in

INK

Mais a luz entra, queiras ou non

INK, de Dimitris Papaioannou. Imaxe de Julian Mommert.
INK, de Dimitris Papaioannou. Imaxe de Julian Mommert.

Nestes cuartos escurecidos, nos que paso

días opresivos, camiño cara a dende e arredor de,

na procura das ventás. – Cando unha ventá

abra será un consolo. –

Mais non atopo as ventás, ou non podo

atopalas. E se cadra sexa mellor non as atopar.

Se cadra a luz sexa unha nova tiranía.

Quen sabe que novas cousas amosaría?

As Ventás, Konstantinos Kavafis.

Cumprido o segundo aniversario da estrea de Transverse Orientation, volvemos ao Teatro Rivoli de Porto para asistir a un novo espectáculo do creador grego Dimitris Papaioannou, Ink, un dúo de danza co propio creador como protagonista e cuxa primeira versión tivo a súa estrea no 2020, dentro do Festival Aperto da Reggio Emilia italiana, quen participou de feito na súa produción.

Un espectáculo que se puido ver, previamente en España, no Festival Grec de Barcelona, no Teatro Central de Sevilla e dentro da programación do Festival de Otoño de Madrid, pero que para es espectadores galegos resulta moito máis accesíbel se cruzamos as fronteiras e viaxamos cara o país veciño.

Isto segue a falar do afastada que permanece Galiza dos circuítos internacionais de teatro (agás honrosas excepcións como pode ser a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia), tanto desde o punto de vista da programación como da produción. E isto fala, tamén, de como construímos o noso país, deixando a cultura nas mans de elites e privilexiades que poden dispor do tempo e os recursos para se custear os desprazamentos requiridos.

Non é a primeira vez que Papaioannou contempla o dúo como forma escénica, como tampouco o é que el mesmo decida formar parte do elenco. Se cadra o exemplo máis concreto e que contempla ámbalas dúas cuestións sexa Primal Matter (2012), probabelmente o traballo que o deu a coñecer en todo o mundo, logo da cerimonia de clausura dos Xogos Olímpicos de Atenas, no 2004.


Publicidade

Xa dende aí aparecen temas que xurdirán e rexurdirán unha e outra vez no conxunto da súa obra, como o traballo de resignificación do corpo e do movemento, o contraste entre a luz e a escuridade, a auga como elemento de condución dramatúrxica. Elementos que aparecen tamén nesta peza, se cadra collendo o protagonismo máis que nunca.

Ink é, logo da composición masiva de Transverse Orientantion, un traballo máis íntimo. Non só porque en escena aparezan só dúes intérpretes, senón porque podemos adiviñar que se trata dunha proposta que ten fondas raíces biográficas para o creador escénico.

En primeiro lugar, polo enfrontamento entre as figuras encarnadas polo propio Papaioannou (o Home vestido) e o bailarín alemán Šuka Horn (o Home espido). Un enfrontamento físico e emocional, no que podemos entrever a loita entre a luz e a escuridade na humanidade, pero tamén no propio artista. Non queda claro cal dos dous homes é a luz e cal a sombra nesta loita pois, aínda que o cromatismo du Papaioannou vestido de negro contraste de xeito dramático coa radiante pel branca de Horn, por veces esta luz cegadora agocha o que podemos adiviñar como un xenio maligno.

Na loita entrambos podemos ver a represión do adulto fronte a liberdade caótica do neno. O instinto fronte a razón. O xogo fronte ao pesar. A natureza fronte a humanidade.

Unha loita titánica que deixa imaxes na retina de difícil esquecemento, como o número de domador de circo onde Horn é levado polos aires, preso dunha mangueira que parece un mar de tentáculos.

Porque en Ink, Papaioannou reafirma a súa forza como creador de imaxes, obras de arte efémeras destinadas para a memoria do espectador e coas que vai compoñendo unha peza de dixestión tan frontal como esquiva.

