in , ,

A MITCFC dá a coñecer a programación dá súa 41ª edición

Arranca o 27 de xuño en Cangas co pregón de Patricia Vázquez e inclúe 7 estreas absolutas

FOTO PRESENTACION PROGRAMACION 41 MOSTRA reducida
Presentación da 41ª edición da MITCFC, no Auditorio Municipal Xosé Manuel Pazos Varela de Cangas. Foto de Diego Seixo.

O Auditorio Municipal Xosé Manuel Pazos Varela acolleu esta mañá a presentación oficial da programación da 41ª edición da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC), que se celebrará entre o 27 de xuño e o 7 de xullo de 2024 nesta vila do Morrazo. O programa inclúe espectáculos e actividades relacionadas co teatro e a danza, entre as que se inclúen obradoiros, encontros, presentacións e exposicións, que se desenvolverán tanto no Auditorio como nas rúas, nas prazas e noutros lugares do concello.

O festival arrancará o xoves 27 de xuño co pregón da actriz galega Patricia Vázquez, e, entre as pezas que se ofrecen para todos os público, hai 7 estreas absolutas, 7 estreas en Galicia e 4 coproducións. A inclusión social formúlase tamén como un dos eixes desta 41 edición, con actividades que abordan a inclusión e a convivencia. Por unha banda, a compañía Chévere presentará Helen Keller, a muller marabilla?, “un espectáculo que se adentra na vida e obra da activista norteamericana Helen Keller, pioneira na loita pola igualdade, a xustiza social e a disidencia e, segundo as fontes oficiais, a primeira persoa xordocega en obter un título universitario en 1904 en Harvard”. A obra é unha coprodución de Chévere, o Centro Dramático Nacional e o Teatre Lliure.

Ademais, celebrarase a I Xornada de Inclusión e Teatro, que inclúe unha charla-taller que impartirá Chévere, titulada “Helen Keller. A muller marabilla? e os problemas, retos e ferramentas para crear unha obra inclusiva e accesible’, e un encontro profesional dos colectivos Atempo; Doa; Artefeito. S.Coop. Galega e Luzazul que traballan con persoas con diversidade funcional e utilizan o teatro, a expresión e a pedagoxía teatral como ferramentas para mellorar a vida das persoas máis vulnerables ou con risco de exclusión social.

Estreas

Na programación, ademais de 7 estreas en Galicia e 7 estreas absolutas. A primeira que poderemos ver é  Sobre o extravío ou a arte de perderse, da creadora galega Nuria Sotelo e dirixida pola dramaturga Ana Vallés. A segunda, que nace da coprodución entre a Mostra e a compañía galega AsSircópatas, é a terceira entrega da triloxía Rogelio. La fête, un espectáculo para toda a familia na que o actor Dani Blanco mestura circo, clown, corda frouxa, malabares, música e moito humor. Ademais, a Escola de Teatro de Cangas estrea Espectáculo ETC.

Latexo é outra estrea absoluta e, tamén, coprodución entre a MITCFC e Pistacatro, unha obra en clave de clown, con dous actores pallasos (Aitor Garuz e Jano Costas), e que reflexiona sobre os conceptos do ritmo, do impulso e do latido.  Outra estrea, en coprodución co colectivo Vacaburra, é Ruar, unha peza para dous corpos (Davide González e Andrea Quintana) sobre a imaxinación do movemento no espazo público.

Tamén, dentro das estreas absolutas e coprodución coa Mostra, a compañía galega Teatro Ensalle presentará Canchal XI. Sobre, coa colaboración do director e actor catalán Juan Navarro e Terrorismo de Autor.  Por último, Cangas volverá acoller e producir o Torneo Galego de Dramaturxia, que este ano chega á súa oitava edición.

