in

FITEI trauma e bravura

Foto: Afonso Becerra.
Foto: Afonso Becerra.

Os conceptos, para unha sociedade civilizada, ou sexa: humana, poden ser chaves de acceso a unha vida mellor. Sen afán de converter este artigo nun manual de auto-axuda, has coincidir comigo en que comprender o que NOS acontece e calibrar o que necesitamos, o que desexamos, o que procuramos, colabora en facilitar o camiño cara á unha sociedade da xustiza, da equidade, do respecto… da felicidade.

Os territorios ou ecosistemas e os tempos, as épocas, non son independentes da formulación e análise destes conceptos. Ás artes vivas, pola súa banda, como o seu propio nome pode indicar, cústalles escapar das circunstancias que envolven a vida, porque é nela que fan pé. A vida e as súas vicisitudes, o pasado e a memoria (os relatos), así como os soños e planes de futuro, que nos constitúen, forman, de moi diversos xeitos, a materia do humano que vai coincidir coa materia das artes vivas, das escénicas.

O Teatro Municipal do Porto durante o FITEI 46. Foto: Afonso Becerra.
O Teatro Municipal do Porto durante o FITEI 46. Foto: Afonso Becerra.

Para concretar un pouco máis, o territorio ao que me quero referir é iberoamericano, a convite do FITEI 46, o Festival Internacional de Teatro de Expresión Ibérica do Porto, o máis antigo de Portugal e o segundo máis antigo dos iberoamericanos, despois do de Manizales (Colombia). O FITEI foi fundado por dúas compañías portuenses, Seiva Troupe e o TEP (Teatro Experimental do Porto), despois, andado o tempo, gañou a súa autonomía como festival e nos últimos anos está dirixido por Gonçalo Amorim, quen tamén é o director artístico do TEP.

Cartaz FITEI 46.
Cartaz FITEI 46.

Nos días que estiven convidado coñecín, da man do seu director, os novos locais que lles cedeu, hai uns dous anos, o Concello do Porto nas instalacións da Central Eléctrica, onde teñen unha sala de ensaios e distintas estancias para despachos, salas de reunións e un arquivo valiosísimo no que se atesouran os 70 anos de historia que cumpre o TEP, a compañía de teatro máis antiga de Portugal, comandada por unha organización civil, de esquerdas, que acredita na cultura e no teatro como motores de transformación e crecemento. Trátase dunha compañía na que o director non é fixo, senón que é elixido por esa cooperativa da que forman parte persoas da sociedade civil de diferentes profesións e non só xente do teatro.

Alí nos lombos do arquivos asomaban varios volumes con documentos relacionados coa censura, da época da Estado Novo durante a Ditadura, contra a cal o TEP tamén loitou na medida das súas posibilidades. Arquivos onde se pode ler “Centésimo espectáculo”, dos moitos que levan producidos.

Foto: Afonso Becerra.
Foto: Afonso Becerra.

Na 46ª edición do FITEI, Gonçalo Amorim colocou dous conceptos: “Trauma e Bravura”, que a min me parecen clave para a comprensión e a intervención neste territorio, que ampliou ás comunidades afro-ibero-americanas.

“Os ataques á democracia en diferentes partes do mundo, en particular, nos países da América do Sur, a crise migratoria, nas fronteiras dos países do norte cos do sur do mundo, o recente pasado colonial en África ou aínda a guerra que atravesamos en territorio próximo ao noso, son algunhas das cuestións que impulsan aos nosos artistas convidados a dar visibilidade, forma e significado a estas recorrentes experiencias marcadas pola violencia. Como podemos entón restablecer a bravura para confrontarmos todos estes traumas?”, reflexiona Gonçalo para explicarnos a programación dos 14 espectáculos que conforman o FITEI 46, con 7 coproducións e 4 residencias artísticas, porque o festival é, cada vez máis, casa de acollida para artistas cunha perspectiva de compromiso sociopolítico.

