in

A Agadic subvenciona as novas montaxes de 29 compañías galegas

Estas axudas á creación escénica contan cun orzamento global de 800 000 euros

Vaivén reducida
'Vaivén', de Marcia Vázquez. Fonte: Agadic.

A Xunta impulsará os novos espectáculos de 29 compañías galegas a través das subvencións á creación escénica, liña de axudas ás que destina 800 000 euros na convocatoria da Agadic para este ano. A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades distribúe estes fondos entre as dúas compañías beneficiarias na modalidade de proxectos plurianuais, as sete propostas escollidas na categoría de formacións de recente fundación, as cinco pezas seleccionadas no ámbito da danza e os 15 futuros espectáculos elixidos na categoría xeral que engloba as disciplinas de maxia, novo circo e teatro.

Malasombra Producións e Talía Teatro recibirán 100 000 euros cada unha ao seren as dúas compañías seleccionadas na modalidade de proxectos plurianuais. Este apartado das axudas, cuxas contías divídense entre os diferentes exercicios do período 2023-2025, ten como meta facilitar o desenvolvemento a medio prazo da planificación da actividade, tanto empresarial como artística, de cada unha das compañías.

Así, Talía Teatro producirá o espectáculo Un deus salvaxe, da dramaturga gala Yasmina Reza, e DeseXo, peza na que se abordarán as consecuencias da pornografía na adolescencia. Pola súa banda, Malasombra tamén levará a escena dúas montaxes: O Proceso, centrada na figura de Curros Enríquez, e Testosterona, obra da dramaturga mexicana Sabina Berman, quen pon o foco no machismo e mais na desigualdade.

De Chévere a Excéntricas

No que respecta á modalidade de teatro, novo circo e maxia, a Xunta apoiará as novas propostas escénicas de 15 compañías. Deste xeitp, Ibuprofeno Teatro contará con esta subvención para Deadpan Karaoke, novo espectáculo unipersoal de Marián Bañobre dirixido por Patricia Rodríguez; Redrum Teatro para traer ao galego O pequeno poni, texto do dramaturgo andaluz Paco Bezerra; ButacaZero para abordar a figura de Manuel Fraga en Iribarne, e o Grupo Chévere, cunha nova proposta partirá da vida e obra da escritora e activista xordomuda estadounidense Hellen Keller.

Pola súa banda, Producións Teatrais Excéntricas contará con esta axuda para Monstros, espectáculo para o público familiar escrito por Lucía Aldao e María Lado; Teatro do Noroeste para a comedia negra As damas de Ferrol; Contraproducións, para unir ao seu repertorio unha nova adaptación dun texto do irlandés Martin McDonagh presentado baixo o título Entrega en man, e Sarabela Teatro para producir a súa nova proposta sobre a inmigración O dragón de ouro. 


Publicidade

Dúas compañías do xénero de monicreques recibirán apoio para as súas novas producións: Títeres Cachirulo, que levará a escena A canción do dragón, e A Xanela do Maxín, que fará o propio con Confi. Tamén contarán co apoio da Xunta Os Náufragos Teatro para a súa obra Noso; Etiqueta Negra Producións para Go home, e Culturactiva para Vía Morta, ademais de dúas compañías que lanzarán espectáculos de rúa: Troula Animación, para o proxecto Hexagonum A cuadratura do círculo, e  Pistacatro para Latexo.

Propostas de danza

Cinco son as montaxes subvencionadas na modalidade de danza. Atópanse nesta categoría propostas como X, obra sobre a identidade de xénero para oito bailaríns e bailarinas da compañía de danza de Fran Sieira; Bionic, peza da formación La Guajira (antes Entremáns) que pivota sobre a relación da humanidade coa tecnoloxía, ou Anöa, proxecto multidisciplinar sobre o cotián de Elvi Balboa. A relación de obras de artes vivas apoiadas pola Xunta complétase con Sobre, a nova produción de Teatro Ensalle que trata as chamadas “sociedades líquidas”, e Drosselmeyer, de Thinking Up Events.

Compañías novas

A Consellería de Cultura contribuirá tamén mediante esta liña aos proxectos escénicos de sete compañías de recente fundación. Entre as formacións e persoas beneficiarias nesta categoría atópanse Antón Coucheiro para a obra de clown Cigâni 100, Manekineko para a peza musical sobre a saúde mental asinada por Ernesto Is Cancións amarelas, flores tristes, Constanza Hurlé para Penélope: destecendo o vínculo, ou Arturo Cobas para a comedia xestual Bagage. Completan a relación de beneficiarios neste apartado Marcia Vázquez co seu Vaivén, Julia Laport Rivas, do Colectivo D’Elas, con É difícil fotografar o baleiro, e David Rodríguez Alonso para O que é o raio, nin maldita idea.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Terceiro acto CDG

O CDG celebrará o seu 40º aniversario cun espectáculo especial

O futuro ao outro lado do espello. Aula de Teatro SEI San Narciso

25 anos de teatro no ensino secundario do Morrazo