in , , , ,

A Agadic abriu unha nova convocatoria das axudas á creación escénica

O prazo de presentación de propostas esténdese ata o 26 de febreiro

teatropano |

A Axencia Galega das Industrias Culturais, Agadic, vén de convocar unha nova edición das axudas á creación escénica de novos espectáculos producidos en Galicia, cunha dotación de 800 000 euros. O Diario Oficial de Galicia publicou as bases que rexen estas subvencións coas súas catro modalidades destinadas a empresas de nova creación, montaxes de teatro, circo e maxia, danza e artes do movemento e actividade escénica plurianual.

Respecto ás bases do pasado ano, as que rexen en 2024 introducen dous novos criterios para o ámbito da danza e as artes do movemento, co fin de favorecer que as compañías desta disciplina artística poidan optar á axuda plurianual e converxer, ademais, cos obxectivos marcados no Plan Integral para a Danza de Galicia. Así, a cifra de facturación media nos tres últimos anos rebáixase en 40.000 euros respecto ao resto de xéneros e establécese que os proxectos deberán conter, cando menos, unha produción e un plan de xira de 50 funcións (10 delas correspondentes a unha das producións do proxecto subvencionado) que contemple tanto o mercado galego como o exterior.

Distribución por modalidades

Dos 800 000 euros destinados a estas subvencións, 430 000 resérvanse á produción de teatro, circo e maxia, que poden acadar axudas de ata un 75 % do seu orzamento, cun límite de 60 000 euros por proxecto. Outros 100000 euros están destinados a apoiar espectáculos de danza e artes do movemento, tamén ata o 75 % e cun máximo fixado en 37.500 euros. Para os proxectos de empresas de nova creación, a convocatoria reserva unha partida de 70 000 euros cun límite de 18 000 euros por adxudicación e ata un apoio máximo do 90 % sobre o orzamento presentado.


Publicidade

Tamén se volve ofrecer a posibilidade de concorrer á concertación de varios proxectos de xeito plurianual, modalidade para a que se destinan 200 000 euros coa finalidade de posibilitar o funcionamento de equipos e proxectos de empresas teatrais consolidadas. As súas planificacións, a tres anos, deben conter cando menos unha produción e unha xira de 70 funcións tanto no mercado galego como no exterior. A cantidade máxima a percibir por esta categoría é de 100 000 euros, cun límite do 80 % sobre o orzamento do proxecto.

O prazo de solicitude para as persoas físicas (autónomas) ou xurídicas privadas, así como as sociedades ou unións temporais de empresas interesadas en presentar os seus proxectos á convocatoria de creación escénica esténdese ata o vindeiro 26 de febreiro.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

A actriz Berta Ojea e a escritora Anne Plantagenet.

Entrevista a Anne Plantagenet, escritora e tradutora francesa, sobre María Casares

O bosque vivente Sarao

A nova programación de Vigocultura arranca con ‘O bosque vivente’