Esta fin de semana celébrase unha nova edición do Encontro Paraíso na Illa de San Simón. Dende hoxe ata o domingo, 22 de setembro, o Colectivo RPM desenvolve a súa cita anual das Residencias Paraíso, na que participarán as e os artistas seleccionados en 2024 na iniciativa, ademais de profesionais da danza e as artes escénicas procedentes de dentro e fóra de Galicia convidadas e convidados pola organización.
Trátase dunha convivencia de tres días que xera un espazo compartido entre artistas Paraíso, socias-amigas do Colectivo RPM e persoas vinculadas á rede de espazos colaboradores na Illa de San Simón. Esta localización permítelles desenvolver durante toda a fin de semana diferentes dinámicas de presentación e debate sobre os procesos artísticos, así como propoñer outras acciones de carácter transversal. A posibilidade de durmir ofrécelles, ademais, un contexto de convivencia.
No Encontro Paraíso na Illa de San Simón, que neste 2024 alcanza a súa oitava edición, participan as e os Artistas Paraíso 2024, Sergio Marey, Fran Rodríguez & Brais Pombo, Ana Cotoré, Desgarradura, Noela Covelo Velasco & Élise Moreau, Cris Balboa, Lucas Damiani, José Ramón Hernández / Osikán – vivero de creación e Furia Sotelo, ademais de case corenta profesionais das artes vivas e a xestión cultural de distintas partes do mundo. O programa do encontro está pensado “para compartir os procesos artísticos en residencia desenvolvidos durante este 2024 e, tamén, para xerar unha espazo de coñecemento conxunto”.
En paralelo, por segundo ano consecutivo, o Colectivo RPM amplía o seu Encontro Paraíso co desenvolvemento dunha residencia de investigación na propia Illa de San Simón con inicio xa nos días previos á convivencia. E estao a facer en colaboración con Graner, o centro de creación de danza e artes vivas con quen, desde 2017, constrúe unha relación continua de colaboración entre Galicia e Cataluña.
As artistas que están a habitar a illa desde o pasado 11 de setembro e ata o vindeiro día 22 son Mar García & Javi Soler, que están somerxidas nun proceso de investigación entre o movemento e o son, en torno á representación e aos significados do bico escénico a través do imaxinario do ‘Ius Osculi’ ou o “dereito a bico” da Antiga Roma. Parte deste proceso poderase ver no Encontro Paraíso 2024 esta fin de semana.
As residencias
Promovido polo Colectivo RPM, entidade independente dedicada ao impulso da danza e a creación contemporánea en Galicia–, o programa Residencias Paraíso 2024 diríxese a artistas de Galicia, España e Portugal, con maior ou menor traxectoria, que precisen recollerse de forma intensiva arredor dun proxecto de investigación ou creación durante dúas ou tres semanas. A iniciativa conta cun importe total de 22.000 € e, neste 2024, acolleu 9 propostas en residencia, cunha dotación económica de entre 1500 e 3000 € (impostos incluídos) cada unha, para favorecer as distintas fases do proxecto artístico seleccionado, desde a investigación, a escritura, o traballo dramatúrxico, a creación coreográfica ou, tamén, as residencias de carácter técnico.
Neste 2024, as residencias artísticas desenvolvéronse desde o pasado mes de abril no Pazo da Cultura de Narón, o Pazo da Cultura de Carballo, a Casa da Cultura de Vimianzo, o Vello Cárcere de Lugo, a Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, o Salón Teatro do Centro Dramático Galego, o Pazo da Cultura de Pontevedra e a Igrexa da Madalena de Ribadavia.