Esta perspectiva foi para min patente en todas as propostas ás que asistín e tamén a experimentei nos coidados, atencións e cariño cos que toda a equipa do festival nos atendeu. Alí me encontrei con programadoras e directoras artísticas de diferentes países, como Arxentina, Chile, Perú, Brasil, Alemaña, Italia, Armenia, etc. Tamén o noso director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez, que sempre me sorprende coas súas habelencias, a intelixencia múltiple e toda a sabedoría baseada nos traballos que andou facendo polo mundo adiante, nomeadamente nos países lusófonos.

Abriu o FITEI 46 #5BOCHIZAMI de FLÁVIA GUSMÃO e fíxoo no “subpalco”, debaixo do escenario do Rivoli do TMP (Teatro Municipal do Porto) o 10 de maio. Un espectáculo singularísimo que semella unha viaxe espiritual e política en espiral, asentada na experiencia de Flávia Gusmão e das mulleres batuqueiras de Cabo Verde, nos rituais de loito pola nai, a produtora e activista cultural Samira Pereira. Un universo de cores vivas, bailes e rituais, acompañados dunha incrible dimensión sonora e musical e dun vídeo que, por veces, lle dá un aspecto documental á peza. #5BOCHIZAMI posúe a maxia desas mulleres, a súas presenzas que son arquivo vivo. Todo é moi real no bosque de columnas que sosteñen o escenario debaixo do que estamos. Ao mesmo tempo, estamos nunha atmosfera onírica, surrealista que, incluso, me lembrou algún fragmento do Lorca surrealista. Estamos debaixo realmente e, metaforicamente, poderiamos estar enterrados, tomando contacto coas raíces, co arcaico. Recibimos imaxes en “life video” do exterior, escoitamos o batuque nas táboas do escenario e cae a terra polas dúas trampas que están enriba das nosas cabezas, enriba deste outro escenario subterráneo. As mulleres caboverdianas, as plantas, a mesa de mesturas de son, nalgunhas ocasións, entran sobre rodas, como elementos que son traídos ou introducidos neste alén mundo tan real e vitalista. Entre esas mulleres está a Vitalina Varela, do filme do Pedro Costa, e as súas colegas batuqueiras, que namoraran á raíña do pop e saían naquel vídeo clip de Madonna.

Elenco de #5BOCHIZAMI de FLÁVIA GUSMÃO. Foto: Afonso Becerra
Elenco de #5BOCHIZAMI de FLÁVIA GUSMÃO. Foto: Afonso Becerra

Nesa conexión de raíz africana tamén se pode situar COSMOS de Cléo Diára, Isabel Zuaa e Nadia Yrazema. Estivo no Teatro Carlos Alberto, o 11 de maio. Un estraño enxeño “afrofuturista”, entre a ciencia ficción teatral e o show televisivo que se propón, de xeito festivo, cuestionar a historia da humanidade en relación á da comunidade negra afrodescendente. Unha máquina do tempo que lles permite a aquelas tres magas traer para a vida, unha nova vida quizais, a compañeiras e colegas para reescribir o futuro. O mellor, desde o meu punto de vista, son as presenzas, máis do que o dispositivo de ficción escénica, que fica nalgúns efectos-clixé de concurso televisivo.

Tamén se podería considerar unha proposta de ciencia ficción ou surrealismo a peza titulada PILOTO da Plataforma UMA, que puidemos ver no Teatro Campo Alegre, o 13 de maio. Nunha especie de parque temático, dunha bela escenografía, un grupo de personaxes conversan, debaten e proban a posibilidade de experimentar o que se sente nos inicios, xa sexa no comezo do mundo, no Big Bang, xa sexa no primeiro día de clases, en termos de adrenalina, serotonina, etc. Aquilo fica nun xoguete cun humor estraño e nunha ficción que recorre tamén a algúns clixés dunha contraditoria sociedade hiper-tecnolóxica, que tenta cuestionar o progreso, para viaxar ao regreso.

PILOTO da Plataforma UMA. Foto: Afonso Becerra.
PILOTO da Plataforma UMA. Foto: Afonso Becerra.

Un enfoque distinto dun hipotético regreso ou regresión pode ser o que se formulou nalgúns dos “showcases” que puidemos ver o 11 de maio nos locais da Central Eléctrica do Porto.

