Bailar no ceo, o proxecto gañador da segunda edición da bolsa de dramaturxia e creación do Centro Dramático Galego, poderá verse esta fin de semana por primeira vez en forma de espectáculo. O Auditorio Muncipal Xosé Manuel Pazos Varela de Cangas acolle hoxe, venres 22 de setembro, ás 21.00 horas, a preestrea desta montaxe, coproducida pola compañía Xerpo e o Centro Dramático Galego, a partir do texto da actriz e dramaturga Ana Abad de Larriva.
Cangas acolle así a primeira apertura ao público da peza, que irá seguida tamén dun coloquio posfunción, antes da súa estrea este sábado, 23 de setembro, ás 21.00 horas, no Auditorio Emilia Pardo Bazán de Sanxenxo.
Bailar no ceo arrancará despois, en outubro, unha xira que, polo de agora, terá paradas en Ponteareas, o 12 de outubro; no Porriño, o 14 de outubro, ata a súa chegada a Santiago, onde se poderá ver no Salón Teatro do Centro Dramático o 29 de outubro.
A montaxe
A peza fai un achegamento ás orixes da aviación en Galicia, e, en concreto, a dúas figuras pioneiras, José Piñeiro e Chichana Patiño, ao tempo que establece pontes entre a arte, a maxia de voar e a maxia de vivir.
A montaxe está dirixida por Irene Moreira, e foi concibida acorde co espírito contemporáneo e tecnolóxico da compañía Xerpo. A escenificación, segundo explica a compañía, “procura o equilibrio entre a profundidade dos datos biográficos presentes na obra coa poética que fía a obra de Ana Abad de Larriva, nunha posta en escena viva e cambiante grazas tamén á iluminación de Bea de Vega e á animación para as proxeccións de Roi Fernández”. O elenco está formado por Cora Velasco, Álex Sobrino e Ana Abad de Larriva; e Fran Leboso encárgase do son.
Ficha artística e técnica
Obra: Bailar no ceo
Autoría: Ana Abad de Larriva
Compañía: Xerpo
Dramaturxia: Irene Moreira e Ana Abad de Larriva
Dirección: Irene Moreira
Intérpretes: Cora Velasco // Rocío Otero; Ana Abad de Larriva e Álex Sobrino
Iluminación: Beatriz de Vega
Animación 2D: Roi Fernández
Son e proxeccións: Fran Leboso
Gravación son: Estudios Parolas
Produción: Centro Dramático Galego e Xerpo
Colabora: Concello de Cangas / Auditorio Municipal “Xosé Manuel Pazos Varela”