in

Silvia Penas & Samuel Merino (Galiza) e Alexandre Sá (Portugal) gañan o II Premio Festival Pezas dun Teatro do Porvir 2023

Samuel Merino na presentación de 'Vida útil da porcelana'. Foto: Afonso Becerra
Samuel Merino na presentación de 'Vida útil da porcelana'. Foto: Afonso Becerra

Vida útil da porcelana de Silvia Penas e Samuel Merino (Galiza) é a proposta escénica galega que, xunto a Neste momento de Alexandre Sá (Portugal), foron escollidas, por maioría, na votación realizada entre as sete equipas artísticas que participaron con sete propostas no VI Festival Pezas dun Teatro do Porvir: Galiza + Portugal 2023, que organiza a Sección de Literatura Dramática da Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega (AELG), coordinado por Afonso Becerra de Becerreá, e que se celebrou o sábado 18 de novembro no Forum Metropolitano da Coruña.

Este encontro de creadoras/es de artes escénicas, para compartir propostas que están nacendo ou en proceso e que utilizan textos en galego/portugués, realizouse co apoio do Concello da Coruña, da Deputación da Coruña, de CEDRO e do Camões – Centro Cultural Portugués en Vigo e coa complicidade dos teatros municipais de Ponte de Lima, Teatro Diogo Bernardes, a través do seu director artístico, Miguel Franco, e Teatro Rosalía de Castro da Coruña, a través do seu director artístico, Xosé Paulo Rodríguez. Ambos, xunto a Célia Guido Mendes, responsable do Camões – CCP en Vigo, e a Afonso Becerra, coordinador, foron o comité encargado de seleccionar os proxectos que se presentaron, así como, unha vez feitas as presentacións de 15 minutos de cada proposta escénica, máis unha conversa ao seu redor doutros 15 minutos, tomar a decisión de conceder o II Premio Festival Pezas dun Teatro do Porvir: Galiza + Portugal 2023, aos dous proxectos máis votados polas propias creadoras/es participantes.

Así sendo, acordouse que Vida útil da porcelana de Silvia Penas e Samuel Merino (Galiza) teña a súa estrea no Teatro Diogo Bernardes de Ponte de Lima, e Neste momento de Alexandre Sá (Portugal) teña a súa estrea no Forum Metropolitano da Coruña.

Alexandre Sá na presentación de 'Neste momento'. Foto: Afonso Becerra
Alexandre Sá na presentación de ‘Neste momento’. Foto: Afonso Becerra

Silvia Penas (1980) é poeta e performer. O seu traballo ten como punto de partida a creación de textos, cunha forte vocación de indagar na poesía escénica e outros formatos de poesía efémera, de incorporar a palabra poética ao corpo a través da voz. Investiga noutros modos de dicir o texto, confiando en que ese dicir conteña unha capacidade mobilizadora cara á acción e á reflexión.


Publicidade

Samuel Merino (1982) é un creador que, na actualidade, desenvolve o seu labor arredor dunha poética na que se aprecia a pegada indeleble da súa formación en Filosofía (Ldo. pola Universidade de Santiago de Compostela). A súa obra, de carácter autorreferencial toma o corpo da oralidade en recitais musicados e/ou pequenas pezas escénicas a medio camiño, sempre, entre o performativo e o teatral.

Alexandre Sá (1984) é auctor (autor + actor). Licenciado em Marketing em 2007, estreou-se profissionalmente como actor nesse mesmo ano pela Companhia de Teatro de Braga. Desde então tem trabalhado com as mais variadas entidades e artistas nas áreas do teatro físico, comédia, escrita, narração oral e improvisação. De 2010 a 2015 teve formação e prática contínua em clown, máscara e improvisação no Clown Laboratori Porto. Trabalha como autor e actor para o Colectivo Estupendo Inuendo, Associação Teatro Educação e Bairro dos Livros. É também presença regular nos projectos de cinema do realizador Rúben Marques, pela WOW Filmes. De 2015 a 2019 desenvolveu, a par com Isabel Costa, o “capricho artístico” Ando a Estudar Para Ser Poeta. É membro fundador do colectivo de improvisação Ervilha no Topo do Bolo.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Iphixenia na porta do súper, de Compañía Humana. Imaxe de Alex Sobrino.

Iphixenia na porta do súper

Ana Vallés na aula da ESAD de Galicia que leva o seu nome. Foto: Afonso Becerra.

Cando tes que vender a moto