in

Iphixenia na porta do súper

A quen lle presta un sacrificio?

Iphixenia na porta do súper, de Compañía Humana. Imaxe de Alex Sobrino.
Iphixenia na porta do súper, de Compañía Humana. Imaxe de Alex Sobrino.

Cantade polo meu destino, con verbas propicias [..]

Conducídeme, porque son a destrutora de Ilión e dos frixios! [..]

Porque lle vou dar cumprimento ao oráculo co meu sangue [..]

Ifixenia en Áulide, Eurípides

Promovida poles intérpretes Antela Cid e Fran Peleteiro, a Compañía Humana é unha produtora de teatro de recente creación, que apostaron por levar Iphixenia na porta do súper aos escenarios profesionais, á que tivemos ocasión de asistir no Auditorio do Concello de Vigo, dentro dos actos programados ao redor do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.

A partir do texto orixinal do dramaturgo británico Gary Owen (e premiado como Best New Play no UK Theatre Awards e como mellor texto no Festival de Edimburgo no 2015), Iphigenia in Splott, e adaptado ao castelán como Iphigenia en Vallekas por María Hervás, Iphixenia na porta do súper nace como un Traballo de Fin de Estudos da propia intérprete protagonista, Alba Caneda.

O feito de que este traballo, nun comezo un proxecto académico, pase aos escenarios profesionais, pon en relevancia a calidade da formación e o talento que se xunta na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia. Unha escola que acaba de cumprir os seus 18 anos e está a achegar unha cantidade inxente de grandes profesionais que conforman o presente da escena galega.

Sen ir máis lonxe, novas compañías como Vórtice Escénico (Premio Xuventude Crea 2022 con Asfixia), Mevadeus (terceiro premio como espectáculo mellor valorado polo público en Vigocultura 2021 con Outrora nós) ou NegroLópez (estreando o seu espectáculo clown Backstage no 2022) confirman a rendibilidade de ter unha escola superior de estudos de artes escénicas no noso país.

O caso de Iphixenia na porta do súper ratifica esta afirmación, xa que todo o seu equipo artístico está conformado por persoas formadas nas distintas especialidades da ESAD de Galicia, coa propia Alba Caneda como protagonista, Sara Rey (quen dirixiu unha das partes de Shakespeare en Roma no CDG este mesmo ano) na dirección, o equipo conformado polas escenógrafas Carmen Casal e María Torres (As Dúas e Punto) e o intérprete Marcos Grandal na composición do espazo sonoro.

Adaptada pola propia actriz e Fran Peleteiro, Iphixenia na porta do súper conta a historia de Ifi, unha “choni” de barrio, unha “nini” marxinal, quen fai o tránsito da soidade anestesiada pola festa e o alcol cara ao amor adolescente e de aí á traxedia sen paliativos, formulando un sacrificio final co que o autor do texto orixinal a equipara ao mito de Ifixenia, a filla de Agamenón sacrificada polo seu propio pai para aliviar a cólera da deusa Artemisa e poder así partir cara a Troia a comezar a súa famosa guerra.

O sacrificio de Ifixenia ten -digamos- unha xustificación en canto ao contexto da traxedia clásica, onde as forzas superiores a nós humanos -os deuses de ira doada- poden só ser aplacadas co sangue dunha vítima propicia. E que hai máis propicio que unha rapaza inocente e virxe?


Publicidade

Non é este o caso da nosa Ifi, quen non é nin virxe nin inocente. A vida non é doada e ela sábeo moi ben, acostumada como está a ser o centro das miradas prexuizosas da súa veciñanza. Dela non sabemos moito mais que vive coa súa avoa, non traballa e pasa o día tirada, durmindo a mona até que chega a noite, momento no que esperta e se prepara para volver saír.

Unha vida na que podemos ver como a marxinalidade se filtra por cada recanto e como afecta á vida diaria das persoas. Ifi é unha rapaza rebelde, que semella dura pero que devece polo amor, como proba o feito de namorar do primeiro estraño co que liga.

No mito orixinal, Ifixenia foi enganada coa promesa dos seus esponsais con Aquiles cando en realidade camiñaba cara ao seu sacrificio. Ese engano foi o que condenou, en parte, a guerra de Troia e o que acabou coa casa dos Átridas. Neste caso, Ifi cóntanos a mentira de ser unha tía dura e que está de volta de todo cando en realidade devece por saír do pozo de soidade no que vive.

O feito de comezar a sentir que “xa non estou soa” dende esa noite que pasou cun descoñecido fala da súa fame de amor e compañía. Do mesmo xeito que o acoso ao que somete ao tipo logo de terse deitado con el, co que podemos ver a unha rapaza inmatura, que vive máis na súa fantasía que na realidade. Ese “xa non estou soa” avanza un embarazo non buscado pero si desexado e que remata de xeito tráxico, por mor dunha neglixencia médica da que Ifi pode tirar partido pero que será, finalmente, o seu sacrificio.

