in , ,

O Titiriberia muda de datas e avanza a súa nova programación

Vén de inaugurar tamén a mostra ‘Marionetas do mundo’ nos escaparates de Rianxo

Escaparate Peluquería David Titiriberia
Escaparate do salón de peiteado David, en Rianxo, dentro da exposición 'Marionetas do Mundo', do Titiriberia.

O Titiriberia: Festival de títeres tradicionais, organizado pola asociación Morreu o Demo co apoio do Concello de Rianxo, a Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña, vén de anunciar que muda de datas. A edición deste ano celebrarase entre o 12 e 18 de agosto. Con este traslado no calendario, o festival desenvolverase nunha das semanas nas que se espera máxima afluencia de visitantes en Rianxo. Deste xeito, Titiriberia busca así ampliar o seu alcance ao reatoparse tanto co público rianxeiro como co procedente do exterior converténdose nun reclamo estival máis da localidade.

Como aperitivo da súa novena edición, Titiriberia vén de inaugurar tamén a súa exposición de escaparates que, baixo o título Marionetas do mundo, decora os comercios de Rianxo grazas á colaboración da Asociación Rianxeira de Empresarios (ARE). A mostra confórmase con exemplares da ampla colección de Viravolta Títeres, unha das compañías de referencia histórica para o sector galego dos monicreques ao superar xa os corenta anos de traxectoria.

Unha decena de comercios acollen nos seus escaparates as pezas de Viravolta: Don Dino, Cenor ROT, Europunto, Nenis, Costuras para soñar, Irazi, Zapaterías Marty, Pasarela Boutique, Peluquería David e Material de construción e ferraxería Luis Vidal. En todos eles repartíronse figuras elaboradas por diferentes artesáns de todo o mundo. As tradicións titiriteiras de Europa, América Latina, India, China ou Turquía chegarán así a Rianxo.

A exposición incluirá un concurso. En cada escaparate agocharase unha figura de Lupe, a anfitrioa de Titiriberia. Quen a atope en, polo menos, seis dos escaparates poderá participar nun sorteo de produtos e agasallos do festival. As instrucións están dispoñibles na páxina web do festival e atoparase información en cada un dos comercios colaboradores.


Publicidade

A programación

Titiriberia vén de avanzar tamén parte da programación deste ano, revelando que amosará ao público rianxeiro nesta novena edición dous espectáculos de produción propia e sete coprodución en colaboración con diferentes compañías e artistas, das que xa deu a coñecer algunha. Regresará así o tradicional espectáculo As Varietés de Barriga Verde, sesión na que se reúnen cada ano espectáculos de diferentes disciplinas e artistas nun formato de variedades. A outra produción propia do festival será A feira vella. Nela recrearase unha feira tradicional, a combinar os entretementos interactivos con propostas escénicas para amosar unha colección de antigos xogos e atraccións de feiras tradicionais. Instalaranse na praza do Campo de Arriba e contará con     dramatizacións en coprodución co grupo de Teatro Airiños (Os casos da Feira vella) ou con Seisdedos Marionetas (Cantar do ano de Rianxo)

Precisamente, a compañía Seisdedos protagonizará outra das coproducións: Peito de Lobo, na  que se adapta aos monicreques de cachaporra o famoso personaxe inmortalizado por Castelao. As outras coproducións deste ano correrán a cargo da compañía A Cova das Letras, que lle brindará ao público Chafallas, a vendedora de fume; de Ostomila Títeres, que traerán ao galego o seu espectáculo Baleazaleak; de Trécola Producións, coa súa peza As aventuras de Pituquito, e de Títeres en solitario, co pasarrúas A vella do gaiteiro. O programa completo darase a coñecer en próximas semanas.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Dique, de Nova Galega de Danza. Imaxe de Rosinha Rojo para a MIT de Ribadavia.

Dique

Zona Franca, de cia. Suave. Imaxe de Rosinha Rojo para a MIT de Ribadavia.

Zona Franca