Fernández del Riego
Francisco Fernández del Riego. Imaxe do Consello da Cultura Galega.
in

Necesidade dun Teatro Galego

Francisco Fernández del Riego tamén dedicou o seu tempo, a súa sensibilidade e esforzo ao teatro

Hoxe festexamos o Día das Letras Galegas. Dende o 17 de maio de 1963 e grazas á idea xa cultivada con tempo previo de quen neste 2023 recibe a merecida homenaxe da RAG e da sociedade nesta xornada de celebración e reivindicación, Francisco Fernández del Riego, levamos 60 anos coa oportunidade de revisitar, coñecer e proxectar as diversas facetas creativas, divulgativas e ensaísticas de distintas figuras dende e para a nosa lingua.

Queremos sumarnos dende a Erregueté a esta vasta e en moitos casos sorprendente achega á figura dun divulgador, activista ou mesmo obreiro para algúns estudosos, da cultura e do galeguismo. Un pensador, del Riego, que tamén adicou o seu tempo, a súa sensibilidade e esforzo ao teatro.

Quero agradecer ao escritor e crítico Ramón Nicolás, que me fixese chegar un documento para min absolutamente descoñecido (e seguro que para a meirande parte do público e das creadoras e creadores escénicos galegos). Un documento no cal detérmonos para reflexionar sobre o lugar que ocupa na nosa sociedade o teatro, a súa xestión e o seu valor diferencial no inmenso globo, que diría o bardo inglés. O día 8 de novembro de 1934 Francisco Fernández del Riego asinaba un artigo, nas páxinas do periódico vigués El Pueblo Gallego, titulado “Necesidade dun Teatro Galego”. Un inspirador texto que zumega consciencia ecolóxica da expresión teatral, defensa dun teatro popular, planificación sistémica e visión internacional en tanto que posicionado dende o carácter diferencial pero coñecedor doutros programas singulares e valores comúns coma o de La Barraca de Federico García Lorca, as dramaturxias nacionais europeas e as súas identidades ou os valores transversais de índole social da Institución Libre de Ensinanza, por exemplo.

Publicidade

Este relevante documento para a Historia do Teatro Galego mestura reflexións equilibradas na expresión do máis concreto valor da recepción teatral en contra do elitismo até outros treitos máis poéticos e que, polo tanto, nos espertan e estimulan en maior medida a capacidade de interpretación e proxección sobre a nosa realidade presente. Así, veremos xa dende o comezo do texto esa dualidade, entre a contundencia da convicción de prioridades para unha cultura galega normalizada no momento político republicano “Galicia necesita pra si, dun teatro auténtico, galego e popular” e outras expresións que achegan esa diversidade de matices: “na ceibe campía cómpre crear e crer mesmo, rexurdir crenzas, acender entusiasmos, inventar o clima”. O orgullo dunha ferramenta de expresión propia, a función emotiva, o poder cohesionador e a capacidade de (re)coñecerse e valorarse a si mesmo ese espectador galego, dende as mariñas ás brañas do interior, están na capa dun coñecemento profundo da dramaturxia da recepción e das funcións sociais do teatro de quen foi editor, ensaísta, promotor e militante galeguista.

Ten clara a necesidade selectiva, prescritiva, o criterio, a aposta e a finalidade. Nun proxecto rigoroso dun teatro nacional, como podemos ver no repertorio das instuitucións máis prestixiosas, dende o Royal Court ata o VolksBühne, é preciso conformar un repertorio en base a obxectivos e misións concretas do teatro público ou Nacional Popular, seguindo a denominación do proxecto francés impulsado por Firmin Gémier a partir de 1920. Del Riego coñece ben toda esta cuestión teórica e pragmática, como delata este seu escrito.

No repertorio dramático da súa visión subxectiva (coma toda aposta dunha Dirección Artística), na defensa do teatro galego que entende debe existir nese contexto e nesa realidade histórica do ano 1934, recoñece o valor da tradición e a conexión coa creación da xente moza capaz de conectar cunha maioría social. Valora os autos de Gil Vicente, a obra de Rafael Dieste, o teatro de Álvaro de las Casas, os Evanxeos da risa absoluta de Vilar Ponte e tamén as adaptacións de Valle-Inclán, nun pensamento vangardista en contra de calquera tipo do que hoxe poderiamos considerar colonización dunha lingua en contacto de maior poder nun contexto diglósico. Tamén cunha intelixente visión de construción de pontes entre xeracións, como apunta a estudosa Camiño Noia. Alenta que a xente nova se instale na creación dende a nosa lingua propia e de Valle-Inclán, a quen recoñece o valor dramático, di: “capitán de aventuras e bohemio de café, somella chamar a berros dende o seu desterro de penas, ao roteiro da Terra, chantado en toda-las páxinas dos seus libros.” De aí que aconselle ese repertorio propio e adaptado (traducido) entre a xente moza e a literatura a saír do libro e a facerse humana que diría Lorca, pero na adaptación do “selo espiritual e social do noso ser diferenciado, a intelixencia e a vontade da Galicia popular”.

