in , , ,

O Festival Atlántica inaugura a súa duodécima edición

Arranca hoxe con actividades en Santiago de Compostela e en cinco espazos de Portugal

FA Artistas 1 xullo Festival Atlántica
Artistas que actúan na xornada inaugural do XII Festival Atlántica.

O XII Festival Atlántica de Narración Oral abre hoxe, 1 de xullo, a súa duodécima edición con actividades en Santiago e Portugal. En Compostela a actividade da mañá estará dirixida ás cativas e cativos, que poderán gozar dos espectáculos Prende no colo de Luís Prego e Samuel Soto (11.00 horas) e A maleta da avoa de Raquel Queizás (12.00 horas), ambos os dous no CSC Maruxa e Coralia.

Alí mesmo, pero pola noite, ás 21 horas, terá lugar a función inaugural Pisando el llano, un espectáculo unipersoal de Jaime Santos, de La Chana Teatro, baseado na colección de contos El llano en llamas de Juan Rulfo. O actor salmantino “consegue preservar nesta proposta escénica a calidade literaria das obras de Rulfo e ofrecer unha representación teatral que se axusta o máximo posible ao imaxinario descrito polo escritor mexicano”, segundo avanzan dende Atlántica.

“Dun xeito honesto e sen artificios, Jaime Santos transmite a crueza e desolación que preside El llano en llamas e faino sen máis acompañamento ca unha cadeira. O único actor en escena tratará de reflectir a ‘escrita total’ de Rulfo nestas historias ambientadas en paraxes áridas do México pre e postrevolucionario que narran as vivencias de campesiños solitarios en constante loita por sobrevivir ante os procesos de industrialización do país azteca”, recollen.

Santos, grande admirador do escritor mexicano, quixo preservar a esencia dun dos principais representantes do realismo máxico, así que, amais de realizar a representación completa con acento mexicano, emprega a mesma linguaxe popular que caracteriza esta obra, considerada un clásico da literatura hispanoamericana.

Atlántica tamén comezará hoxe a súa actividade en Portugal, onde programa un total de trece funcións en cinco sedes diferentes e durante sete días. Ao longo desta semana, outras sedes espalladas por Galicia iranse engadindo ao festival ata completar as máis de 90 funcións previstas nesta edición.
O XII Festival Atlántica é posible grazas ao patrocinio da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña e ao apoio dos concellos de Santiago de Compostela, Ferrol, Teo, Alfoz, Caldas de Reis, Dodro, Mugardos, Outes, A Pobra do Caramiñal, Ribeira, Sanxenxo e Vilalba. A programación actualizada pódese consultar na web do festival.

O festival

Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlanticista. Mantén o seu obxectivo de indagar nas raíces comúns das historias do océano, na procura da identidade cultural do Atlántico. Entre os seus obxectivos están “traballar a prol da posta en valor dunha arte escénica vinculada ao territorio, antiga pero adaptada aos tempos, e amparar, xerar e difundir unha narrativa integradora, igualitaria e sostible”.

Redacción

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Foto: Jason Briscoe

Patadas no cu

Auditorio de Tenerife Foto de Efrain Pinto

Tenerife acolle a gala de entrega dos XXVII Premios Max das Artes Escénicas