in

Activismos, (co)responsabilidades e substrato cultural

Performance Lab 1

Dentro do Programa Concomitentes, o mediador cultural Fran Quiroga pregúntase nun vídeo divulgativo: ¿como o valor do patrimonio acarrea unha responsabilidade de coidado colectiva? Esta pregunta, que tamén é unha chamada á reflexión conxunta sobre o papel da arte e das accións artísticas nos seus contextos cercanos, tamén foi formulada e estivo presente nas conversas das xornadas “Activistas – Performance Lab”, organizadas pola ESAD de Galicia, os días 14 e 15 de maio, dentro do proxecto Nós / Nous, no que participan 9 organizacións europeas (cinco escolas de ensino superior e catro teatros de Galicia, Portugal, Francia e Alemaña).

Esa pregunta sobre a corresponsabilidade, co engadido da función social que emana do ámbito formativo, foi un dos motores desta xornada reflexiva arredor dun proxecto de varios anos, que ten por obxectivo contribuír dende a educación artística á consolidación dun mundo máis equitativo, integrador, solidario e saudábel. Así, un dos ponentes, Xesús Ron, preguntábase tamén, despois de falar diante dos citados parceiros da experiencia da súa compañía na Sala Nasa e na residencia artística de Teo, ¿cal é a responsabilidade cívica e como construíla ou propiciala dende o asentamento dunha actividade profesional? Sinalaba o cofundador do grupo escénico Chévere á autora Belén Gopegui como outro referente no ámbito do pensamento dunha concepción da cultura como acción transversal, consciente e facilitadora.

Performance Lab 2 reducida

Xa na primeira das mesas, activismos festivos, puidemos ver como dúas actividades tan diferentes coma o festival Agrocuir da Ulloa ou a ONG Pallasos en Rebeldía xunto co Festiclown, un máis conectado co próximo e os coidados arredor da diversidade afectivo sexual dende o rural galego e outro máis internacional e en multisede, en diferentes contextos de vulnerabilidade e conflito; teñen en común o carácter transformador e a función de alento para a resistencia e a rebeldía. Resistencia contra o uniformizador, o extractivista ou o papel condescente que a cultura pode ter, de superioridade e tutela. Moi pertinente foi a distinción entre levar e activar, doar e compartir, pois cantas veces escoitamos aínda a tan sintomática frase “levar a cultura ó rural” ou “achegar a arte ós espazos marxinais”? Visións caducas que deberían formar parte xa doutro tempo da xestión cultural pero que aínda aparecen navegando entre a inconsciencia das desigualdades e a moi consciente acción de nicho de negocio ou visión estritamente economicista do feito, partindo do prexuízo do ermo.

Performance Lab 3 reducida

Precisamente na procura de dinámicas alternativas, os espazos de residencias artísticas, investigación e creación da Fedora (en Redondela) e A Casa Vella (en Amiadoso, Allariz), atópanse coa necesidade de buscar fórmulas que poidan facer fronte a un exceso de burocracia e a uns impedimentos legais para a súa actividade comunitaria, artística, social, máis alá da programación estritamente de consumo. Acontece en moitos outros espazos que están a nacer polo país, lonxe dos programas de financiamento sen revisar dalgunhas administracións públicas, que en materia creativa obedecen a unha inercia de fórmulas que non van en sintonía co que promoven estes novos lugares, como novo modelo creativo, espazos coma NonononLab en Bouzas (Vigo), A Solaina (Lugo), Enmalle Studio (Oleiros), etc. Ás veces, atopar o encaixe para desenvolver sen precariedade e cunha certa liberdade un proxecto de danza, de circo, de arte contemporánea ou de investigación plástica, non sempre é doado, mais concordan todos en que procurar os vínculos coa identidade, os usos e os costumes do territorio, é a estratexia máis eficaz e respetuosa.


Publicidade

Performance Lab 5

Tamén cando falamos de patrimonio, podemos referirnos ao material ou ao inmaterial, evidentemente tamén no ámbito escénico. Aí tivemos o relato de experiencias escénico musicais da Central Folque ou do ámbito arqueolóxico e natural do Clube Maúxo de Vigo. Tomarmos consciencia tamén do fráxil e do vulnerable que é todo o patrimonio, exposto á especulación e o olvido, tamén activa proxectos e activismos, cohesión social e compromisos grupais. Ir por libre, buscar o éxito, emprender e agardar polas oportunidades son relatos non moi afastados do presente e que ben poden penetrar tamén nunha actitude eminentemente individualista dun estudante ou dunha estudante de artes. Darlle a oportunidade para pensar alternativas, procurar cómplices para un camiño profesional, territorios de maior liberdade fóra dos tempos e das dinámicas maioritarias de produción e distribución de produtos obsesivamente novidosos, tamén son os relatos de experiencias coma estas, nas que se rescatan documentos sonoros, nas que se chegan a catalogar bens esquecidos, desconsiderados ou ameazados, ao tempo que se usan e se empregan como ferramentas creativas.

 

Performance Lab 4

Roberto Pascual

Roberto Pascual

É director da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, profesor na ESAD de Galicia e colaborador no Diario Cultural da Radio Galega. No ámbito creativo e investigador, publicou 'Roberto Vidal Bolaño e os oficios do teatro' (Xerais), '40 anos daquel Abrente' (Galaxia), traduciu e editou a obra de Raúl Dans 'Matalobos' para a ADE, traduciu ao portugués, castelán e galego a obra 'La Merda', de Cristian Ceresoli, traballou como redactor no Dicionario de termos escénicos do web do CCG, realizou o guión do documental 'Non vale parar'. No ámbito da xestión cultural, traballou como asesor no INAEM - Ministerio de Cultura, para o Cabildo de Tenerife, o Instituto Cervantes, a Universidade Complutense ou en informes e comisións do Consello da Cultura Galega. Ten participado en conferencias e encontros diversos, dende o FITEI do Porto ata o HtH CDN de Montpellier, ten publicado artigos en actas de Congresos, revistas e ponencias de diversos países. En 2016 foi o voceiro da Comisión redactora do Anteproxecto de lei de Artes Escénicas de Galicia, presentado no Parlamento de Galicia e pendente de tramitación.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

CrisAndina Pulgarcita Jofre

‘Pulgarcita’, de Abismo Caracol, chega a Vigo

Soñar al borde del precipicio 1

Julio Fernández estrea ‘Soñar al borde del precipicio’