Non en van toma o título de outra metáfora da peza, o polbo como animal totémico dos nosos mares e que se agocha por instinto lanzando un chorro de tinta ante os seus predadores. Un animal que, para seren consumido, ten que sufrir primeiro unha monumental malleira (algo que veremos repetido nas coreografías entrámbolos intérpretes).

A peza non ofrece grades momentos de descanso ou de calidez emocional. Antes ben é unha peza dura, agresiva e fría, onde a iluminación xoga un papel fundamental para crear un mundo escuro, no que persoas e elementos aparecen e desaparecen como agochados por chorros de tinta. Un mundo pechado e morto (por moito que o Home vestido o queira disfrazar con cortinas de prata ou brillos de discoteca), e no que sen querer entra a forza vital do Home espido, coándose entre as aperturas, os sons escachados ou mesmo os pregues subterráneos do chan, tal como a forza da vida entra mesmo nos nosos momentos máis escuros.

O outro elemento fundamental da peza é, sen dúbida, a auga. Un elemento que entraña unha enorme complexidade escénica (como puideron comprobar algunhes espectadores das primeiras filas, cando un dos chorros saíu descontrolado cara a eles) pero que axuda a crear -permítanme a metáfora- un mar de emocións e paisaxes visuais de inusitada beleza.

Así o mesmo comezo, con Papaioannou baixo o chorro dun aspersor que non deixará de botar auga até o final, ou o constante encher e baleirar de auga dunha peixeira esférica coa que se poden crear remuíños, pelotas, escafandros, esculturas, fontes.

Se cadra sexa este o traballo no que o creador grego nos amose máis de si mesmo. Se cadra mesmo sen pretendelo, esteamos entrevendo os seus recunchos máis escuros e atormentados, a súa necesidade de loita contra unha luz que non o deixa en paz, a auga perturbadora e creadora de monstros, a redención pola beleza.

Se cadra sexa o momento de deixar de falar sobre o mundo para habitar o noso mundo, o momento de mirar cara adentro para poder deixar de loitar coas pantasmas e bailar coa luz que vive en nós.

Ink, Dimitris Papaioannou.

Creación: Dimitris Papaioannou

Home vestido: Dimitris Papaioannou

Home espido: Šuka Horn

Música: Kornilios Selamsis

Deseño de Son: David Blouin

Deseño de Iluminación: Lucien Laborderie, Stephanos Droussiotis

Produción Creativa, Executiva e Asistencia de Dirección: Tina Papanikolaou

Director asociado: Haris Fragoulis

Adestramento físico des intérpretes: Šuka Horn

Fotografía e Audiovisual: Julian Mommert

Deseño Audiovisual asociado: Evangelos Xenodochidis

Unha produción de 2Works en colaboración con Polyplanity Productions, en coprodución co Torinodanza Festival/Teatro Stabile di Torino – Teatro Nazionale + Fondazioni I Teatri/Festival Aperto – Reggio Emilia 2020, Bennale de la Danse de Lyon 2023, Sadler’s Wells London, Megaron – The Athens Concert Hall e o apoio do Ministerio Heleno de Cultura e Deportes.

Teatro Municipal de Porto, Teatro Rivoli. 30 de novembro de 2023.

Iván Fernández

Actor, director, dramaturgo e profesor de teatro. Graduado en Arte Dramática pola ESAD de Galicia, na especialidade de Dirección de Escena. O meu eido profesional abrengue o teatro en moi diversos aspectos, dende a docencia con menores e adultos ao campo terapéutico, atopando o teatro como un lugar onde mellor coñecerse a unhe mesme. Dende este aspecto, creo os obradoiros de Teatro Emocional en 2013 ou comezo a colaborar con impresións e crónicas sobre espectáculos na Erregueté, O Galiñeiro, Praza Pública ou a TVG, no programa "Zig Zag Diario".

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Investigación Teatral sobre a Identidade de Xénero. Imaxe de Nauta teatro.

A compañía Nauta arranca unha investigación sobre a identidade de xénero

'BANTU' de Victor Hugo Pontes Foto: ©TUNA TNSJ

Faz-se pública a programação da 13ª edição do GUIdance de Guimarães