A compañía viguesa Ártika Cía estrea esta fin de semana o seu novo espectáculo para público familiar, titulado Pum! Pum! Quen hai?. A sala da compañía, Sala Ártika (sita no número 13 da avenida de Beiramar, en Vigo) acolleu unha primeira función onte, sábado, e hoxe, domingo, acollerá outra, ás 18.00 horas.
O espectáculo é unha comedia destinada ao público familiar maior de 4 anos; unha obra chea de cor que mergulla as persoas espectadoras “na vida nunha aldea onde cada día é un xogo”. Gaia, a súa protagonista, guía o público a través dos xogos e segredos das portas do lugar. Cando aparecen novos veciños misteriosos a obra desvela unha serie de equívocos cómicos que destacan a importancia da aceptación e a diversidade. Esta produción, que naceu “cun profundo arraigo cultural e un enfoque en temas sociais actuais”, quere convidar a rir e a reflexionar a toda a familia.
Sinopse
“Dúas portas enfrontadas, un novo veciño no edificio, moito por descubrir e moito por aprender. Quen será e de onde virá? Que valores aprenderás véndonos rir e bailar?
Unha historia divertida, na que o ritmo da comedia, te levará a descubrir que cando non todo é o que parece, a vida se converte nunha aventura marabillosa. Acompáñasnos a descubrir quen se acaba de mudar?”.
As entradas poden conseguirse a través da páxina web da Sala Ártika.