O Festival Internacional Outono de Teatro, FIOT, de Carballo abre a convocatoria para participar na nova edición do Certame Micro-Escenas Metro Cadrado, unha das súas principais liñas de programación e que ofrece ao público a posibilidade de gozar de creacións escénicas experimentais en espazos non teatrais e singulares da localidade.
O Micro-Escenas Metro Cadrado, o primeiro certame de microteatro que se realiza en Galicia, naceu ao abeiro do FIOT a pasada década como unha proposta específica de apoio á creación escénica de novos formatos e de compañías ou creadoras e creadores emerxentes. As e os artistas poderán xerar, no marco do festival, novas experiencias teatrais, de pequeno formato, en contextos non habituais para a representación escénica, que contextualizan e serven de escenografía natural da obra, nos que un número moi limitado de asistentes se sitúa a curta distancia dos intérpretes. Así, á vez que difunde e visualiza o traballo das creadoras, Metro Cadrado ofrece cada ano ao público da comarca unha nova experiencia escénica, diferente ás habituais nos recintos que posibilita a captación de novos públicos e a implica a veciñanza en proxectos escénicos.
Neste mes de maio, o FIOT abre a inscrición da oitava edición do certame, no que convida ás compañías e artistas emerxentes a crear ou deseñar un espectáculo (de teatro físico, música, clown, performance, danza, manipulación de obxectos…) de entre 10 e 20 minutos, que se poida poñer en escena, especificamente, nun espazo non teatral entre o 5 e o 27 de outubro de 2024.
Neste 2024, os espazos ofertados serán un balcón do Concello de Carballo para ver o espectáculo desde a rúa, un parque-ximnasio para maiores, un espazo cultural, os probadores dunha tenda de moda, un posto do mercado de abastos, a Fonte da Cristina, unha xoiaría, unha tenda de fotografía, un centro de mindfulness e un estudo de deseño gráfico.
As propostas poderán ser tanto pezas orixinais coma xa estreadas, aínda que o xurado do certame (composto por diferentes persoas relacionadas coas artes escénicas) terá en conta a nova creación e, especialmente, a adecuación e a interacción cos espazos ofertados e a autoría propia. Ademais, atendendo ao interese do FIOT nos proxectos e experiencias teatrais singulares que fan un uso innovador de cultura dixital e a tecnoloxía, teranse en conta aquelas obras que empreguen medios dixitais.
As pezas seleccionadas polo xurado, unha vez representadas, recibirán unha compensación económica de 450 €. Ademais, todas as obras exhibidas serán valoradas polo público asistente mediante un sistema de votacións e optarán a premios de 150 € á mellor interpretación e ao mellor espectáculo. O prazo de presentación de solicitudes, que se pode facer a través do correo electrónico [email protected], rematará o 23 de xuño.
244 propostas recibidas en sete anos
Ao longo dos seus primeiros sete anos de traxectoria, o Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado acadou un importante éxito en canto ás propostas recibidas, tanto polo seu número (244) como pola calidade e diversidade das pezas; sendo quen de suscitar o interese tanto de creadores individuais coma de equipos (integrados por 3-5 persoas), da veciñanza ou mesmo dos axentes económicos, comerciais ou cidadáns de Carballo que colaboraron coa cesión de espazos. Nas edicións anteriores o Metro Cadrado contou con funcións, entre outros puntos, nun lavadoiro municipal, no despacho do alcalde, nunha barbería, nunha perruquería, nas fiestras da Ludoteca Municipal ou mesmo no Salón de Plenos.
No 2023, o FIOT recibiu un total de 28 propostas para participar no Micro-Escenas Metro Cadrado, tanto de profesionais destacados da escena galega como de colectivos ou agrupacións de afeccionados. As pezas finalistas seleccionadas para o #32FIOT foron Canta nai, canta, de Cía IO; Ninguén tira fotos nos enterros, de Carlota Mosquera (Premio á mellor nterpretación); DestilaPracer, de Espazo Vacío; O que é o raio, nin maldita idea, da Cía. Souvenir; Anaké?!Edipo en 15 minutos, de Contraditoria Compañía; e O mundo derrúbase e nós tomamos chocolate, da Compañía Accidental, con Mar Fiuza e Nekane Fernández (Premio ao mellor espectáculo).
Consulta aquí as bases completas do Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado
Descarga aquí a folla de inscrición para o VIII Certame de Micro-Escenas M2