in ,

O raro é que bailar sexa raro

Raras somos todas

"O raro é que bailar sexa raro", do Colectivo VACAburra. Imaxe de JC Arévalo.
"O raro é que bailar sexa raro", do Colectivo VACAburra. Imaxe de JC Arévalo.

You look ridiculous if you dance.

You look ridiculous if you don’t dance.

So you might as well dance.

Gertrude Stein.

Que é un corpo?

É, se cadra, tan só unha unión tan aleatoria como singular de órganos, células e sistemas?

É acaso un lugar, unha morada, un continente?

Un corpo é un corpo é un corpo?

Que é o meu corpo?

Unha pregunta sinxela pero de resposta complexa, pois o corpo é ao mesmo tempo contedor e contido. Un espazo no que resido e que me define tanto como eu o defino: alimentándoo (ou non), coidándoo (ou non), vestíndoo (ou non), transformándoo (ou non).

Así pois, se un corpo non é só un corpo, senón algo máis que un corpo, que é un corpo?

O corpo que nos presenta Andrea Quintana en O raro é que bailar sexa raro é o seu corpo e, ao mesmo tempo, algo máis que o seu corpo, xa que a bailarina e coreógrafa emprega o seu corpo como ferramenta de expresión e discurso político.

O corpo de Andrea convértese, porén, en todos os corpos. Especialmente, nos que non se (lles) permite(n) bailar.


Publicidade

Como afirma Afonso Becerra no seu artigo para a Erregueté, “O raro de bailar” (2013/12/24), sobre esta mesma peza, “O raro é que bailar sexa raro [..] é, nesta dramaturxia, un xeito diferente de facer política, unha inflexión.” E isto é porque a peza ofrece a oportunidade da reflexión sobre a normatividade, un concepto tan intanxíbel como autoritario.

Aprendemos o que é “normal” dende pequenes, dende que se nos comeza a ensinar un mundo dividido en dous, binario e bipolar, e no que eses “dous” son elementos opostos: un “home” non é unha “muller”, un “neno” non é un “adulto”, un “rico” non é un “pobre”, un corpo “flaco” dun corpo “gordo” e así até o infinito.

O “normal”, entón, comprende os dous polos dun mesmo binomio no que un extremo é acaso máis aceptábel que o outro ou, polo menos, parece ser que máis desexábel para a maioría. Esa maioría é a que converte o “normal” en “norma” e, porén, en “normativo”, estendendo o ideal a regra social.

Mais, e o resto? Que acontece con todo o que fica entrámbolos extremos? E o que queda fóra?

Aí é onde aparecen as disonancias, as disidencias e as diverxencias da norma. Reclamando o noso dereito a existir, comezamos a ocupar os espazos que até o entón estaban reservados para esa maioría pretendidamente “normal”, provocando o conflito polo mero roce.

N’O raro é que bailar sexa raro aparece un novo espazo de disidencia, que é o linóleo. O chan preparado para o baile é nesta peza un reflexo da rúa, da sociedade que está afeita a dividir para clasificar e quedarse tranquila sabendo que algo é “normal” ou non o é.

Neste cuadrilátero da arte, o corpo da bailarina é ofrecido como un espello da disidencia, aceptando todo aquilo que o fai único e, polo tanto, diferente. E como espello, todes podemos vernos reflectides nel.

Porque o paradoxo da “normatividade” é que non existe. SPOILER: ninguén ten todos e cada un dos ítems precisos para habitar no seu polo do binarismo normativo. Ninguén é cento por cento “home”, nin cento por cento “muller”, nin cento por cento “rico”, nin cento por cento “pobre”, nin cento por cento “hetero”, nin cento por cento “gai”. Afortunadamente.

A cousa, se cadra, está precisamente en aceptar as nosas propias diverxencias con respecto á norma e vela, por fin, como é: un concepto ideado para catalogar as cousas e que, canto máis o empreguemos para nos definir, máis nos acabará cousificando.

Así, benvidas sexan pezas como O raro é que bailar sexa raro, manifesto da diferenza que nos pode axudar non só a apreciar as nosas propias diferenzas, senón a facelo bailando, o movemento fundamental sen o que a vida non é posíbel.

Por un 2024 cheo de bailes.

O raro é que bailar sexa raro, Colectivo VACAburra
Creación: Andrea Quintana
Coreografía e Interpretación: Andrea Quintana
Dirección e Dramaturxia: Gena Baamonde, Andrea Quintana
Sala Ártika, Vigo. 17 de decembro de 2023.

Avatar

Iván Fernández

Actor, director, dramaturgo e profesor de teatro. Graduado en Arte Dramática pola ESAD de Galicia, na especialidade de Dirección de Escena. O meu eido profesional abrengue o teatro en moi diversos aspectos, dende a docencia con menores e adultos ao campo terapéutico, atopando o teatro como un lugar onde mellor coñecerse a unhe mesme. Dende este aspecto, creo os obradoiros de Teatro Emocional en 2013 ou comezo a colaborar con impresións e crónicas sobre espectáculos na Erregueté, O Galiñeiro, Praza Pública ou a TVG, no programa "Zig Zag Diario".

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Imaxe de perfil de Andrea Quintana no Facebook.

O raro de bailar

Imaxe de 'Tres Mistos', o Traballo Fin de Estudos de Iván Fernández Diéguez, na especialidade de Dirección escénica e dramaturxia na ESAD de Galicia. Curso 2022/2023.

Iván Fernández gaña o Premio Fin de Carreira en Arte Dramática e Ignacio Illán o Premio Extraordinario de Danza