in ,

Afonso Becerra gana o Premio Internacional de Xornalismo Carlos Porto 2024

A Câmara Municipal de Almada e o Festival de Almada entregaron este domingo 14 de xullo os galardóns

Rodrigo Francisco, director do Festival de Almada, entrega o Premio Internacional de Xornalismo Carlos Porto 2024 de prensa especializada a Afonso Becerra. Foto: Patrícia Poção.

No Palco Grande do 41º Festival de Almada, antes de comezar o espectáculo Manuela Rey Is In Da House do Centro Dramático Galego, déronse a coñecer os Premios Internacionais de Xornalismo Carlos Porto, organizados pola Câmara Municipal de Almada e polo Festival, que poñen en valor os mellores traballos de xornalismo cultural, a nivel internacional, que cada ano se realizan sobre espectáculos e actividades do festival.

O xurado formado por Sara Santos, representante do Concello de Almada, Luís Filipe Simões do Sindicato dos Xornalistas, Paulo Sergio Santos da Sociedade Portuguesa de Autores, Francisco Belard do Club de Xornalistas, e Margarida Barata do Sindicato dos Traballadores do Espectáculo, do Audiovisual e dos Músicos CENA-STE, concedeulle o Premio Internacional de Xornalismo Carlos Porto 40º Festival de Almada, dedicado á prensa especializada, a Afonso Becerra da erregueté | Revista Galega de Teatro, polo artigo “A equipa de Afonso Cruz e Rui M. Silva | Dentro do Covil. Volta à equipa para nos reconhecer”, publicado o 17 de xullo de 2023. Na acta, o xurado destaca: “Um texto que enquadra o ponto de partida do espetáculo sem explicar demasiado e através da opinião estimula o público a assistir.” Anteriormente, Afonso Becerra xa recibira unha Mención de Honra do Premio Internacional de Xornalismo Carlos Porto em 2020 polo seu artigo “Isabelle Huppert y Robert Wilson en el hechizo Mary Said What She Said”, publicado o 22 de xullo de 2019 en El Periódico de las Artes Escénicas Artezblai.

O premio foille entregado polo director artístico do Festival de Almada, Rodrigo Francisco, acompañado pola alcaldesa de Almada, Inês de Medeiros e por Teresa Porto.

Becerra, no mesmo palco no que, pouco despois, ía invocarse a figura da actriz galega Manuel Rey, na obra do CDG dirixida por Fran Núñez, expresou a súa ledicia e felicidade “por recibir un premio que leva o nome do poeta, dramaturgo e brillante crítico Carlos Porto, a quen puiden coñecer a través da mirada namorada de Teresa Cayolla Porto, a súa muller. Falar con Teresa sobre Carlos e ver como se ilumina a súa expresión é impresionante, porque aí pode un decatarse do que é iso que chamamos amor inmorredoiro e tamén do especial que debía ser Carlos, a quen tanto admiro despois de ter lido os volumes que Teresa me regalou de En busca do teatro perdido, e tamén a súa obra titulada Fábrica sensível.”


Publicidade

Afonso Becerra. Premio Internacional de Xornalismo Carlos Porto 40º Festival de Almada, de prensa especializada. Foto: Patrícia Poção.
Afonso Becerra no Premio Internacional de Xornalismo Carlos Porto. Foto: Patrícia Poção.

Becerra tivo tamén unhas breves palabras de gratitude para o xurado que lle concedeu o galardón, para todas as persoas que organizan e traballan no festival, para o Concello de Almada, para as compañías e artistas que co seu facer o estimulan a escribir. E rematou con dous agradecementos especiais. Un para Carlos Gil: “que hai máis dunha década que me deu carta branca para escribir un artigo semanal en El Periódico de las Artes Escénicas Artezblai, onde levo máis de cincocentos publicados, o cal é un adestramento fundamental para min”. O outro para Maria José Albarran Carvalho, pola axuda e o asesoramento na corrección lingüística dos artigos que escribe en portugués sobre os espectáculos que ve no Festival de Almada.

Na mesma gala, Ruy Filho recibiu o Grande Premio Carlos Porto 2024 polo seu conxunto de textos publicados en Antropositivo. Na modalidade de prensa xeralista recibiuno Claudia Galhós polo artigo “Duas almas. Corpos divididos em Momo a nova criação de Ohad Naharim para a Batsheva”, publicado no xornal Expresso do 7 de xullo de 2023. Tamén recibiron dúas Mencións de Honra as entrevistas con Rodrigo Francisco de Maria Leonor Nunes, publicada no Jornal de Letras e a de Catarina Pires, publicada en Mensagem de Lisboa.

Premio Internacional de Xornalismo Carlos Porto. Festival de Almada. Foto: Patrícia Poção.
Premio Internacional de Xornalismo Carlos Porto. Festival de Almada. Foto: Patrícia Poção.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Pensar con Orgullo. Deseño de Raquel Boo.

Pensar con Orgullo

Festival Abanea 2024 reducida(1)

O Festival Abanea celebra a súa terceira edición