Este mércores 26 de xuño de 2024, quarta-feira, o grupo de teatro Eu.Experimento do Camões – Centro Cultural Portugués en Vigo, que dirixe Afonso Becerra, vai pechar o curso escolar, o ano letivo, e súa temporada teatral co espectáculo titulado Eu.Camões.
En palabras do propio grupo, trátase dunha “viaxe lúdico-festivo-teatral pola casa que nos acolle, a través dunha colaxe de escenas independentes, creadas polo Eu.Experimento para celebrar os 10 anos do grupo, os 25 do Camões – Centro Cultural Portugués en Vigo, e os 500 anos do nacemento de Luís Vaz de Camões (1524-1580). Un espectáculo-viaxe, de moita proximidade, para só 20 espectadoras/es.”
A entrada é gratuíta, pero está suxeita a reserva previa, a través do correo electrónico: [email protected] ou no teléfono (+34) 986 430370, para as dúas sesións que se van realizar o día 26 de xuño de 2024, na Casa Arines de Vigo: unha ás 19h e a outra ás 20h30. A asistencia ao espectáculo farase por orde de inscrición até esgotar os 20 lugares de capacidade para cada unha das sesións.
Eu.Camões componse de cinco escenas que, no programa de man do grupo, se definen como cinco paradas na viaxe:
1ª parada nos exteriores da Casa de Arines: “UMA CASA PORTUGUESA”. Nuria Otero transfórmase nunha figura alegórica de Portugal, unha especie de fada, que viste as cores da bandeira portuguesa, e que recibe ao público para darlle a coñecer algúns datos da historia da casa e convidalo a entrar e a descubrir algúns dos seus misterios.
2ª parada nas escaleiras ao pé da lareira: “A QUE CHEIRA PORTUGAL?”. Laura Donibane e Rosa E. Gantes reciben ao público nunha cociña chea de diversión e evocación sensorial. A súa actuación é un convite para facer unha viaxe a través dalgúns dos cheiros máis evocadores e até embriagadores de Portugal, como pode ser o cheiro a café, que, servido nunha taza de Bordallo Pinheiro, leva ao público, entre cancións, á seguinte estación.
3ª parada na biblioteca: “MANUELA DE AZEVEDO ENCONTRA RAFAEL BORDALLO PINHEIRO”. Pablo Lourido e Rosa E. Gantes recrean, nesta escena escrita por Rosa E. Gantes, un encontro fantástico entre dúas personaxes históricas de épocas diferentes, Rafael Bordallo Pinheiro (1846-1905), artista poliédrico, autor da representación popular do Zé Povinho, símbolo do pobo portugués, e a escritora Manuela de Azevedo (1911-2017), que foi a primeira xornalista muller en ter carteira profesional en Portugal. Neste encontro danse a coñecer algúns detalles curiosos na intersección de dúas épocas que se confrontan coa actual.
4ª parada nunha sala de aulas: “O BISPO SARDINHA”. Xaco Otero escribiu unha escena sobre o Bispo Sardinha, Pero Fernandes Sardinha (1496-1556), o primeiro bispo portugués en chegar ao Brasil. Xaco Oteroe Pablo Lourido, van estar acompañados por Natasha García Riveiro, Laura Donibane, Rosa E. Gantes e Nuria Otero para brincar co naufraxio do bispo na desembocadura do río Couripe, na rexión norte de Bahia, e coa súa captura polo pobo Caeté. Esta escena podería ser unha das caricaturas humorísticas deseñadas por Rafael Bordallo Pinheiro.
5ª e última parada no salón de actos: “CAMONIANA”. Na mesma data histórica da escena do Bispo Sardinha e da súa viaxe final, Camões andaba tamén de viaxe, era a época das grandes expedicións portuguesas, e o poema épico d’Os Lusíadas comezaba a tomar forma arredor de 1554. O Eu.Experimento escolleu o Canto III d’Os Lusíadas para acabar esta viaxe cunha historia de amor inmorredoiro, a da galega Dona Inês de Castro, interpretada por Ana Gravata e o Rei Don Pedro, figura ausente, evocada pola personaxe alegórica do Amor, danzado por Nuria Otero e por un coro, formado por todos os integrantes do grupo: Pablo Lourido, Natasha García Riveiro, Laura Donibane, Xaco Otero e Rosa E. Gantes. Un coro que é alegoría da piedade e denuncia da crueldade, para defender o amor, nun tributo ritual e festivo a Dona Inês de Castro.
O Camões – Centro Cultural Portugués en Vigo está na chamada Casa Arines, situada na Praza Tenente Almeida, no Casco Vello de Vigo.