in ,

A Barraca de Barriga Verde estará nas festas da Ascensión de Santiago de Compostela

A programación de teatro de monicreques arranca este xoves, 9 de maio, e desenvolverase ata domingo

'Dona Barriga Verde', de Larraitz Producións Artísticas.
'Dona Barriga Verde', de Larraitz Producións Artísticas. Foto de Marcelino de Santiago 'Kukas'

As festas da Ascensión de Santiago de Compostela contarán unha vez máis cunha programación de monicreques. A Barraca de Barriga Verde, que se puido ver nas festividades de 2022, fai de novo parte do programa das festas, que empezan mañá, día 8, e se desenvolverán ata o domingo, 12 de maio, recuperando este personaxe tradicional que estivo historicamente presente en feiras e festas de todo o país, incluídas as da capital galega.

A asociación cultural Morreu o Demo, grazas á colaboración do Concello de Santiago, instala na Praza de Mazarelos a Barraca de Barriga Verde, réplica que a compañía Viravolta realizou da antiga carpa que a familia Silvent levou durante a maior parte do século XX por feiras e festas de todo o país. Trala súa fachada, que recupera estilo daquel histórico  recinto, poderán verse as versións de Barriga Verde que diferentes compañías de monicreques do país teñen en cartel, canda a montaxes de titiriteiras da cidade.

O programa comeza o día 9 con dúas compañías compostelás. Títeres Babaluva presenta ás 12:30 horas a súa última montaxe, A filla do Cacharulo. Contos, música ao vivo, narración oral e homenaxe á artesanía e aos oficios tradicionais combínanse nesta proposta chea de encanto. Pola tarde, será a histórica Monicreques de Kukas a que poña en escena Xan Perillán e a maleta máxica. Números de clown e monicreques atópanse nesta obra chea de fantasía na que o protagonista prepara a equipaxe para viaxar a Pernambuco canda ao seu loro Ravachol.

Os seguintes tres días, Barriga Verde protagonizará a programación da Barraca. O 10, Larraitz Producións Artísticas presentará, en dupla sesión de mañá e de tarde, a súa Dona Barriga Verde. A compañía propón unha revisión da obra clásica da familia Silvent que conta, por vez primeira, cunha protagonista feminina. O cuestionamento dos roles de xénero tradicionais combínase co respecto ás formas do monicreque de cachaporra nunha proposta que asegura risos.

O día 11 será a quenda de Títeres Alakrán, tamén en sesión dupla ás 12:30 e ás 18:30 horas, co seu Barriga Verde ataca de novo. O espectáculo mantén a esencia da tradición dos monicreques de cachaporra co uso da palleta e un único manipulador detrás do escenario, ao tempo que busca adaptar os contidos históricos ao momento actual.

A proposta da Barraca finalizará o día 12 coa actuación, ás 12:30 da mañá, de Viravolta Títeres, que co seu Barriga Verde fai unha aposta pola recreación do espectáculo orixinal que a familia Silvent levou por todo o país con antagonistas clásicos como o cura, o demo ou a garda civil e números como o enterro ou o barbeiro.


Publicidade

Monicreques de cachaporra

Barriga Verde fai parte do xénero do monicreque de cachaporra. Esta antiga forma escénica, cuxa orixe está datada no Nápoles do século XVI, conta con representantes excelsos en múltiples países europeos. Pulchinella en Italia, Guignol en Francia, Mister Punch no Reino Unido, o alemán Kasper, os Robertos portugueses ou o Don Cristóval español preséntase como irmáns de Barriga Verde, a compartir argumentos, carácter e moitos dos elementos nas súas obras. Mentres noutros países este patrimonio inmaterial se mantén vizoso e con pleno recoñecemento social e institucional, en Galicia, a asoiación cultural Morreu o Demo, canda a diferentes compañías de monicreques, están a dar aínda os primeiros pasos para garantir a supervivencia do representante galego desta tradición internacional.

Os espectáculos, ao seguir a tradición da cachaporra, baséanse maioritariamente na comedia física, as persecucións e os conflitos. O protagonista representa un heroe ou heroína que, ao xeito dos mitos ancestrais, enfronta os máis diversos inimigos e sobreponse aos seus enganos e ao seu poder grazas ao seu valor e á súa retranca.

Barriga Verde

Barriga Verde fíxose o monicreque galego máis coñecido ao longo do século XX. A familia Silvent, ao desenvolver o seu espectáculo por todas as feiras e festas do país, conseguiu unha popularidade inédita, quedando na memoria de xeracións de galegas e galegos que asistiron ás súas funcións. A presenza da barraca familiar en feiras como a da Ascensión, a Pascua de Padrón, o San Marcos de Noia, a Peregrina de Pontevedra, o San Froilán de Lugo ou as San Lucas de Mondoñedo, entre moitas outras, constituía todo un fito. O personaxe foi reivindicado por persoeiros da cultura do país como Borobó, Vicente Risco, Xosé Luís Méndez Ferrín ou Trapero Pardo, entre moitos outros, e destacou por ser a principal forma teatral que se desenvolveu en galego durante o franquismo.

Asociación Morreu o Demo

A asociación cultural Morreu o Demo leva desde 2013 a desenvolver todo tipo de propostas para a recuperación do monicreque tradicional galego. Entre os fitos do seu traballo está a grande exposición “Barriga Verde. De feria en feira”, que puideron ver arredor de 11 000 persoas en diferentes localidades galegas e foráneas. Tamén desenvolve, co apoio da Deputación da Coruña, o festival Titiriberia, que cumpre este 2024 a súa novena edición no Concello de Rianxo, e o programa didáctico “Da barraca á aula”, que leva a centros de ensino de boa parte do país coñecemento sobre os monicrequestradicionais e ensina ao alumnado a crear e manexar estes bonecos. Canda a isto, diferentes publicacións, vídeos que recuperaran testemuños sobre as feiras e os monicreques tradicionais ou exposicións didácticas están a contribuír a espallar o coñecemento sobre esta tradición.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

O Comando Dramatúrxico do X festival Escenas do Cambio 2024 e a directora artística do festival Kirenia Martínez Acosta. Foto: Alberte Bello

Comando dramatúrxico EDC10

Manuela Rey is in da house, imaxe da estrea no Teatro Municipal de Sá Miranda, Viana do Castelo.

O FITEI presenta no Salón Teatro a programación completa da súa 47ª edición