in

Os María Casares

Gala dos Premios María Caasares 2024 Foto: Corsino
Gala dos Premios María Caasares 2024 Foto: Corsino

María Casares foi unha galega exiliada e unha actriz francesa fóra de serie, unha das referentes fundamentais. A Asociación de Actrices e Actores de Galiza (AAAG) réndelle homenaxe, desde 1997, organizando os Premios de Teatro María Casares.

O 21 de marzo de 2024, cerca do Día Mundial do Teatro, celebrouse a gala XXVIII destes premios, votados polo sector. As pezas e as persoas galardoadas nas 16 categorías son máis que merecentes dese recoñecemento.

Unha inimiga do pobo de Talía Teatro foi a gran vencedora con 7 galardóns (espectáculo; dirección: Tito Asorey; adaptación-tradución: Vanesa Sotelo e Tito Asorey; actriz protagonista: Marta Lado; actor secundario: Toño Casais; espazo escénico: Dani Trillo; iluminación: Laura Iturralde). O Auto do Castromil de Excéntricas en coprodución co CDG acadou 2 premios (dirección: Quico Cadaval; vestiario: Carlos Alonso). Deadpan Karaoke de Ibuprofeno tamén levou 2 premios (maquillaxe: Baia Fernández;  espazo sonoro: Mónica de Nut). Nanai da China de Pérez & Fernández é o Mellor espectáculo de monicreques. Crisálida de Caramuxo é o Mellor espectáculo infantil. Shakespeare en Roma do CDG levou o María Casares ao Mellor actor protagonista para Toni Salgado. Entrega en man de Contraproducións levou o María Casares á Mellor actriz secundaria para María Roja. Códice K de Ainé foi o María Casares ao Mellor texto orixinal para Manuel Cortés. Un hotel de primeira sobre o río do CDG foi o María Casares á Mellor dirección de movemento para Gonçalo Guerreiro e María Torres.

Unha boa colleita, sen dúbida, e unha ledicia en todos os sentidos.

Porén, como este é un artigo de opinión vou permitirme opinar e incluso facer unha crítica construtiva, sen perder de vista o grande esforzo e o grande mérito que ten a AAAG organizando, desde 1997, estes premios, nos que, ademais, até eu mesmo teño unha responsabilidade como votante e incluso como gañador dun deses premios na XX edición dos mesmos.

Nestes XXVIII Premios de Teatro María Casares eu botei en falta que non premiásemos ningunha proposta dalgunha compañía emerxente.

Non obstante, o que máis boto en falta é que as actrices e actores de Galiza, desde a súa AAAG, non abran o concepto de actriz e actor ao que acontece nos escenarios nos que, desde hai décadas, se vén demostrando que as/os artistas de circo son actrices e actores, as pallasas e pallasos son actrices e actores; as bailarinas e bailaríns actúan e até interpretan personaxes, por tanto tamén son actrices e actores. En definitiva, que o estatuto de actriz/actor se ampliou a diferentes modalidades e disciplinas das artes escénicas. E que, por outra banda, o teatro, de límites cada vez máis incertos e porosos, se alimenta e hibrida coa danza, co circo, coa música, etc. De feito, iso que chamamos teatro contemporáneo, ou aínda máis especificamente as teatralidades posdramáticas inclúen  ese reinventarse e mesturarse con outras modalidades escénicas e incluso con outras artes e con disciplinas, fontes ou elementos non artísticos, como poden ser os deportes, etc.


Publicidade

Todo isto para dicir que boto en falta uns Premios María Casares das Artes Escénicas de Galiza que celebren, reivindiquen e visibilicen, por igual, o Mellor espectáculo de Danza, o Mellor espectáculo de Circo, o Mellor espectáculo de Maxia, a Mellor curta escénica (de danza, teatro, circo e híbridos), porque unha peza breve pode ser unha alfaia artística tan lexítima e rica como unha de duración estándar ou de grande formato. Igual que nos festivais de cinema son consideradas as curtametraxes como un xénero importante.

