in

Iribarne

Fragasaurus Rex

IRIBARNE © Geraldine Leloutre
'IRIBARNE'. Imaxe de Geraldine Leloutre.

Who the fuck is Iribarne?

Esta pregunta, coa que ButacaZero ironiza a través dun tema tecno-verbeneiro composto por Berto (unhe des músiques máis interesantes do panorama actual galego), sintetiza se cadra todo o corpo desta mega-peza que é Iribarne.

Por unha banda, como repaso da vida e figura de Manuel Fraga Iribarne, político fundamental dende o seu paso como ministro franquista a animal político da “nova” democracia española e finalmente reconvertido en cacique absoluto na era das autonomías. Iribarne dá resposta ao “quen carallo é…?” a través dun repaso biográfico que non é un “biopic”, senón unha sucesión de momentos decisivos da historia recente do noso país (tanto de España como de Galiza) nos que el participou de maneira omnipresente.

Pola outra, porque remarca con ironía pop o curioso descoñecemento actual desta figura fundamental, un descoñecemento que ten que ver co silencio (tan remarcado durante a peza) co que a dereita española oculta a súa herdanza fascista como co pouco interese que nós como cidadanes amosamos pola nosa historia, o noso presente, e as persoas que o xestionan.

E diso en Galiza sabemos abondo.

Pasar pola vida de Fraga é repasar a nosa historia recente. Iribarne é, ante todo, un traballo arqueolóxico, un labor de investigación masivo no que entender o noso pasado axúdanos a entender o noso presente e, se cadra, mesmo o noso futuro. Por que? Porque estamos ante unha das figuras que configurou o como sería España logo da ditadura (e mesmo durante), algo que nos afecta a día de hoxe queiramos ou non, pois vivimos nun estado deseñado conscientemente para que, logo de movelo todo, non se movese nada.

Así, esta peza de ButacaZero é unha auténtica radiografía do Poder. O Poder como motor persoal que axuda a minorizar as inseguridades e problemas de estima que adoitan padecer os tiranos. O feito de que esta análise sexa feita a través da figura de Manuel Fraga Iribarne engade, a este estudo das arquitecturas rexentes, a casuística española e porén, a galega.

Podemos entender entón que dúas figuras como Fraga e Franco se atopasen e entendesen: a necesidade enfermiza por saír da pequenez na que te crees pode levarte á desmesura, ao engrandecemento patolóxico, a unha sede de Poder imposíbel de encher. E aí coliden os dous personaxes, ben sexa polos seus supostos escasos méritos virís (onde a peza arrisca empregando termos como “maricalla” ou un “Paquita” no que se cinguen as figuras de Franco e a escura Carmen Polo) ou polas dúbidas máis que cuestionábeis sobre a súa paternidade (cun descoñecido Fraga sufrindo acoso escolar e veciñal).

O emprego dos termos non é va, xa que fala de como facemos da diferenza ou da dor allea materia de escarnio e insulto. O que importa é facer dano e desmerecer ao outro, ben sexa chamándolle maricalla ou bastardo. Desa ferida, segundo a persoa insultada a sofra e xestione durante a súa vida, poden aparecer certas vinganzas futuras. Outra cousa é como as empregamos hoxe (como comenta e nose compañeire ê Ariel Q. Sesar na súa crítica para Erregueté deste mesmo espectáculo no seu paso por Madrid) e para que o facemos.

Iribarne non anda con andrómenas e aborda a polémica de fronte, sen agochar as sombras evidentes da personaxe nin o posicionamento da compañía nos momentos que consideran oportunos.

Precisamente por iso, entendemos perfectamente que as tres horas nas que se reparte este espectáculo son absolutamente necesarias (e se cadra incluso curtas) para abordar esta figura elefantiásica que supón Manuel Fraga Iribarne: a necesidade de recoñecemento, a sede de Poder, a adhesión ao réxime, as discrepancias co mesmo, as sentencias de morte, as leis censoras e represoras (algunhas aínda vixentes a día de hoxe…), os pantanos, os sonos de presidencia, Palomares, Eurovisión, Inglaterra, a morte de Franco, a monarquía imposta, Suárez, a Transición “exemplar”, Felipe González, o nacemento de Alianza Popular, a exaltación galeguista, as vitorias electorais, os votos dos mortos, o EGPGC e Perbes, Aznar, a Cidade da Cultura, o Prestige… Nada queda por revisar neste traballo que ofrece moitas luces a períodos escurecidos ou idealizados no noso presente, e mesmo algúns que se nos ofrecen como oportunidades para ser espectadores actives, convidándonos directamente a investigalos por nós mesmes, se queremos.

