O Teatro Salesianos de Vigo acolle hoxe, domingo 19 de maio, unha función de Pulgarcita, de Abismo Caracol. Faino nesta fin de semana do Día das Letras Galegas na que xa pasou onte tamén polo Teatro La Salle de Santiago de Compostela.
Pensada para toda a familia e recomendada especialmente para nenas e nenos de 3 a 12 anos, a obra narra as aventuras de Pulgarcita tras marchar da casa e o seu enfrontamento co Rei Trol,
Bunga Lunga.
Esta versión actual da personaxe chega da man da produtora Abismo Caracol, con Darío Autrán na dirección, coa asistencia na dirección de Sabela Hermida, e Uxía Suevos e Nano Rivas no elenco, “é unha celebración do mundo feminino e do coidado do medio ambiente que trata os valores da amizade, a familia e a importancia da pura diversión con todo tipo de personaxes animadas”. O espectáculo procura ofrecer “unha viaxe teatral chea de maxia e ensinanzas inspiradoras” para os máis novos e as máis novas da casa, “nunha historia que fai reflectir sobre a importancia das pequenas accións para preservar o mundo”.
A peza poderá verse de novo o 9 de xuño no Auditorio Municipal do Carballiño, e o 29 de xuño no Auditorio Gustavo Freire de Lugo.