in , ,

Arranca en Cangas a 12ª edición do CITEAMOR

O Ciclo de Teatro Afeccionado do Morrazo estenderase dende mañá ata o 15 de maio

A trenza dos feitos amargos
'A trenza dos feitos amargos', de Teatro Aberto.

A 12ª edición do Ciclo de Teatro Afeccionado do Morrazo (CITEAMOR) arranca mañá,  mércores 17 de abril. Será ás 20.00 horas, no Auditorio Municipal Xosé Manuel Pazos Varela de Cangas. A inauguración correrá a cargo do proxecto LUZAUL, que exporá un interesante traballo de investigación a partir do clásico de Lewis Carroll, Alicia.

A programación para este ciclo que aposta pola inclusión e a diversidade inclúe este ano un total de 10 grupos de teatro: 8 deles da comarca do Morrazo e 2 convidados. Desenvolverase todos os martes e mércores (excepto o 30 de abril e o 1 de maio) e tamén o sábado 27 de abril, día no que se contará por primeira vez coa participación dun grupo portugués Teatro do Vez, de Arcos de Valdevez, que traerá a comedia Dia especial. Dende a organización do ciclo consideran esta nova incorporación como “o inicio dunha relación duradeira cos nosos veciños portugueses para abrir camiños e crear vínculos e intercambios entre os dous pobos irmáns”. Ese mesmo día tamén participará Teatro Aberto coa montaxe d’ A trenza dos feitos amargos, de Asun Bernárdez Rodal, que amosa retallos alegres e amargos de situacións vividas en Cangas no tempo comprendido entre a II República e os inicios da Guerra Civil.

O outro grupo convidado na mostra é Fontevella Teatro, do Porriño, “un admirable grupo de maiores, algúns de case 90 anos, que nos farán pasar un momento agradable o 23 de abril coa obra Balneario A Condesiña”. En moi distinta franxa de idade atópanse os mozos e as mozas dos distintos centros de ensinanza secundaria do Morrazo que tamén intervirán no ciclo. O 24 de abril, o grupo de Bueu do IES Johan Carballeira, Comediantes Anónimos, actuará con Plan de rescate, un traballo que parte do relato homónimo de Antía Yáñez. A continuación actuará o IES As Barxas de Moaña poñendo en escena Crónicas de días enteiros e noites enteiras, espectáculo no que persoas descoñecidas contan e confesan anacos da súa vida. Pecharán este espazo para a mocidade, o 7 e 8 de maio respectivamente, os grupos Obradoiro de Teatro María Soliño, cunha divertida ficción entre Superheroes, humanos e personaxes dos contos e, finalmente, o Colexio Eduardo Pondal actuará cunha obra futurista, A nova Eva.


Publicidade

O 14 de maio será a quenda de subir ao escenario de Furafollas Teatro, que agasallarán cuns sorrisos a través da súa representación La blanca Nieves. O peche desta extensa programación porao ao día seguinte Teatro das Aras, un novo grupo saído da Escola de Teatro de Cangas, que presentará o seu último traballo, (H)UMANIDADE. O CITEAMOR está organizado pola Asociación Cultural A Cepa e a Asociación Cultural Entre Bambalinas.

12ª edición do CITEAMOR

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

FESTIVAL 2024 copia

A Compañía de Teatro Universitario de Lugo estrea ‘Deixando a pel’

'Auto do Castromil', de Producións Teatrais Excéntricas. Imaxe: Rosiña Rojo para a MIT de Ribadavia.

O 4º Certame Manuel María de Proxectos Teatrais acepta propostas