in ,

EducaTeatro estrea ‘Circo de Pinocho’

Fixo onte a primeira representación e ofrecerá funcións ata o día 13 na súa carpa en Redondela

Circo de Pinocho Interior reducida
Interior da carpa do 'Circo de Pinocho'. Foto de EducaTeatro.

EducaTeatro Producións vén de estrear o seu novo espectáculo en carpa, Circo de Pinocho. O proxecto de maior envergadura dos creadores de Os tres porquiños, Carapuchiña Vermella e O mundo máxico de Pinocho, representouse por primeira vez onte, venres 4 de outubro, na carpa Educateatro instalada no Aparcadoiro da Marisma de Redondela, onde ofrecerá funcións ata o día 13.

A montaxe, creada unicamente para representarse en carpa, combina o teatro musical cunha escolma dos números máis tradicionais do circo, empregando como fío conductor a Pinocho, un dos personaxes máis coñecidos da literatura universal.

Durante as dúas horas de función, descanso incluído, o público acompañará o protagonista a cumprir o seu soño de montar un circo. Para iso, Geppetto construirá aos bonecos que, coa maxia da Fada Mimadriña, volveranse de carne e óso para ofrecer números de corda frouxa, malabares, suspensión capilar, acrobacias, trapecio… aderezadas por unha banda sonora orixinal composta por 20 cancións.

“Co que non contaba ninguén é que ese feitizo fará que Pinocho se transforme de novo nun boneco de madeira”. Durante o espectáculo, Pinocho e Pepiño Grilo terán que atopar á Fada para reverter o conxuro, pero non aparece por ningures. “Raptouna a malvada Chinche Chinchón, que está recrutando artistas para o circo da competencia. Poderán os artistas liberala para que Pinocho volva ser un neno de verdade?”, recolle a sinopse do espectáculo.

O equipo creativo, así como o elenco do Circo de Pinocho, componse maioritariamente por artistas galegos, e conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través das axudas á creación escénica; o Concello de Redondela e a Comunidade de Montes de Amoedo (Pazos de Borbén) para a xira que levará o espectáculo a localidades de toda Galicia.

Carpa para 450 persoas

O espectáculo realizarase nunha carpa de circo con capacidade para 450 persoas, “comodamente sentadas en butacas individuais e con calefacción”. Ademais, o ambigú conta con servizo de cafetería, photocall e instalacións adaptadas para cadeiras de rodas. Na representación circense non participan animais.


Publicidade

Horarios e venda de entradas

As funcións arrancaron onte coa estrea, e ofreceranse un total de dez representacións hoxe, sábado, 5; mañá, domingo, 6; e os días 11, 12 e 13. Os venres realizarase unha única función ás 18:30 horas, os sábados ás 17:00 e ás 19:00 e os domingos, ás 12:00 e ás 17:00 horas.

Os prezos xerais oscilan entre os 15 € na grada e palcos laterais e os 20€ no palco central. Os venres, día da persoa espectadora, as localidades terán un prezo único de 10 € , e os domingos ás 12:00 horas, un desconto xeral de 3€ en cada boleto.

As entradas pódense adquirir na web do proxecto e, de non esgotarse previamente, tamén na billeteira física na entrada do circo, unha hora antes de cada función.

A empresa

EducaTeatro Producións é unha empresa cultural dedicada á produción, distribución e promoción de espectáculos infantís e familiares. A música, a lingua e a diversión son os piares fundamentais dos seus traballos, cos que pretenden “fomentar a educación en valores e contribuír a unha aprendizaxe significativa”. Nos dez anos de traxectoria, foron os creadores dos musicais Os tres porquiños, unha obra musical con bonecos a tamaño real, Carapuchiña Vermella, o musical e O mundo máxico de Pinocho, cos que percorreron toda Galicia e outras localidades da xeografía española.

Ademais das producións teatrais, foron os encargados da dirección artística e a produción do Circo de Nadal de Vigo durante tres edicións e das montaxes do Circo Tamberlick.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Presentación TerceiroActoCDG 2024 reducida

O Salón Teatro acolle a reestrea de ‘Terceiro acto’

Persoas da organización do Festival Agrocuir durante a performance de Nelu Vermouth e Compañía. Imaxe de Zoe Iriarte.

Festival Agrocuir da Ulloa 2024