in

Cancións amarelas, flores tristes

A xente é todo o que temos

Cancións amarelas flores tristes Manekineko Teatro
'Cancións amarelas, flores tristes'. Foto de Manekineko Teatro.

O día 15 de marzo deste ano 2024 tiven a oportunidade de asistir á estrea de Cancións amarelas, flores tristes, peza debut da compañía Manekineko, conformada pola actriz e directora Nerea Brey e o dramaturgo Ernesto Is.

Este espectáculo é de carácter inmersivo, o cal, debo admitir, foi unha sorpresa. O público sobe ao escenario para tornarse na clientela deste karaoke, no cal se desenvolve a acción. Así, a pesar de que hai un espazo que comprendemos reservado para os actores, estes tamén se relacionan directamente con nós ou invaden o noso espazo. Deixa así en igualdade de condicións a publico e intérpretes, xa que temos a oportunidade de vernos directamente aos ollos. Tendo en conta que é un traballo no que a intimidade e vulnerabilidade está moi presente, é xusto que nós, como espectadores, tamén participemos diso, dalgún xeito. Como anécdota, o público estaba tan cómodo co espectáculo que algún se atreveu a interferir cando había conflitos entre os personaxes.

Cancións amarelas, flores tristes fai testemuña ao público dun encontro entre catro personaxes unha noite nun karaoke. Vemos así como achan entre eles unha conexión profunda, á par que breve, mediante a música que vai soando (e van cantando).


Publicidade

Nesta peza podemos salientar moitos elementos. As voces de María Costas e Nacho Castaño, a vis cómica de Fran Nogueira e o carisma de María de Las Llanderas. Ademais, a iluminación realizada por Beatriz de la Vega, que acompaña aos personaxes nesta aventura de atoparse os uns cos outros, trasládanos ás testemuñas disto á emoción dos personaxes.

En conclusión, Cancións amarelas, flores tristes, é unha peza que nos propón saír do illamento imposto por esta sociedade e as veces por nós mesmos, porque, como dirían en Fleabag, a xente é todo o que temos.

Cancións amarelas, flores tristes, de Manekineko Teatro

Interpretación: Nacho Castaño, María Costas, María de las Llanderas, Fran Nogueira.

Dirección: Nerea Brey.

Dramaturxia: Ernesto Is.

Espazo escénico e iluminación: Beatriz de Vega.

Espazo sonoro: Nerea Brey, Ernesto Is.

Vestiario: Javier Lojo.

O espectáculo obtivo unha axuda á creación da Agadic.

Vigocultura. Estrea. Vigo, Auditorio do Concello, 15 de marzo de 2024.

Diana Longa

Diana Longa

(Vigo, 2001) estudante de Dirección Escénica e Dramaturxia na ESAD de Galicia. Formada en música, sobre todo canto. Cofundadora do podcast Isolda, Diana e Martín viven nun mocasín.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Nahoradoscans

O Salón Teatro acolle a estrea de ‘Na hora dos cans’, do Proxecto NÓS/NOUS

Edmond de Bries, transformista que actuou en Galiza en 1921, 1923 e 1934.

A Casa Colorida