in ,

ButacaZero estrea ‘Iribarne’ no teatro Valle-Inclán de Madrid

É unha coprodución da compañía co CDN e coa MIT de Ribadavia

IRIBARNE © Geraldine Leloutre
'IRIBARNE'. Imaxe de Geraldine Leloutre.

ButacaZero estrea a súa nova proposta escénica, IRIBARNE, hoxe, 12 de outubro, noTeatro Valle-Inclán de Madrid. A peza, unha revisión da figura de Fraga en clave de humor, é unha coprodución de ButacaZero co Centro Dramático Nacional (CDN) e a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia e estará en cartel na Sala Francisco Nieva ata o 12 de novembro.

IRIBARNE é o sétimo proxecto do tándem creativo formado por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira, ambos os dous fundadores da compañía ButacaZero, e segue o ronsel das súas anteriores propostas escénicas, fundamentadas na investigación e na reflexión para dialogar co presente dende unha ollada crítica e irónica. A obra está escrita por Carrodeguas, que a presenta como “un intento (irreverente) por comprender como chegamos ata aquí camiñando da man dun deses personaxes secundarios, pero incriblemente imprescindibles da nosa historia”. Segundo ela, é “o traballo máis difícil que escribín ata agora” e engade que “foi complexo atopar o punto de equilibrio do humor, do estilo, así como o lugar dende o que se situar”. Pola súa banda, para Castiñeira, responsable da dirección de IRIBARNE, “este personaxe é inabarcable”, di del: “entendo o que fixo, pero non dende onde o fixo e por que o fixo”; e salienta as contradicións que foron atopando durante o proceso de investigación, tanto da súa biografía persoal como da súa traxectoria política.

Ambos os dous sinalan que pertencen a unha xeración, a da transición, “que medrou rodeada dun silencio tácito arredor da historia política recente”, e embarcarse neste proxecto axudounos a entender de onde vimos. “Paréceme moi interesante que a obra, que se sustenta sobre o silencio, abra portas ao diálogo, aínda que sexa para provocar controversia”, apunta Carrodeguas.

A montaxe está formulada en tres episodios, que reflicten a evolución política do noso país, dende o franquismo, a transición e a democracia, para culminar co período de hexemonía de Fraga en Galicia. “Pareceunos que un político que ocupara cargos de alta responsabilidade e que se mantivo no poder ao longo dun período tan dilatado podería ser un personaxe interesante para falar sobre a identidade de España”, sinala a dramaturga, que, preguntada polo seu balance logo de investigar a figura do político, o cualifica como “un gran creador de contidos, que era quen de xerar o discurso que a el lle conviña en cada momento”.


Publicidade

A posta en escena de IRIBARNE ofrece, con ritmo frenético, un xogo coral no que todo o elenco (integrado por Xurxo Cortázar, Jorge de Arcos, Esther F. Carrodeguas, Mónica García, Anxo Outumuro e Lidia Veiga) se vai dando o relevo para interpretar a Fraga. “Trátase dunha peza extremadamente divertida, moi tola, moi teatral de ver”, afirma o seu director. “Nela caben todas as iconas pop das diferentes épocas, dende Palomares ata Salomé, Massiel, Serrat… pasando por episodios máis tráxicos, como Grimau, os asasinatos de ETA ou a morte de Franco”, explica. “Percorremos dende a infancia ata a morte de Fraga, e iso é toda a historia recente do país”, afirma tamén Castiñeira. “Pero non estamos a intentar facer historia nin un biopic, senón darlle unha volta moi cómica e contemporánea, mirando dende aquí e agora, sen acritude, o pasado”, conclúe o director.

Completan o equipo artístico Diego Valeiras, que asina o espazo escénico xunto ao propio Xavier Castiñeira e mais o vestiario, Diego Vilar, a cargo da iluminación, Pablo Fontenla, responsable da parte audiovisual, a coreógrafa Sabela Domínguez e o produtor musical Berto, que creou unha banda sonora orixinal da obra que inclúe o single WHO THE F*CK IS IRIBARNE? e que será editada por Subterfuge Records.

A compañía

ButacaZero é a plataforma creativa posta en marcha por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira. Con propostas como Voaxa e Carmín, #camiños, Despois das ondas, 32m2, Pagagena ou O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada, a compañía sitúase como un referente do teatro contemporáneo no panorama escénico galego. As súas creacións concrétanse en dramaturxias feitas á medida, nas que a tradición teatral se mestura coas linguaxes contemporáneas.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Buenas Noches Europa Animasur

O FITO inaugura hoxe a súa 16ª edición

FIOT32 Presentación O pequeno poni © Vanessa Rábade

Redrum Teatro estrea ‘O pequeno poni’ no FIOT