Cunha fin de semana de espectáculos diversos, de referencia internacional e con alta demanda do público na venda anticipada de entradas. Así inaugura hoxe a Mostra Internacional de Teatro, MIT, de Ribadavia a súa 40ª edición.
O acto de apertura será esta tarde ás 20.00 horas, na Igrexa da Madalena, e contará coa intervención de representantes do Concello, da Deputación, da Xunta de Galicia e do Goberno de España, así como do director artístico da MIT, Roberto Pascual. Tamén na fin de semana comezarán as actividades paralelas, coma os foros, un coloquio de mulleres creadoras, un acto da Academia Galega de Teatro, presentacións de libros ou a programación expandida das Residencias Paraíso.
En canto ao programa de espectáculos, a primeira fin de semana aposta por pezas para público de diferentes idades, arredor de danza, o circo e as artes híbridas, con grandes referentes de mulleres creadoras coma Marta Pazos, a brasileira Alice Ripoll ou Belén Martí Lluch, e espectáculos na rúa como Treboada e Peixe que falarán de ecoloxismo ou a saturación turística. A sesión golfa de Ibuprofeno, levará dun xeito cómico á desmitificación do amor romántico dende o karaoke. Zona Franca presentará “un potente espectáculo de danzas urbanas e danzas brasileiras para trazar unha paisaxe crítica das políticas populistas de Bolsonaro e as súas consecuencias na exclusión social, tras o seu exitoso paso por Amsterdam e Barcelona”, segundo destacan dende a MIT. Ademais, o premiado espectáculo da compañía de Lucas Escobedo ofrecerá con Paüra “un sorprendente e humorístico percorrido polos medos que nos rodean, con música en directo”.
Esta edición de 2024, que se desenvolverá ata o próximo día 27, conta con espectáculos galegos, do resto do Estado e de diferentes países internacionais, como Brasil, Arxentina, Francia ou Chile. O programa co que a MIT celebra o seu 40ª aniversario concentra un total de 21 espectáculos, tres cursos de formación escénica, unha exposición e máis de 10 actividades paralelas.