Foxe dos tópicos decimonónicos e quere conectar a Galicia coa vangarda e coa tradición, sen os valores que poidan vir dunha visión centralista da cultura e do Estado. Hoxe, que moitas veces valoramos os éxitos teatrais en función do que sucede en Madrid, resulta máis iluminador aínda o pensamento teatral de Francisco F. del Riego para tomarmos consciencia e orgullo e, tamén, vías alternativas ou disidentes de contestación cultural ao imposto simbólica e funcionalmente pola inercia centralista. Apunta que “o teatro nacional ten que tallar en remuíños ardentes as imaxes lacerantes da tradición dun pobo, ten que tallalos con coitelos de anguria e enroxecelas co sangue de imaxineiro e de patriota galego. Un arte social, un arte autóctono novo, pra dicilo nos escenarios do agro, ante un público de labregos”.

Rachando os tópicos, o que el denomina con certo humor “fedor a colillas”, proponse a defender un moi actual concepto de ecoloxía cultural, plural e empática, que non renuncia á exploración, pero que en calquera caso non practique un xesto condescendente dende o escenario cara o pobre público inculto e embrutecido da realidade xeográfica galega. Contra ese proselitismo, proclama o tamén autor de Danzas populares gallegas ou Cos ollos do noso esprito, un teatro de pouso antropolóxico, tanto nos espazos de representación convencionais coma nos non convencionais, nunha irradiación comunitaria onde crear feixes de claridades e certidumes para o progreso popular, entendendo o teatro como entendeu tamén a universidade galega, cando no ano 1933, xunto con Carballo Calero demanda a incorporación da lingua e da cultura galegas á Universidade de Santiago de Compostela, independente de Madrid, coma un dereito e non un privilexio tamén para a mocidade galega que puidese ter menos recursos. Así, na defensa nidia da creación de proximidade que diriamos hoxe “o teatro en Galicia non ten de enxergarse pra metelo nun local con bambalinas e decorados artificiosos, limitado a teligrear tódalas vilezas do señor que paga un peso, senón que ha de facerse con cobiza de contaxiar os seus fervores no escenario da Natureza, creando no pobo aquela sabiduría do cerne patriótico que foi un tempo patrimonio común e hoxe tan só botín dunha illada elite.”

As intelixencias diversas, a defensa da igualdade, o poder popular a través dunha defensa dun tipo de teatro galego e universal, iso é que temos neste artigo que rescatamos este 17 de maio de 2023 para soñarmos e traballarmos dende a xestión teatral profesional e responsable dos nosos tempos, esa necesidade da que falaba del Riego. Como dixo tamén a investigadora Malores Villanueva nun acto compartido en Ribadavia, co gallo desta e doutras efemérides da cultura en terras teatrais do Ribeiro, se non hai xente coma don Paco del Riego animando e promovendo, a bolboreta deixará de nomearse así e pasará a ser mariposa. Necesidade dun Teatro Galego. Feliz Día das Letras Galegas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Roberto Pascual

Roberto Pascual

É director da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, profesor na ESAD de Galicia e colaborador no Diario Cultural da Radio Galega. No ámbito creativo e investigador, publicou 'Roberto Vidal Bolaño e os oficios do teatro' (Xerais), '40 anos daquel Abrente' (Galaxia), traduciu e editou a obra de Raúl Dans 'Matalobos' para a ADE, traduciu ao portugués, castelán e galego a obra 'La Merda', de Cristian Ceresoli, traballou como redactor no Dicionario de termos escénicos do web do CCG, realizou o guión do documental 'Non vale parar'. No ámbito da xestión cultural, traballou como asesor no INAEM - Ministerio de Cultura, para o Cabildo de Tenerife, o Instituto Cervantes, a Universidade Complutense ou en informes e comisións do Consello da Cultura Galega. Ten participado en conferencias e encontros diversos, dende o FITEI do Porto ata o HtH CDN de Montpellier, ten publicado artigos en actas de Congresos, revistas e ponencias de diversos países. En 2016 foi o voceiro da Comisión redactora do Anteproxecto de lei de Artes Escénicas de Galicia, presentado no Parlamento de Galicia e pendente de tramitación.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Julio Fernández Heredarás el cosmos

Anómico Teatro estrea ‘Heredarás el cosmos’ no Teatro Ensalle

'Ollos cara adentro' de Elena Castellanos e Xián Martínez. @ixa.danza. Foto: @blancaclarita

Celébrase o III Certame Coreográfico Compostela