As representacións no Auditorio abriranse cunha das sete estreas en Galicia. A gañadora do Premio Nacional de Teatro 2023, Ana Zamora, volve a Cangas cunha coprodución da compañía Nao d’amores e o Teatro Clásico Nacional,  unha adaptación da obra de Calderón de la Barca El Castillo de Lindabridis, “unha comedia novelesco-cabaleresca con linguaxe poética, música e danza”.

A idade de Cacifo é outra das estreas galegas, neste caso da compañía portuguesa Peripecia, unha obra para público mozo e adulto con música en directo. A peza é unha inmersión no mundo dos adolescentes, que viven detrás das regras impostas polos adultos, polos estereotipos ou polos seus propios conflitos internos.


Publicidade

O teatro xestual estará a cargo de  Yllana, con Passport e, tamén, o teatro físico, con máscaras, títeres e música na obra Redes, cunha interpretación destacada por parte de José Luis Montieo, de Emovere (Madrid). Por primeira vez en Galicia, poderase asistir tamén a unha función do espectáculo Feísima enfermedad y muy triste muerte de la reina Isabel I, da compañía mallorquina, afincada en Cataluña, La Calòrica; “unha traxicomedia grotesca sobre a fame de poder e a ridícula brevidade da vida”.

A obra que clausurará o 7 de xullo a 41 edición da MITCFC será Perhaps, perhaps, quizás, da artista mexicana, Gabriela Muñoz, que dá vida a Chula the Clown; “nunha obra  que xoga coa idea da espera e a ilusión por atopar a parella “perfecta” e a soidade que conleva”.

Premio ‘Xiria’

O Premio Xiria ao Labor Teatral desta 41 edición é para o espectáculo de Chévere Helen Keller, a muller marabilla?. A organización da MITCFC quixo destacar así o “excepcional traballo de inclusión, no ámbito profesional teatral galego e estatal, non só accesible para persoas con discapacidade auditiva, visual ou xordocegueira senón que, tamén, cuestiona a incomunicación entre estas e as persoas ´sen discapacidades`, conseguindo establecer unha conversa aberta e directa co público”.

Mulleres en Acción

Outra das citas importantes nesta edición vai ser a de Mulleres en Acción, que este ano arrancará un día antes do comezo oficial do festival, coa inauguración dunha exposición da primeiras videoperformances da artista María Ruido. E a continuación exhibirase o seu último filme, Las reglas del juego,  unha performance-conferencia da artista, realizadora e investigadora. Trátase dunha conversa entre ela e a escritora e activista Brigitte Vasallo “na que se afonda nas dificultades e contradicións de clase e de xénero que se producen no mundo laboral artístico e cultural”.

A MITCFC outorgaralle a María Ruido o Premio Mulleres en Acción, “en recoñecemento ao seu   excelente labor artístico, que utiliza a arte cinematográfica dun xeito orixinal, inexplorado e cunha linguaxe propia”. A organización destaca que Ruido “constrúe unha contra-narrativa feminista e de clase” e que a súa obra invita á reflexión sobre “o desclasamento, conflitos, dificultades e contradicións de xénero e de clase”.

Abonos para as obras do Auditorio

Entre o 16 de maio e o 8 de xuño estarán á venda os abonos para asistir ás funcións que serán representadas no Auditorio, e o 11 de xuño xa estarán dispoñibles a través da plataforma de Ataquilla as entradas individuais. Ademais, o despacho de billetes do propio auditorio estará aberto os días de función desde dúas horas antes de comezar o espectáculo.

O importe do abono é de 70 €, o que supón unha rebaixa de 10 € con respecto ao prezo de todas as entradas mercadas de xeito individual (que teñen un prezo de 10 € cada unha).

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

De Vilatriste a Vilalegre

O CDG e Teatro ó Cubo estrean o espectáculo itinerante ‘De Vilatristre a Vilalegre’

Manifesto de Mateo Feijóo na décima edición de Escenas do Cambio 2024. Foto: Manuel Vicente.

Mateo Feijóo: “Interésame moito activar a memoria dende un punto de vista que ten moito que ver coa etnografía e a antropoloxía”