in

José Luis Baños de Cos gaña o Premio Laudamuco para textos teatrais

Coa obra ‘A porta. Un relato de violencia’

José Luis Baños de Cos
José Luis Baños de Cos. Imaxe de Rosiña Rojo | MIT de Ribadavia.

O escritor José Luis Baños de Cos (Xerez da Fronteira, 1977) resultou ser o gañador da sexta edición do Premio Laudamuco para textos teatrais, un certame literario convocado polo Concello de Brión, a Academia Galega de Teatro e Edicións Positivas. O autor gaditano concorreu ao certame coa obra A porta. Un relato de violencia, pola que recibirá un premio de 7000 euros e a edición da peza por parte de Edicións Positivas.

Nesta edición presentáronse ao certame un total de 49 textos, duplicando a participación das dúas últimas edicións. Esta cifra converte esta sexta edición do premio na segunda con maior competencia da súa curta historia, só superada polos 54 orixinais recibidos na primeira edición.

O xurado estivo composto por Xoana Balado Fernández, Antonio Francisco Simón Álvarez Pérez, Miguel Pernas Cora, Francisco Oti Ríos e Carlos Vizcaíno Fernández, quen actuou como secretario. Destacaron que o texto “posúe unha poderosa dramaturxia construída a partir do cruzamento entre ficción e realidade, personaxes e intérpretes, metateatro e psicodrama, ben como o feito de a obra construír unha abafante atmosfera bélica como eixo do conflito humano, incluído o propio proceso de creación”.

O autor

José Luís Baños de Cos (Xerez da Fronteira, 1977) é licenciado en Dereito e en Antropoloxía Social. Natural de Xerez, leva anos residindo en Santiago de Compostela. Cursou estudos sobre teatro social e teatro do oprimido, e é autor da obra O faiado, da compañía Ó Cubo Teatro; de A espera, de Titereficcións; e de Suit(e) up, de Fanfarra Teatro.


Publicidade

Como dramaturgo, nos últimos anos obtivo varios premios teatrais, entre os que destacan o Premio de Teatro Breve Jenaro Marinhas del Valle (2018) con O círculo; o Premio Abrente do MIT de Ribadavia (2019) con Asfixia; o Premio Roberto Vidal Bolaño (2020) con A cámara escura; o Premio de Textos Teatrais dirixidos a Público Infantil da Escola Navarra de Teatro (2021), con O neno que se agochaba dentro dunha caixa de galletas; o VIII Premio Teatral Varela Buxán (2021) con Segunda morte; e o Premio Barriga Verde para textos de monicreques, na modalidade de adultos (2022) con Nas nubes.

O acto de entrega do galardón está previsto para xoves 16 de maio en Brión, momento no que José Luís Baños de Cos sucederá no palmarés do Premio Laudamuco a Vicente Piñeiro, Paula Carballeira Cabana, Francisco Antonio Vidal Blanco, Raúl Dans e Xavier Lama López, gañadores das edicións anteriores. Nas súas cinco primeiras edicións, o galardón recaeu no lucense Xavier Lama López por “Na miña alma ouvea un lobo” (2019), no coruñés Raúl Dans Mayor por “Só un home bo” (2020) e no ribeirense Francisco Antonio Vidal Blanco por “A vinganza de Fortimbrás” (2021), na teense Paula Carballeira Cabana por “Dentes de coello” (2023) e no lucense Vicente Piñeiro por “Devólvenos a Xermánico!”.

 

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Gala dos Premios María Caasares 2024 Foto: Corsino

Os María Casares

40 anos do CDG red

O CDG presenta a programación completa do seu 40º aniversario