A dramaturga galega Paula Carballeira vén de ser galardoada co Premio Nacional de Literatura Dramática, correspondente ao ano 2023, pola súa obra As alumnas, a proposta do xurado, que se reuniu hoxe. O premio, concedido polo Ministerio de Cultura e Deporte, está dotado con 30.000 euros.
O xurado destacou esta obra “por ser un eloxio do maxisterio que ensina sobre a dúbida e o debate. Polos seus valores dramáticos, a riqueza de matices e pola recuperación dunha muller referente para o ensino galego, símbolo da educación moderna, igualitaria e transformadora que propoñía II República”.
Ademais, o xurado quixo poñer en valor como “a autora, a través dunha investigación rigorosa, propón ao público un texto que homenaxea a todos os mestres e ao modelo de escola laica, libre e dunha pedagoxía avanzada”.
O premio recoñecera na súa anterior edición a Josep Maria Miró Coromina, uníndose a unha ampla listaxe de persoas galardoadas, entre as que se atopan Pablo Remón, Guillem Clua, Alberto Conejero, Yolanda García Serrano, Alfredo Sanzol, Juan Mayorga ou Angélica Liddell, entre outras.