in

Sebastián Moreno gaña o IV Premio PLATTA de Teatro Breve con ‘Sakura’

Carolina África Martín recibe un accésit nunha edición multitudinaria que contou con 86 textos de diversos países de Europa e Latinoamérica

sebastian moreno premio platta
Sebastián Moreno e Carolina África, premio e accésit do PLATTA 2023

O Premio PLATTA de Teatro Breve resolveu a cuarta edición na que concorreron un total de 86 textos escritos nas 3 linguas PLATTA (portugués, galego e castelán). A procedencia foi moi diversa, recibindo traballos de distintos países de Latinoamérica (Uruguai, Chile, Arxentina, Porto Rico e México), e tamén de Suiza, Portugal, Galicia e diversos lugares do resto de España.

O xurado decidiu por unanimidade conceder o IV Premio PLATTA de Teatro Breve a Sebastián Moreno pola obra “[Sakura] La flor del cerezo”. Destacou o coidado da edición; a linguaxe poética nada sensacionalista que vai deixando preguntas sen dar solucións, e esperta o interese no lector ou lectora activa que descobre aos poucos o que está a acontecer. Finalmente, a división en dous planos da composición: o plano narrativo ofrece moitas posibilidades de xogar co narrador, que fala desde un lugar emocional e ten a liberdade que os personaxes do plano da acción dramática non teñen.

Asemade, e dada a calidade de moitos traballos recibidos, o xurado decidiu conceder un accésit a Carolina África Martín polo texto Koumpounofobia, que comeza con certo humor debido á fobia aos botóns dun dos personaxes, e xira inesperadamente para introducirnos no interior dunha muller que padece un trauma. Tamén destacaron do texto o gran abano de posibilidades dramáticas que ofrece.

O xurado estivo composto polo dramaturgo, actor e director portugués da Associação Teatral Quinta Parede, José Caldas, a actriz, dramaturga e directora galega Clara Gayo, o actor e director burgalés da compañía Arawake, Jorge da Rocha e, actuando como secretario, con voz pero sen voto, Xoán Carlos Riobó pola erregueté, entidade organizadora.


Publicidade

Os textos, nas tres linguas, formarán parte das lecturas dramatizadas que de desenvolverán nos próximos festivais PLATTA. “[Sakura] La flor del cerezo”, o 22 de setembro no Teatro Sá de Miranda de Viana do Castelo, festival PLATTA organizado por Teatro do Noroeste-Centro Dramático de Viana-TEIA (Teatro en Iniciativa Associativa) e  Koumpounofobia, dentro do Festival  Transfronteirizo de Teatro Amador que a Federación de Teatro Amateur de Castilla y León (FETACYL) organizará o próximo ano, con lugar e datas por determinar.

Autores con traxectoria

Sebastián Moreno (Palma de Mallorca, 1985) combina as facetas de autor, actor e director de escena. Desde 2015 é xunto a Raquel Calonge e David Utilla, director e dramaturgo da compañía La Casquería. É Premio Calamonte Joven con La orilla también duele, Premio Internacional de Dramaturgia Invasora con Nana de la desaparición, Premio Villacarrillo Imaginaria con El vals de la desesperanza, Premio Dramaturgo José Moreno Areas con Alepo significa leche fresca e El alma en un suspiro, Premio Teatriem con El hombre de la barba minada de leyendas, entre outros

Carolina África Martín Pajares (Madrid, 1980) é unha dramaturga e directora de teatro, actriz, produtora e xornalista. Entre os seus traballos destacan Verano en diciembre, Premio Calderón de la Barca en 2012, Vientos de levante e La penúltima. Como actriz de cinema traballou con David Trueba en ‘Vivir es fácil con los ojos cerrados,’ ‘Ya nadie escribe cartas’ e ‘¿Qué fue de Jorge Sanz?’.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

'A escola de Doloriñas' de Julia Minguillón (1906-1965). Museo Provincial de Lugo.

Comeza o curso escolar e todas as persoas somos as alumnas

'O Deus do Pop' de Diego Anido.

O FIOT desvela a programación da súa 32ª edición