Todo este material inxente é lanzado cara ao patio de butacas a ritmo de comedia e esperpento, durante esas tres horas repartidas en dúas partes (separadas por un descanso no que se cadra botamos a faltar un groliño reparador).

Na primeira parte, a dramaturga Esther F. Carrodeguas exerce o papel de mestra de cerimonias, acompañándonos (a Fraga e a nós) polas vicisitudes dun Manoliño con sede de poder e os camiños polo que o conseguiu, o mantivo e o perdeu. Unha primeira parte centrada especialmente nos seus anos de fervoroso franquista e onde o reparto se “reparte” o papel de Iribarne polo enxeñoso método de poñer ou quitar os tirantes que o converteron en icona pop. Este xeito de repartir o protagonismo favorece o dinamismo e o ritmo cómico, algo absolutamente necesario dada a enormidade do material proposto, ao tempo que ofrece a posibilidade de ver aos intérpretes e os seus comentarios, cando non levan os tirantes.


Publicidade

Porque a peza, como dixemos, non agocha o seu parecer polos feitos que conta, empregando unha ironía que vai cavando un pozo nos nosos peitos, vendo o que se fixo de nós e con nós e, sobre todo, o que nos deixamos facer. Neste sentido, Iribarne devólvenos a responsabilidade do noso propio Poder, especialmente do que cremos e decidimos crer e do que facemos cando acudimos ás furnas electorais.

Se cadra sexa isto máis evidente durante a segunda parte da peza, centrada no “reinado” de Don Manuel en Galiza. Frustrada a súa ambición de ser presidente de “todo” o país, decide converterse no “summus caciquex” de Galiza como segundo prato. De feito, se algo queda claro nesta peza é o nulo interese que Iribarne tivo nunca pola nosa terra, empregándoa nada máis que para seguir coa súa teima entronizadora.

De feito, ButacaZero emprega a metáfora do trono para definir esta segunda parte, agora con Esther F. Carrodeguas encarnando a un Fraga esperpéntico, que podemos entender inspirado no Ubú rei de Jarry ou nas caricaturas que Peridis fixo de Xoan Carlos de Borbón cando era rei das Españas, sentado no seu trono inalcanzábel, para o xornal El País.

Contrastando coa primeira parte, na que domina o ritmo alborotado da comedia, a segunda é máis pausada e mesmo aborda episodios tráxicos como a morte da muller de Fraga ou o mesmo final de Iribarne e o silencio co que dende entón decidiron agochar, conscientemente, a súa figura.

Mais antes de entrar nesta escuridade final, cómpre volver sobre un tema que ButacaZero pon enriba da mesa e que non deixa de ser tamén polémico, como é a querencia galega pola figura do cacique. Neste sentido, non sabemos se a lectura que se fai sobre a dependencia interesada sexa explicación suficiente para entender o noso cariño por deixarnos asoballar unha e outra vez, pero o certo é que Iribarne non agocha esta carta e ofrécenos a posibilidade de repensala a ritmo de muiñeira (que, confeso, nunca antes a vivín como algo que puidese ser humillante).

Se cadra pola súa inmensidade sexa aínda máis curioso o silencio e a escuridade que rodea a figura de Don Manuel hoxe en día. Esquecida a conciencia polos seus, deostada polos de en fronte, a metáfora da súa Fundación, con sede na súa casa natal de Vilalba, baleira de contidos e fondos e onde podrecen caixas e caixas de cartón que a saber que gardan, convértese na imaxe máis precisa de como o Poder engule e fagocita ás persoas e ás figuras segundo a súa comenencia e sen piedade.

O feito de que a estrea tivese lugar en Vilalba, epicentro do mito Iribarne, é un máis dos eloxios cos que podemos laudar esta peza que, como dicimos, non escapa de asumir riscos. Ver a todo un auditorio de Vilalba (que leva o nome da defunta señora de Fraga) en pé fíxonos preguntarnos que tería pensado o propio Fraga se tivese asistido a esta peza.

