A localidade coruñesa de Carnota acolle hoxe a estrea de Mesura, da bailarina viguesa Raquel Ferradás. Será ás 19.00 horas, no marco do Festival Escora, organizado pola Deputación da Coruña.
Mesura é un espectáculo unipersoal que foi creado coa axuda do programa Da Man, un proxecto de acompañamento artístico a emerxentes en danza de Amarelo Distribución Escénica e Manu Lago, patrocinado pola Xunta de Galicia a través do Centro Coreográfico Galego. Raquel Ferradás foi a artista seleccionada nesta primeira edición tras convocatoria pública.
Despois do seu paso hoxe por Escora, a peza poderá verse en Santiago de Compostela, no marco do Galicia Escena Pro, o 29 de maio.
Sinopse
“A vida fala e estamos en constante cambio, na busca do equilibrio, sen pasarnos de máis nin de menos. Mesura báilalle á espera en diferentes momentos da vida. En xeral, á inquietude e preocupación que xera. Soster, refuxiarse no movemento, adaptarse ás transicións e avanzar. Comezar de cero é sobrevivir no presente. Non hai pasado no cero. Hai que saber convivir coa espera para ver o mundo aos ollos”.
Ficha artística
Dirección, coreografía e interpretación: Raquel Ferradás
Colabora: Media Punta Vigo
Vídeo e foto: Javier Costela Vázquez
Acompaña: Da Man – Amarelo Distribución Escénica – Manu Lago – Xunta de Galicia – Centro Coreográfico Galego
Produce: Amarelo Distribución Escénica e Raquel Ferradás
Duración: 18 minutos
Tipo de público: Todos os públicos
O proceso de creación e a peza
Raquel Ferradás recolle así o proceso de creación de Mesura: “Partín dun reto persoal e da necesidade de contar algo que igual con palabras non sei ou non era tan sinxelo. Sentín que era o momento e o lugar para encerrarme e crear. Foi un ano complicado, con moitos cambios e tiña a necesidade de meditar dende o movemento. Sempre foi a miña vía de escape. O que quería transmitir é a ansiedade que produce esperar en calquera momento ou situación da vida, xa sexa familiar, laboral, amorosa, etc. A espera sen respostas, a incerteza e a forma que temos de convivir con ela. No meu caso, a busca da tranquilidade e paz mental dentro do caos.
Estou feliz co resultado. Creo que é unha peza moi persoal na que traballei e seguirei traballando moito. Hai moito que moldear, que seguir investigando, moito que escoitar de ollos externos, compañeiros/as, amigos/as e todo está para seguir crecendo, evolucionando e mellorando, por suposto. Pero xa teño un “pentagrama” claro do que tirar e apostar despois de moitos días de traballo.
Ser a primeira artista galega seleccionada no programa Da Man supuxo unha felicidade, moitísima ilusión, motivación e o impulso que necesitaba para confiar e seguir cara adiante coas ideas e o proxecto. Primeiro porque me axudou a por en orde ideas, movementos, imaxes, escribir moito… e despois transmitirllo ao equipo de Da Man, primeiro en forma de dossier e despois en persoa a Lilian Portela e Manu Lago. Dende o primeiro día sentinme apoiada e acompañada por elas no vertixe que supón crear unha peza soa que dirixes e interpretas. Foi unha axuda tanto persoal, como profesional, outra perspectiva diferente ao que podía ver cos meus ollos e tamén un apoio a nivel económico e para situarme no sector e no mercado da danza”.
A artista
Raquel Ferradás é bailarina e docente de danza contemporánea e moderna, formada no Conservatorio Carmen Roche en Madrid (2017) e nos Conservatorios Coppelia e Mayeusis de Vigo, complementando a formación con monográficos de coreógrafas e creadoras de primeiro nivel nacional e europeo. Actualmente co-produce Mesura, un solo para rúa e espazo non convencional, con AMARELO Distribución Escénica tras o programa de acompañamento a emerxentes Da Man, que se estrena en maio 2024.
Baila ou bailou, entre outras compañías, para Paula Quintas Cía, La Galga, Aracaladanza ou Ballet Carmen Roche, e foi premiada no Certame Coreográfico Compostela 2021 coa peza Ludo de Cía La Galga, e gañadora do Certamen Carmen Roche co dúo De mayor quiero ser… Los puntos suspensivos que decidas, con Lydia Martínez.