André Braga e Cláudia Figueiredo, da Circolando – Central Elétrica, ofrecéronnos un anaco do fascinante proceso de CRATERA, unha nova peza que estivo en residencia en Cabo Verde, nas paisaxes volcánicas da Illa do Fogo. O seu aspecto é topográfico, movido/animado desde unha dinámica que flutúa entre o ritual, o teatro físico e a danza, e na cal a poética dos obxectos, do vídeo e do dispositivo escénico son fundamentais. CRATERA parece conciliar misterio telúrico, fascinación mineral de tendencia abstracta e contemplación receptiva. A estrea vai ser o 16 de xuño no Teatro Académico Gil Vicente de Coimbra.

Se en CRATERA podemos rastrexar unha procura xeofílica e ecoloxista de conexión coa terra, como memoria fundamental ou recuperación do arcaico, en ELAS ENTRAM E FICAM de Tânia Dinis do TEP (Teatro Experimental do Porto), a procura vai ter que ver coa reactivación escénica, plástica e política do arquivo da compañía teatral. A estrea está marcada para o 16 de xuño no Rivoli do Teatro Municipal do Porto.


Publicidade

Coincidindo co 70 aniversario do TEP, ELAS ENTRAM E FICAM, parece un espectáculo-xoguete fantástico e histórico. Aquí temos as mulleres que fixeron teatro, saíndo dos arquivos do TEP. Fantasmagorías en forma de imaxes-marionetas que nos traen historias fascinantes nas que a arte teatral é restitución de xustiza e de necesario apoderamento feminino.

A mesma tarde do 11 de maio nas naves da Central Eléctrica, a terceira proposta non foi un “showcase” senón unha peza xa estreada, que para min foi un dos grandes descubrimentos deste FITEI 46. Trátase de FIGUEIREDO de Pedro Vilela, un espectáculo  emocionante. A súa denuncia do xenocidio indíxena é dunha sobriedade implacable e dunha eficacia política enorme, porque nos traslada, con ecuanimidade e sen redundancia, unha mensaxe durísima. Denuncia e exercicio de memoria histórica. A performance coa leña e a cinta divisoria do territorio sobre o chan do palco é dunha beleza sinxela e de grande rendibilidade simbólica.

FIGUEIREDO de Pedro Vilela. Foto: Afonso Becerra.
FIGUEIREDO de Pedro Vilela. Foto: Afonso Becerra.

Recuperado do arquivo do FITEI foi o espectáculo de 1981 titulado IBÉRIA SECTOR 5 da desaparecida compañía portuguesa Bonifrates. Encargouse diso a portuense Visões Úteis, poñendo á dirección a Carlota Castro, actriz que no seu traballo de mestrado investigara sobre a activación dos arquivos de artes vivas. Así pois, Visões Úteis, dirixida polo colega Carlos Costa, que coordinou este proxecto, contando tamén coa supervisión científica de Fernando Matos Oliveira, puxo a andar esta escenificación actual, recuperando unha escenificación previa de 1981. Para iso contaron, ademais, cunha das actrices orixinais que tamén achegaba a súa memoria ao proceso de recreación. O resultado foi un espectáculo en clave cómico-irónica, na onda da obra orixinal M-7 Catalònia de Boadella e Els Joglars do 1978, adaptada a Portugal no 1981 pola compañía Bonifrates como IBÉRIA SECTOR 5. Unha doutora, que vén do futuro, investiga, en contexto de laboratorio, unha parella de portugueses, ironizando sobre o seu feitío, crenzas, actitudes, usos e costumes. Na segunda parte, a propia directora, Carlota Castro, e a profesora Paula Caspão ofreceron unha conferencia-performance sobre algúns dos termos chave sobre os que traballaron. A estrea foi no Teatro Municipal de Matosinhos Constantino Nery o 11 de maio.

Despois, o 13 de maio, no Teatro de Campo Alegre do TMP, celebrouse una mesa redonda, na que fun convidado para exercer de moderador, entre Carlota Castro, directora de IBÉRIA SECTOR 5 e Angelos Gkiokas, de Atenas, coordinador do proxecto europeo PREMIERE, que está a desenvolver tecnoloxías dixitais para preservar e ofrecer arquivos das artes vivas, como unha das partes fundamentais da herdanza cultural europea.

