in

MicroEscena Lab

A Morada do teatro

Laura Albasi e María Prado no MicroEscena Lab. Imaxe de María Fariñas.
Laura Albasi e María Prado no MicroEscena Lab. Imaxe de María Fariñas.

En que lugar mora o teatro?

Se cadra, ao escoitar a palabra “teatro”, pensemos no edificio do mesmo nome, un edificio de arquitectura singular, e que dentro acolle o escenario, o pano, as bambolinas, o patio de butacas. Mais o teatro existe aló onde haxa persoas dispostas a participar dun mesmo xogo: unha que actúa (do latín medieval actuare: levar a cabo, mover cara adiante) e outra que observa (“mirar con atención”).

Polo tanto, o envoltorio non é máis que unha axuda para desenvolver o feito teatral. Un contedor, unha ferramenta.

É por iso que o teatro pode aparecer non só nos “teatros”, senón en salas, auditorios, rúas, prazas e outros espazos. Chamar a estes espazos “alternativos” fala máis da norma á que estamos acostumados que da necesidade artística per se. O feito teatral pode acontecer en calquera espazo, sempre que haxa polo menos dous seres humanos de acordo en que isto aconteza: unhe coa vontade de “moverse cara adiante” e outre coa de observar ese movemento.

O óptimo sería que o teatro acontecese aló onde se fornecesen os medios máis adoitados mais, como en Galiza os medios non abundan -no técnico en xeral e no económico en particular-, se cadra sexa por iso que cada vez agroman máis espazos “alternativos” onde es interesades acudimos a participar deste arte único que acontece entre as persoas: a arte viva.

Un destes espazos é A Morada Cooperativa.

A Morada naceu en Vigo como un lugar de seguridade e coidado para as veciñas. Dende entón, abriron a súa casa a diferentes cursos, mostras e obradoiros onde ir tecendo unha comunidade moi precisa no noso tempo. E, por suposto, tamén está aberta ao teatro.


Publicidade

Nese eido, A Morada ofrece de xeito regular o MicroEscena Lab, onde ceden o seu espazo para ser habitado por espectáculos en formato breve (uns 15 minutos cada un), que estean desenvoltos en diferentes fases (investigación, composición, confrontación co público) e exhibidos en diferentes acubillos da mesma casa, de xeito simultáneo.

No pasado MicroEscena Lab tiven a sorte de coñecer este espazo e a xenerosidade coa que constrúen unha cidade mellor. Nesta ocasión, foron tres as pezas que puidemos ver, de tres colectivos diferentes: Souvenir, Amparo Martínez e o dúo formado polas intérpretes Laura Albasi e María Prado.

Seguindo un percorrido marcado polas anfitrioas, comezamos coa peza ofrecida por Souvenir, integrado por David Alonso e María de las Llanderas, que estrearon un anaco dunha peza que será estreada en breve. Unha comedia física onde podemos recoñecer a “zombificación” do turista e o uso na parella.

Amparo Martínez ofreceunos un diálogo entre o presente e o pasado, proxectando unha investigación propia gravada nos anos 90 e confrontándoa cunha posíbel actualización, onde a mesma bailarina desenvolve unha rutina semellante nunhas escaleiras, nesta viaxe de recuperación da danza na que Martínez leva inmersa os últimos tempos.

Laura Albasi e María Prado ofreceron, ao meu parecer, a peza máis arriscada da sesión. Unha instalación a través da carne, unha escultura vivinte (como a chamou algunha persoa do público) onde unha muller peitea de xeito incesante a outra, ámbalas dúas metidas na mesma bañeira, e onde as texturas participan compoñendo un espazo de lama líquida e soños. A proposta, audaz pola dificultade á que expuxeron ao público, precisou do dobre de tempo acostumado para que es espectadores puidésemos ir rompendo os nosos prexuízos e entrando no xogo escénico: achegarse, afastarse, sentarse, tumbarse, recolocarse, quedarse, marchar, volver. Mentres tanto, o bucle infinito seguía a acontecer, ofrecendo unha imaxe perenne onde a importancia recae no xesto e nas infinitas posibilidades que este ofrece.

Tres propostas moi desemellantes e ao tempo moi vinculadas entre si, que nos abriron unha reflexión sobre o paso do tempo e o lugar no que decidimos colocarnos fronte ao mesmo, e que converteron esta sesión do MicroEscena Lab nun dos seráns teatrais máis interesantes no que ultimamente vai ofrecendo a cidade de Vigo.

MicroEscena Lab, VVAA

Souvenir: David Alonso, María de las Llanderas

Amparo Martínez

Laura Albasi, María Prado

A Morada Cooperativa, Vigo. 29 de setembro de 2023.

Avatar

Iván Fernández

Actor, director, dramaturgo e profesor de teatro. Graduado en Arte Dramática pola ESAD de Galicia, na especialidade de Dirección de Escena. O meu eido profesional abrengue o teatro en moi diversos aspectos, dende a docencia con menores e adultos ao campo terapéutico, atopando o teatro como un lugar onde mellor coñecerse a unhe mesme. Dende este aspecto, creo os obradoiros de Teatro Emocional en 2013 ou comezo a colaborar con impresións e crónicas sobre espectáculos na Erregueté, O Galiñeiro, Praza Pública ou a TVG, no programa "Zig Zag Diario".

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

As secretarias do Premi Born e a presidenta do Cercle Artístic de Ciutadella con Miguel Ángel González González, gañador do XLVIII Premi Born de Teatre 2023. Foto: Cercle Artístic de Ciutadella.

XLVIII Premi Born de Teatre 2023 para Miguel A. González

'O que é o raio, nin maldita idea' da Cía. Souvenir. Proxecto gañador do I Premio do V Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2022, que se estreará no Teatro Rosalía de Castro da Coruña. Foto: Afonso Becerra.

VI Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2023: Galiza + Portugal