No texto orixinal, o sacrificio de Ifi ten sentido polo sistema médico inglés, no que é o propio hospital o que ten que pagar, cos seus orzamentos, as indemnizacións polas posíbeis neglixencias médicas que se poidan cometer. Así, Ifi decide renunciar a un diñeiro que a podería sacar da marxinación para que o hospital que a atendeu, de recursos limitados e recortados por un goberno conservador e de economía liberal, non quede aínda máis afogado e deixe sen servizo á mesma veciñanza que a rexeita.

Pero o sistema sanitario español, de competencias derivadas ás comunidades autónomas, é diferente. No noso caso, é a propia administración (en Galiza o servizo público de saúde, o Sergas) a que se fai cargo deste tipo de gastos, sen maiores prexuízos para o hospital en concreto nin para es sees usuaries. Así, a veciñanza non sofre -directamente- polo mal-facer particular des traballadores do centro. É por isto que a solución dramatúrxica na adaptación réstalle dramatismo, xa que no noso contexto a súa renuncia non sería tanto un sacrificio pola comunidade (restablecendo así o equilibrio inicial, como manda o canon da traxedia) como unha inmolación innecesaria.

Isto non sería unha eiva se non tivésemos a necesidade de mirar este espectáculo como unha denuncia social da nosa contorna, pero ao non poñernos noutro contexto, falándonos a nós directamente e empregando ademais o acento grovense natal da protagonista, como espectadores non podemos remediar mirar a Ifi como a unha veciña máis.

O espectáculo, obviamente, xira en torno a Ifi e, polo tanto, á actriz que a interpreta, unha Alba Caneda que é quen de facernos viaxar con ela a través das paisaxes e sucesos que nos conta, do mesmo xeito que vai abrindo o seu corazón aos poucos, malia que o que amose sexa unha coiraza de dureza.

Xira con ela, tamén, o espazo escénico. Ou mellor dito, é a propia intérprete a que o fai xirar, xa que está composto por dous elementos: unha bancada escangallada que fai tanto de sala de espera como de dormitorio; e un taboleiro translúcido onde vai pintando, a modo de “graffiti”, os puntos de inflexión que vive e sofre o seu corazón.

Isto compón un espazo moi espido, unha dificultade escénica que a actriz salva enchendo o resto do espazo coa súa técnica e o vínculo co patio de butacas. Un vínculo posíbel pola evidente conexión e entrega da intérprete ao personaxe, nun exercicio de xenerosidade escénica que se veu recompensado co agarimo do público, evidentemente conmovido pola forza e vontade de personaxe e actriz.

Iphixenia na porta do súper, Compañía Humana
Interpretación: Alba Caneda

Dirección: Sara Rey

Espazo escénico: As Dúas e Punto

Iluminación: As Dúas e Punto

Vestiario: Compañía Humana

Espazo sonoro: Marcos Grandal

Texto orixinal: Gary Owen

Tradución ó galego: Compañía Humana

Adaptación escénica: Fran Peleteiro, Alba Caneda

Unha produción de Compañía Humana co apoio de AGADIC, as Deputacións de A Coruña, Ourense e Pontevedra e seleccionado polo programa Cultura no Camiño 2023.

Auditorio do Concello, Vigo, 15 de novembro de 2023.

Avatar

Iván Fernández

Actor, director, dramaturgo e profesor de teatro. Graduado en Arte Dramática pola ESAD de Galicia, na especialidade de Dirección de Escena. O meu eido profesional abrengue o teatro en moi diversos aspectos, dende a docencia con menores e adultos ao campo terapéutico, atopando o teatro como un lugar onde mellor coñecerse a unhe mesme. Dende este aspecto, creo os obradoiros de Teatro Emocional en 2013 ou comezo a colaborar con impresións e crónicas sobre espectáculos na Erregueté, O Galiñeiro, Praza Pública ou a TVG, no programa "Zig Zag Diario".

1 Comments

Leave a Reply
  1. É lamentável que, em vez de realizar uma crítica construtiva e uma análise apropriada da peça, se busquem trivialidades para comentar, como se fosse um mero exercício para encontrar falhas. Isso parece inadequado para uma revista de teatro galega, denotando certa mesquinhez e falta de experiência na crítica de espetáculos.

    A essência do sacrifício de Ifigênia é renunciar à sua compensação para não prejudicar aqueles que, assim como ela, são marginalizados. Em vez de explorar esse aspecto significativo da obra, a crítica se desvia para discussões irrelevantes sobre a competição entre o Hospital X e o Sergas.

    Como simples espectador, eu gostaria que as críticas nesta revista fossem mais profissionais e focadas em aspectos relevantes da produção teatral. É decepcionante que tenha sido perdida a oportunidade de fornecer uma análise enriquecedora, optando-se, em vez disso, por comentários superficiais sobre disputas administrativas. Essa falta de conteúdo afeta a qualidade da crítica e deixa o leitor perplexo.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

'O que é o raio, nin maldita idea' da Cía. Souvenir. Proposta gañadora na anterior edición.

Este sábado celébrase na Coruña o VI Festival Pezas dun Teatro do Porvir, Galiza + Portugal

Samuel Merino na presentación de 'Vida útil da porcelana'. Foto: Afonso Becerra

Silvia Penas & Samuel Merino (Galiza) e Alexandre Sá (Portugal) gañan o II Premio Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2023