in ,

Deixando a pel

Cando ves pasar treitos da túa vida diante dun escenario

"Deixando a pel" da Aula de teatro da USC-Lugo. Imaxe de Laura Pose.
"Deixando a pel" da Aula de teatro da USC-Lugo. Imaxe de Laura Pose.

Na tolemia das miñas viaxes entre Vigo e Lugo – que son infinitas nestes últimos anos – penso en proxectos novos mentres vexo como outros se van despedindo. Coa cámara de fotos cargada para conxelar a vida que pasa, chégame esta mensaxe:

“16/2/2024 Boas tardes Zoe! Son Andrea, a directora da compañía de teatro da USC-Lugo. Pasoume Paloma o teu contacto porque estou a buscar unha técnica de luces para a xira…”

Nese momento non son consciente máis que de estudar un calendario para unha xira entre abril e maio, sen saber aínda que o destino estame a preparar unha experiencia que me fará estremecer a pel.

Deixando a pel, da Compañía de teatro universitario USC-Lugo é unha peza que xoga entre varios mundos, varias personaxes presas da mesma historia que tratarán de sobrevivir nunha sociedade deshumanizada.”

Esta é a introdución que  An González, directora e dramaturga, me fai da peza na primeira reunión.

Logo chega o momento de presentarme ao equipo de actrices universitarias de entre 18 e 30 anos e ver un ensaio para comezar a traballar nun deseño de iluminación dentro das pautas da dirección.

Eu sei que a peza teatral é intensa, que ten partes moi físicas, que trata sobre o problema do suicidio – sendo por desgraza Lugo unha das provincias coa taxa de suicidios máis alta do Estado, segundo o último informe do INE -, mesturado coa historia de Álex, unha personaxe trans en loita continua. E un dato moi simpático que me chega dunha amiga común: “penso que An e ti ides entendervos porque sodes moi iguais.”

No primeiro momento eu estou distante, co meu caderno de anotacións de iluminación, aínda sen texto completo. A directora preséntame ao resto do equipo. Comezan os ensaios da peza nun escenario redondo, frío e sen iluminación, ou elementos de maxia que poidan apoiar a interpretación das 7 marabillosas actrices – como serán as proxeccións realizadas por Andrea Maseda -: unha situación difícil, con moitas partes aínda sen rematar de pulir ou mellorar, pero dá o mesmo.

Sento un par de reas detrás da propia directora. O lapis comeza a voar con trazos ilexíbeis para o resto da humanidade, cunha velocidade de vertixe tomando as primeiras anotacións para traballar na proposta de iluminación. De súpeto aparece Álex. Unha personaxe trans que se sente muller pero non ten a intención de transformar o seu corpo. O meu lapis cae ao chan, as follas do caderno humedécense aos poucos, sen entender en que momento aquel texto amosa experiencias idénticas á miña propia historia. A peza continúa, e unha chorona como eu quere agochar nese intre os meus sentimentos ante unhas descoñecidas.

Aínda non chegou o texto máis incrible que escoitarei en moito tempo: a carta dun adolescente aos seus pais e á sociedade.

Ese foi o momento no que souben que a experiencia ía ser extraordinaria. Malia que faltase moito traballo para chegar ao resultado final, ese día quedou gravado en min para sempre: cando 8 mulleres, 7 actrices e 1 directora, cada unha coa súa humildade e a súa arte, me arrincaron a pel por completo.

Deixando a pel foi estreada en abril no trixésimo Festival de Teatro Universitario de Lugo e posteriormente foi representada en Santiago de Compostela, na Mostra de Teatro Universitario de Galicia, en Pamplona (Mostra de Teatro, UPNA), Ourense (Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense, MITEU), Lisboa (Festival Anual de Teatro Académico de Lisboa, FATAL) e en Donostia (XXXV Mostra de Teatro Joven) onde resultou premiada como a Mellor Obra.

En moitas das actuacións baixei para falar co público asistente para escoitar a súa apreciación:

“Agora imos meditar sobre o que acabamos de ver.”


Publicidade

“Necesito unha cervexa e respirar. Revolvéstesnos a alma.“

“Cabrona, o destino sabia que só ti podías iluminar isto, pensei en ti en todo momento.”

Deixando a pel non deixa impasíbel a quen a ve, nin a quen a fai, como reflicten as mesmas actrices sobre a súa experiencia:

Cal foi o proceso para crear a Álex?

“Fomos construíndolle distintas capas, coma se fose unha cebola. Estas capas xurdían a partir de preguntas, que nós  contestabamos, por exemplo, “Por que a Álex lle gusta tanto ir ao karaoke?” (Ana Páez) “Porque de pequena quería ser cantante e subida no escenario séntese máis libre, máis ela”. Poida que pareza pouco útil ou que non vaia achegar nada concreto á obra, pero axúdanos moito a darlle humanidade e facilita que o público poida empatizar con ela”. (Anna Aycoberry)

Cal foi a vosa experiencia?

“A min axudáronme as miñas experiencias, xa que esas dúbidas sobre o xénero ou ter conversas cos teus seres queridos para que usen os pronomes cos que te sentes máis cómoda, foron moi ricas para crear máis bagaxe e emocións para a personaxe”. (Anna Aycoberry)

“A obra para min é unha fantasía, encantoume a idea desde o primeiro minuto e facela realidade xunto ás demais foi un camiño moi bonito e unha etapa de aprender cousas que me gustou moito, e aínda que había momentos nos que quería deixalo todo, sempre decidía seguir porque sentía que era unha obra que debería ver moita xente… Persoalmente considero que é unha experiencia que todo o mundo debería vivir, xa que é un tema necesario e que todos deberían valorar, sobre todo vendo os tempos actuais e como avanza a sociedade. En resumo, para min a obra significa adaptación e sacrificio, pero tamén orgullo e ilusión”. (Alba Giráldez)

 

Deixando a pel, Compañía universitaria de teatro da USC-Lugo

Dirección, dramaturxia e espazo escénico: An González

Elenco: Aitana López, Alba Giráldez, Anna Aycoberry, Andrea Maseda, Mohja Bouferma, Camila Besuschio e Ana Páez.

Técnica: Zoe Vixion

Fotografía: Laura Pose

zOe iriARTE

zOe iriARTE

Actriz, directora, escenógrafa e técnica de iluminación. Fotógrafa, formadora e creadora de eventos artísticos. En 1986 crea a súa primeira compañía de teatro e, no 1989, Lohengrin Teatro e as Escolas de Actividade Teatral, das que teñen saído ducias de actores e actrices que a día de hoxe traballan como profesionais.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Eclipse Total MIT 2024

Eclipse Total

MIT 2024 Iribarne reducida

A 40ª MIT de Ribadavia resolve o Premio do Público e o Premio Abrente