Dirixido ás creadoras e creadores que están a escribir ou a bosquexar algún tipo de peza para os escenarios, a AELG convoca o VI Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2023: Galiza + Portugal, co apoio do Concello da Coruña, CEDRO, a subvención da Deputación Provincial da Coruña e a complicidade do Centro Cultural Português em Vigo do Instituto Camões.
Coa finalidade de facilitar, visibilizar e abrir espazos de encontro para compartir eses procesos de creación e para encontrar unha complicidade e un diálogo que poida potenciar pezas en construción.
Nesta sexta edición, o festival acollerá 7 proxectos (4 galegos e 3 portugueses), que serán amosados e compartidos en público.
Desa selección, logo das presentacións no VI Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2023: Galiza + Portugal, a comisión organizadora da AELG, Xosé Paulo Rodríguez, director do Teatro Rosalía de Castro da Coruña, Célia Guido Mendes, en representación do CCP en Vigo do Instituto Camões, e o director convidado para a Masterclass, Luís Miguel Franco da Silva, director do Teatro Diogo Bernardes de Ponte de Lima, contando co voto emitido polos propios participantes, premiarán un proxecto coa posibilidade da súa estrea.
O festival celebrarase o sábado 18 de novembro de 2023 no Forum Metropolitano da Coruña.
BASES DA CONVOCATORIA PARA O VI FESTIVAL PEZAS DUN TEATRO DO PORVIR 2023, GALIZA + PORTUGAL
Convocatoria aberta a 7 proxectos de artes escénicas que utilicen textos en galego/portugués, individuais ou colectivos, para un espectáculo en calquera das modalidades e xéneros das artes escénicas. Debe tratarse dunha peza ou proposta escénica que estea en proceso de creación/realización.
Un comité de selección, formado pola comisión organizadora da AELG, Xosé Paulo Rodríguez, director do Teatro Rosalía de Castro da Coruña, Luís Miguel Franco da Silva, director do Teatro Diogo Bernardes de Ponte de Lima, e Célia Guido Mendes, en representación do CCP en Vigo do Instituto Camões, baseándose en criterios artísticos, escollerá 4 propostas de Galiza e 3 propostas de Portugal, para ser (re)presentadas no VI Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2023: Galiza + Portugal.
Unha vez (re)presentadas, as/os creadoras/es de cada proxecto presentado deberán emitir un voto secreto polo proxecto que consideren mellor, excluíndo na papeleta de votación o propio proxecto. Estes votos e os da comisión organizadora, presidida por Xosé Paulo Rodríguez, director do Teatro Rosalía de Castro da Coruña, Luís Miguel Franco da Silva, director do Teatro Diogo Bernardes de Ponte de Lima, e Célia Guido Mendes, en representación do CCP en Vigo do Instituto Camões, concederán o II PREMIO VI FESTIVAL PEZAS DUN TEATRO DO PORVIR 2023, que consistirá na estrea da peza.
O funcionamento deste festival consta dunha exposición ou mostra dun fragmento da peza ou da peza enteira, no caso de ser breve, dentro dunha duración máxima de 15 minutos. Xusto despois, haberá un tempo complementario para unha breve análise, debate ou conversa ao seu respecto, dentro dunha duración máxima 15 minutos.
No breve debate posterior ás presentacións buscaríase coñecer a reacción do público, nun diálogo que poida servir para enriquecer, por parte da/o dramaturga/o ou equipa de dramaturxia, o acabado desas pezas en proceso.
As (re)presentacións faranse no formato que cada dramaturga/o ou equipa de dramaturxia considere máis axeitado. Privilexiaranse as presentacións que reforcen ou indaguen no escénico, máis do que na simple lectura dun texto.
Aínda que o nome deste evento é “Festival”, non conta coas infraestruturas nin a capacidade de produción dun festival de artes escénicas ao uso. Neste caso trátase dun espazo diáfano, cunha luz xeral e con mínimas posibilidades no que atinxe a equipamento técnico. Tampouco hai tremoias nin persoal técnico ao servizo das (re)presentacións dos proxectos. Por tanto, é necesario que as/os creadoras/es amosen o seu traballo, ou o bosquexo do seu traballo, dentro das súas propias capacidades para facelo.
Condicións:
– Asígnase un orzamento total de 350 euros para cada proxecto seleccionado desde Galiza e 450 euros para cada proxecto seleccionado desde Portugal, onde se entenden incluídos todos os custos (desprazamentos, etc.).
– Prazo para a presentación de propostas: 3 de novembro de 2023.
– A selección dos proxectos será realizada por parte da organización (Sección de Literatura Dramática da AELG, Xosé Paulo Rodríguez, director dos teatros municipais da Coruña, o director do Teatro Diogo Bernardes de Ponte de Lima, Luís Miguel Franco da Silva, e Célia Guido Mendes, en representación do CCP en Vigo do Instituto Camões) en función de:
+ Descrición e formulación do proxecto.
+ Breve mostra da peza.
+ Currículum das/os dramaturgas/os.
Estes materiais deberán ser enviados en formato dixital, antes das 24 h. do 3 de novembro de 2023, a: [email protected]
– As/os creadoras/es seleccionadas/os para (re)presentaren os seus proxectos escénicos deben comprometerse a estaren presentes durante toda a xornada que dura o Festival e participaren nos debates dos proxectos (re)presentados polas/os súas/seus colegas, de tal xeito que poidan, ao final da xornada, emitiren o voto correspondente para o II Premio VI Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2023: Galiza + Portugal.