“O uso do arquivo na creación artística” foi o título desa mesa redonda, que deu nunha conversa interesante da que, entre outros desafíos de futuro, ficou o de considerar a recepción, o público, que é parte fundamental do evento teatral, tamén nos arquivos. E que os arquivos das artes vivas poidan ser útiles non só para estudantes e académicos, senón tamén unha fonte estimulante para a creación artística.

Mesa redonda sobre “O uso do arquivo na creación artística”, con Carlota Castro, directora de IBÉRIA SECTOR 5 e Angelos Gkiokas, de Atenas, coordinador do proxecto europeo PREMIERE, moderada por Afonso Becerra. Foto: Fran Núñez.
Mesa redonda sobre “O uso do arquivo na creación artística”, con Carlota Castro, directora de IBÉRIA SECTOR 5 e Angelos Gkiokas, de Atenas, coordinador do proxecto europeo PREMIERE, moderada por Afonso Becerra. Foto: Fran Núñez.

Outro dos descubrimentos para min foron os catro textos de TEATRO BOMBÓN GESELL, o 12 de maio na Mala Voadora. Catro pezas inquietantes arredor da violencia e a xustiza en Iberoamérica que, non obstante, poden captarse en toda a súa fondura alén do contexto territorial onde foron creadas, porque tocan conflitos e actitudes humanas universais, normalmente agochados. Teatro Bombón de Arxentina, Centro Cultural Gabriela Mistral de Chile, Teatro La Plaza de Perú e o FITEI xuntáronse neste proxecto, co apoio de Iberescena e a Fundación Santiago Off. As catro pezas son: SUAS CANÇÕES FAVORITAS de Alejandro Clavier (Perú), que asumiu a dirección do seu texto; OS TITÃS de Paola Traczuk (Arxentina), dirixido por Monina Bonelli; ESTÁ QUASE NA HORA DE VOLTARES A SER TU de Marco Mendoça (Portugal), dirixido por Lisa Reis e Monina Bonelli; e MUTISMO SELECTIVO de Bosco Cayo (Chile), que dirixiu o seu texto.

SUAS CANÇÕES FAVORITAS de Alejandro Clavier ponnos diante, tralo cristal que fai de fronteira en todas as escenificacións, como elemento común, un trío formado por dous alumnos adolescentes e o seu profesor de debuxo, nunha aula práctica na que van descubrirnos unha homosexualidade que fire a situación. Porque a situación, tanto do adulto como dos adolescentes, está marcada por unha historia de trauma e dor que pugna por redimirse. Ao final non sabemos se existen, se son un soño, un pesadelo, ou se se trata de mortos, porque na historia destes reclusos está contido, quizás, o homicidio do profesor que os levou a esa prisión para menores.

OS TITÃS de Paola Traczuk preséntanos outra desacougante historia, a dun neno e o seu can. No escenario, tralo vidro, un actor adulto e un músico van debullando ese diálogo, mentres tres nenos xogan a debuxar no cristal e bailar.

MUTISMO SELECTIVO de Bosco Cayo lévanos a outro cárcere, no que un recluso novo está a rematar a carreira de psicoloxía. A peza concéntrase na xornada do último exame e no trío formado polo alumno, o profesor que está deste lado do cristal, cerca do público, e unha paciente que se prestou para as prácticas académicas. A paciente acaba por poñer a proba non só ao alumno senón tamén ao profesor e os seus protocolos cando revela o seu amor polo alumno. Suspense e ton humorístico sobre as dificultades para controlar ou xestionarnos segundo en que situacións.

ESTÁ QUASE NA HORA DE VOLTARES A SER TU de Marco Mendoça sitúa unha actriz nunha cámara de interrogatorio a escribir o seu propio papel. Nun xogo meta-discursivo e meta-teatral ese monólogo convértese nun diálogo co propio autor e director da peza que se desenvolve diante de nós. Cómpre facer especial mención na parte cantada final e na magnífica voz da actriz. É a obra o cárcere?