Evidentemente, para poder organizar e celebrar uns María Casares das Artes Escénicas de Galiza, faría falta tamén un entendemento, un acordo e unha unión entre a AAAG e as asociacións e plataformas sectoriais da danza, do circo e da maxia. O cal, en si mesmo, xa significaría un paso adiante, porque como din os refráns: a unión fai a forza, ou ben o contrario: divide e vencerás. Creo que levamos moitos anos separados. No que atinxe a reivindicacións, a xente do teatro por un lado, a da danza polo outro, a do circo, a da maxia. Aínda que, despois, na práctica, encontremos compañías nas que as colaboracións e cruzamentos enriquecen e irmandan os seus traballos.

Lembro un dos fitos da historia dos María Casares, na súa XXV edición de 2021, cando Bailar agora de Marta Alonso Tejada conquistou tres Premios María Casares, entre eles ao Mellor espectáculo e á Mellor dirección para a propia Marta Alonso Tejada, bailarina e coreógrafa de danza contemporánea. Lembro que, despois de ver a marabilla que fixera, a animei a presentar a peza aos María Casares e que, desde a AAAG, daquela, lle responderon que a candidatura non podía ser aceptada porque se trataba dunha peza de danza. Entón respondeu reforzando os argumentos: ela, nese prodixioso solo, baila, pero tamén fala, porque a peza, cun aquel de auto-ficción teatral, vén a ser unha especie de historia da danza, desde unha cativa de Ourense que quería ser bailarina e que agora xa é unha “señora da danza”. Efectivamente, Bailar agora é unha peza de danza contemporánea, pero como acontece na meirande parte da dramaturxia posdramática, tamén é unha peza de teatro e acabou por conquistar os María Casares daquel ano 21. Velaí a riqueza das mestizaxes no artístico e velaí tamén a pulsión progresista no que atinxe á enxeñaría e ás linguaxes escénicas.

Esa brecha que abriu Bailar agora debería ser o camiño para abrir tamén os María Casares, como celebración das artes escénicas e da súa mestizaxe. O contrario, ao final, sería que, para poder celebrar, visibilizar e reivindicar a danza, as plataformas e asociacións do sector fixesen, pola súa banda, outros premios, e o mesmo co circo ou coa maxia, o cal implicaría seguir cadaquén na súa leira.

Respectando as diferenzas e as especificidades, o seu é procurar a igualdade.

Afonso Becerra

Afonso Becerra

Director da erregueté | Revista Galega de Teatro. Pertence ao seu Consello de Redacción desde o 2006. Doutor en Artes Escénicas pola Universitat Autònoma de Barcelona. Titulado Superior en Dirección escénica e dramaturxia polo Institut del Teatre de Barcelona. Titulado en Interpretación polo ITAE de Asturies. Dramaturgo e director de escena. Exerce a docencia en dramaturxia e escrita dramática na ESAD de Galiza desde o ano 2005. É colaborador, entre outras publicacións, de revistas de cultura e artes performativas como 'ARTEZBLAI', 'Primer Acto', 'Danza en escena', 'Tempos Novos', 'Grial'. Entre setembro de 2019 e xuño de 2021 foi colaborador especialista en artes escénicas da CRTVG, no programa 'ZIGZAG' da TVG. Desde setembro de 2022 é colaborador semanal sobre artes escénicas do 'DIARIO CULTURAL' da RADIO GALEGA.
Premio Álvaro Cunqueiro da Xunta de Galicia en 2001. Premio María Casares á Mellor Adaptación teatral en 2016. Premio de Honra do Festival de Teatro Galego, FETEGA, do Carballiño (Ourense) en 2020. Premio Internacional de Xornalismo Carlos Porto 2024, de prensa especializada, do Festival de Almada, organizado pola Câmara Municipal de Almada, do que tamén recibira unha Mención Honrosa en 2020.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Lo único que verdaderamente BUTACAZERO (3) red

ButacaZero estrea en Galicia ‘O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada’

José Luis Baños de Cos

José Luis Baños de Cos gaña o Premio Laudamuco para textos teatrais