Sendo como era un gran coñecedor do marketing e do poder das fotografías en prensa, nós apostamos por que sería o primeiro en erguerse e aplaudir.

Iribarne é unha mega-peza por dereito propio: un espectáculo de tres horas de duración, cun elenco de seis persoas e un enorme equipo detrás que a converten no “hai que vela” desta tempada. A dirección de Xavier Castiñeira aproveita todos os ingredientes que xorden da dramaturxia de Carrodeguas, compoñendo dúas partes diferenciadas tanto pola abordaxe máis cómica ou esperpéntica como pola concepción escénica, onde atopamos unha maior lateralidade na primeira (precisamente para observar, case a modo documental, os feitos do pasado franquista) e frontalidade na segunda (que nos axuda a ver tamén a propia opinión da compañía sobre os feitos e nos leva máis ao presente).

O elenco acomete a tarefa de xeito entusiasta, con momentos sobresaíntes como a Paquita de Mónica García, o(s) secretario(s) de Jorge de Arcos, os fascistas de Xurxo Cortázar ou a “banderita” de Lidia Veiga. Cada un des intérpretes compón un Fraga semellante e diferente ao mesmo tempo, sendo se cadra o de Anxo Outumuro o que máis nos achega á figura que todos lembramos.

A ambientación, tanto espacial como sonora, fala do Poder como algo rancio, que se perpetúa a si mesmo sen importar nomes ou afiliacións: o importante é o Poder. Así tanto o deseño escenográfico como o vestiario de Diego Valeiras lévannos a ver a continuidade do franquismo no noso presente. Do mesmo xeito, os intres de ruptura musical propostos por Berto (acompañados das coreografías de Sabela Domínguez) aportan un comentario dende hoxe ao que pasou, ao tempo que un dinamismo necesario para as tres horas de espectáculo.

Finalmente, salientar a tarefa inconmensurábel de Esther F. Carrodeguas como dramaturga da peza. Obviamente nun espectáculo destas dimensións non se pode abordar todo, nin é preciso, e certamente a inxente cantidade de momentos e de información poden resultar abafantes por momentos, non quedando todos resoltos por igual, mais o certo é que estamos ante unha dramaturxia que supón unha interesantísima análise, unha radiografía do Poder e dos seus mecanismos de supervivencia. O feito de empregar a Fraga non é máis que unha escusa, pois o mesmo resultado poderiamos ter se a obra se centrase nun Xoán Carlos de Borbón ou nun Xoán Pablo II ou nunha Margaret Thatcher. O exquisito deste caso é que nos leva a coñecernos un pouco mellor como país e como pobo.

Iribarne, ButacaZero

En escena: Xurxo Cortázar, Jorge de Arcos, Mónica García, Anxo Outumuro, Lidia Veiga e Esther F. Carrodeguas

Coreografía e Asistencia de dirección: Sabela Domínguez

Espazo sonoro: Berto

Espazo escénico: Xavier Castiñeira, Diego Valeiras

Vestiario: Diego Valeiras

Iluminación: Diego Vilar, Equipo creativo RTA

Audiovisuais: Pablo Fontenla

Segundo asistente de dirección: Antonio C. Guijosa

Texto: Esther F. Carrodeguas

Dirección: Xavier Castiñeira

Produción: O Gianzo, Esther F. Carrodeguas

Unha coprodución de ButacaZero co Centro Dramático Nacional e a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, e coa axuda do INAEM e a Xunta de Galicia.

Auditorio Municipal Carmen Estévez, Vilalba. 13 de xaneiro de 2024.

Avatar

Iván Fernández

Actor, director, dramaturgo e profesor de teatro. Graduado en Arte Dramática pola ESAD de Galicia, na especialidade de Dirección de Escena. O meu eido profesional abrengue o teatro en moi diversos aspectos, dende a docencia con menores e adultos ao campo terapéutico, atopando o teatro como un lugar onde mellor coñecerse a unhe mesme. Dende este aspecto, creo os obradoiros de Teatro Emocional en 2013 ou comezo a colaborar con impresións e crónicas sobre espectáculos na Erregueté, O Galiñeiro, Praza Pública ou a TVG, no programa "Zig Zag Diario".

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Foto: Irene Moreira.

Os tempos e o fracaso

Premio María Casares

Os Premios María Casares rexistran a maior participación da súa historia