor entre dous amigos da infancia que se reencontran na Rapa das Bestas vinte anos despois, e dunha amizade comezan a aflorar outro tipo de sentimentos. Trátase dunha traxicomedia romántica que aborda a diversidade sexual no ámbito rural galego.
A obra é unha reflexión sobre o peso do amor romántico e dos mandados do patriarcado en canto ás relacións e roles masculinos; “unha reivindicación do dereito a vivir a sexualidade en liberdade fóra dos clixés e tamén dos binarismos, mesmo daqueles que tamén afectan as persoas que poden crerse revisadas”. Brokeback Sabucedo é un canto á diversidade e unha homenaxe a tradición galega, onde tamén se coa unha crítica á invasión eólica.
A compañía Sal do Teatro fundouse no ano 2016 en Santiago de Compostela por Borja Salgado, destacando entre as súas producións Váter. Comedia claustrofóbica, de Roberto Salgueiro e a organización da mostra de teatro breve Escenoia, no Concello de Noia. Brokeback Sabucedo é “unha proposta diferente do que fixo ata agora, apostando polas reivindicacións dunha sociedade en igualdade”.