A compañía de teatro Nauta lanza o proxecto “Investigación teatral sobre a identidade de xénero”, unha serie de sesións de teatro comunitario que terán como obxectivo investigar sobre a identidade de xénero dende a expresión teatral, empregando para iso a máscara teatral dende diferentes perspectivas: a máscara expresiva, a media máscara ou a máscara corporal (como poden ser o Drag Queen ou Drag King). A máscara será o elemento nuclear da investigación por ser un elemento transformador no que o corpo da persoa portadora precisa poñerse ao servizo dela e a súa dinámica. Tamén por ser a representación perfecta dos arquetipos e estereotipos sociais resulta unha ferramenta ideal para poñelos en dúbida, deconstruílos e investigar que hai debaixo.
O proxecto, impulsado pola EFFEA (Fondo de Festivais Europeos para Artistas Emerxentes) e en colaboración co Festival Galicreques, pretende crear un espazo interxeracional no que todas as persoas participantes atopen un lugar para expresar as súas inquedanzas, establecendo unha alianza coa xente local e atraendo á xente adulta e adolescente a achegarse ao teatro e aos novos xeitos de crear, dende un compromiso social. Entre os obxectivos do proxecto tamén está “explorar distintas maneiras de investigar a máscara dende diferentes perspectivas; entre elas, abrir unha porta ao coñecemento do mundo drag ao tempo que se visibiliza o colectivo drag e o LGBTIQ+”.
Para iso, contarán coa colaboración de Nico Elsker, intérprete teatral, performer, animador e Drag King, que forma parte da compañía de creación colectiva travestí Marinita y sus Maromas e de teatro infantil Educateatro Producións.
Para participar non é preciso ter experiencia teatral previa, só ser maior de 14 anos e ter unha sensibilidade e afinidade coa temática que se propón e co colectivo LGBTIQ+. Búscase que o grupo, que terá un máximo de entre 15 e 20 persoas, sexa o máis interxeracional posible.
O proxecto terá lugar entre os días 18 e 22 de decembro no teatro Constante Liste de Teo e consiste en “seis sesións de investigación teatral gratuíta acompañado por profesionais das artes escénicas e con artistes locais que colaboran para a visibilidade do colectivo LGBTIQ+”. Ao final do proxecto haberá unha mostra aberta ao público que terá lugar entre os días 18 e 21 de xaneiro, unha ventá a observar o proceso sen pretender mostrar un espectáculo.
Nauta é un grupo de creadores que expresa as súas inquedanzas sobre “temáticas que afectan ao noso presente” a través das técnicas do teatro, a máscara e os monicreques, e que traballa por facer “un teatro asequíbel para todo o público, implicando á comunidade e sen elites”. Unha das liñas do seu traballo é o teatro comunitario, co obxectivo de achegar o teatro a aquelas persoas que non se relacionan con el de maneira profesional pero que están dispostas a explorar, investigar e vivir unha experiencia teatral.
Un dos seus últimos espectáculos naceu da necesidade e urxencia de falar da homofobia, da transfobia, o bullying e a heteronormatividade, pero traballando desas problemáticas sociais chegaron a unha porta moito máis grande: o construto social da expresión do xénero.
Pensando como investigalo dende as súas ferramentas, descubriron que dentro do teatro “hai moi poucos referentes sobre o asunto e que o propio traballo da máscara está contaminado por unha visión heteronormativa”, polo que decidiron ofrecer esta investigación a xente que teña as súas mesmas inquedanzas.