TEATRO BOMBÓN GESELL. ESTÁ QUASE NA HORA DE VOLTARES A SER TU de Marco Mendoça (Portugal), dirixido por Verónica Perrotta. Foto: Afonso Becerra.
TEATRO BOMBÓN GESELL. ESTÁ QUASE NA HORA DE VOLTARES A SER TU de Marco Mendoça (Portugal), dirixido por Verónica Perrotta. Foto: Afonso Becerra.

De Teatro La Plaza de Perú, dirixido por Chela De Ferrari, espazo onde, segundo me contou a propia directora, Alejandro Clavier coordina un criadeiro de dramaturxia que incentiva a creación de textos novos, puidemos ver no Teatro Nacional São João, o 12 de maio, unha fascinante versión de HAMLET de William Shakespeare. A peza que tamén se puido ver en Galiza na 38 MIT Ribadavia, foi o prato forte da primeira semana do FITEI 46. E foino, entre outras razóns, penso eu, porque se trata da primeira vez ou unha das primeiras veces en que podemos ver un Hamlet que nos dá ganas de vivir e que nos carga de ledicia. Unha alegría de vivir ofrecida pola marabillosa enerxía do elenco, formado por persoas adultas con síndrome de Down. A traxedia shakespeareana, na súa dimensión máis filosófica e lúdica, porque Shakespeare sempre é lúdico, dálles a oportunidade para cuestionar os nosos prexuízos respecto ao que podemos considerar como unha “persoa normal”. Chela e a súa equipa encontraron solucións tan brillantes como sinxelas para unha selección de escenas da obra orixinal a través das cales nos representan, mudando os actores de personaxes como quen se pasa unha pelota nun xogo divertido, toda a historia daquel príncipe mítico. Pero, desta vez, o mito ábrese e faise máis vivo e cercano que nunca. O público non só se puxo en pé e aplaudiu con ganas, senón que, ademais, unha boa parte subiu ao palco, convidado polo elenco, para bailar e celebrar.

HAMLET de Teatro La Plaza de Perú. Dirección: Chela De Ferrari. Foto: Afonso Becerra.
HAMLET de Teatro La Plaza de Perú. Dirección: Chela De Ferrari. Foto: Afonso Becerra.

Esa é a sensación coa que eu volvín destes cinco días que pasei no FITEI 46, a de que o teatro pode sandar traumas e, na súa dimensión máis celebratoria e política, infundir algo máis que coraxe ou bravura.

Afonso Becerra

Afonso Becerra

Director da erregueté | Revista Galega de Teatro. Pertence ao seu Consello de Redacción desde o 2006. Doutor en Artes Escénicas pola Universitat Autònoma de Barcelona. Titulado Superior en Dirección escénica e dramaturxia polo Institut del Teatre de Barcelona. Titulado en Interpretación polo ITAE de Asturies. Dramaturgo e director de escena. Exerce a docencia en dramaturxia e escrita dramática na ESAD de Galiza desde o ano 2005. É colaborador, entre outras publicacións, de revistas de cultura e artes performativas como 'ARTEZBLAI', 'Primer Acto', 'Danza en escena', 'Tempos Novos', 'Grial'. Entre setembro de 2019 e xuño de 2021 foi colaborador especialista en artes escénicas da CRTVG, no programa 'ZIGZAG' da TVG. Desde setembro de 2022 é colaborador semanal sobre artes escénicas do 'DIARIO CULTURAL' da RADIO GALEGA.
Premio Álvaro Cunqueiro da Xunta de Galicia en 2001. Premio María Casares á Mellor Adaptación teatral en 2016. Premio de Honra do Festival de Teatro Galego, FETEGA, do Carballiño (Ourense) en 2020. Premio Internacional de Xornalismo Carlos Porto 2024, de prensa especializada, do Festival de Almada, organizado pola Câmara Municipal de Almada, do que tamén recibira unha Mención Honrosa en 2020.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Brokeback Sabucedo

Sal do Teatro estrea ‘Brokeback Sabucedo’

Julio Fernández Heredarás el cosmos

Anómico Teatro estrea ‘Heredarás el cosmos’ no Teatro Ensalle