in

PRECÁRIAS II, ou cando o queer tomou o teatro mentres a ultradereita se manifestaba nas rúas

#Precárias Teatro Municipal do Porto, 2024.
#Precárias Teatro Municipal do Porto, 2024.

O pasado 6 de abril tivo lugar no Teatro Municipal do Porto a segunda edición do festival da performance PRECÁRIAS II, concibido pola actriz, cantante e performer Tita Maravilha. Esa noite, os diferentes espazos do teatro foron desacralizados por aqueles corpos e identidades que sempre estiveron marxinadas nos escenarios (e temos que lembrar neste intre a denuncia contra o transfake que Keyla Brasil realizou no Teatro Municipal São Luiz de Lisboa hai un ano).

Comezamos ás nove da noite no Foyer do Grande Auditório coa actuación Nany Petrova, unha icona drag de Portugal que pisou un escenario por primeira vez en 1972. Este exercicio de memoria situounos nun espazo de celebración, pero tamén de resistencia. Xusto antes de chegar ao edificio, na avenida dos Aliados cruzámonos cunha concentración da ultradereita baixo o lema “menos inmigrantes”. O ascenso do Chega sobrevoou esa noite.

O percorrido continuou no Pequeno Auditório onde Yunne Isabella desvela, mentres pica e frite cebolas e despeza unha galiña,  o segredo dun bo caldo: o amor. Unha performance que remata co público a partillar pan con atún. Porque o obxectivo de estar non era ver senón compartir e formar unha comunidade.

De aquí viaxamos aos baixos do edificio para experienciar unha peza íntima da activista e artista trans Zaya para despois subir ó  TPM café e berrar coa ideadora deste noite, Tita Maravilha. Aquí lembrou que nós, nese espazo, eramos máis que os ultradereitistas que se concentraban horas antes.


Publicidade

A segunda metade, xa pasada a medianoite, desenvolveuse nunha éxtase de celebración cunha festa ao ritmo dos DJsets de Lava e Tita Maravilha, interrompidos só pola performance en movemento Migrantas de Eu Mesmo, Lirico e Filipe Lucas, que tamén nos acompañaron cos seus corpos na transición entre performances ao longo da noite.

Arredor das tres da mañá saímos do teatro coa sensación de ter tomado un espazo que non nos pertencía. Coa euforia de estar nun momento no que o liminar toma o centro. Unha hora e cuarto máis tarde estabamos na Guarda, nas nosas camas, porque Portugal está máis preto do que nos damos conta.

Juan Escalona

Juan Escalona

Juan Escalona Corral. Facilitador teatral con ampla traxectoria, comezou impartindo talleres teatrais en 2012 e en 2015 e a traballar como coordinador de proxectos europeos. En 2021 fundou a asociación FOCO onde actualmente traballa e comezou a estudar na ESADG. Está formado en facilitación teatral, educación non formal e diversas técnicas teatrais. Facilita obradoiros e colabora na creación de manuais pedagóxicos e forma parte da equipa do proxecto Novas Teatrais.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Emigrantas, imaxe de Henrique Lamas.

Emigrantas

my neighbor sky

O festival Escenas do Cambio celebra a súa décima edición