in

O entroido, o teatro e o infinito

'Carnaval, 1946-47'. Oleo sobre tea. Laxeiro. (Fragmento)
'Carnaval, 1946-47'. Oleo sobre tea. Laxeiro. (Fragmento)

Quizais unha das facultades máis necesarias do ser humano é a transformación. O ser identifícase por manter un relato coherente, baseado na unidade de carácter, que vai evolucionando de vagariño cos anos. O ser implica un estilo de vida, unha maneira de pensar, uns hábitos, un xeito de vestir e de aquelar a nosa aparencia externa, que tamén acaban por moldear o corpo. Todo iso, maila xenética e o contexto xeográfico e sociocultural, configura a identidade e o personaxe: o relato no que se cifra ou explica a persoa.

Pero a persoa é moito máis ca iso, é infinita. Por ese motivo, penso eu, necesita saír do personaxe habitual e xogar con outras máscaras (personaxes). Aí cumpren un papel fundamental o entroido, desde os máis antigos de Xinzo, Verín e Laza, na provincia de Ourense, até todos os carnavales que agora están na moda: o de verán de Redondela (Pontevedra), os disfraces que fantasean con ir á época romana no Arde Lucus (Lugo), ou ao Medievo na Festa da Istoria (sen h) de Ribadavia (Ourense) etc.

As figuras case totémicas e misteriosas dos Peliqueiros de Laza, os Cigarróns de Verín e as Pantallas de Xinzo de Limia; o Oso das aldea de Salcedo na Pobra do Brollón (Lugo) e o da aldea de Sande en Cartelle (Ourense), que nos lembra aos rituais para conxurar o medo ás feras, alegoría dos males; o “vermú das señoritas” de Lalín (Pontevedra), onde os homes van de mulleres e as mulleres de homes, nunha divertida inversión de xénero; o entroido é un evento parateatral que nos facilita xogar coa identidade, coa camuflaxe, para liberarnos un pouco, dentro dun tempo acoutado, previo aos antigos rigores da Coresma.

O entroido amplía e desborda o noso ego pechado, abríndoo á festa de mudar a nosa aparencia externa. Ao igual que o teatro, pode consistir nun exercicio para ampliar tamén a nosa empatía situándonos, aínda que sexa mediante os mecanismos cómicos da hipérbole ou da caricatura, na pel e nos zapatos da “outredade”. Saír un pouco do ser (do relato) que levamos posto continuamente, para facelo estourar na diversión e na fantasía de sermos calquera outra cousa ou calquera outro ser.

Incluso vai haber quen, nese “disfraz”, encontre a realización dunha parte reprimida da súa personalidade. Velaí cando as máscaras nos axudan a liberar aspectos que na nosa vida cotiá non adoitan estar ben vistos, porque non entran nos padróns, por exemplo, do xénero que se nos asignou (muller/home), ou non forman parte dos regulamentos do decoro e da beleza. Por exemplo, iso é o que acontece cos Merdeiros de Vigo, na súa alusión directa ao feo e ao escatolóxico. As transgresións a todos os niveis, desde o escarnio ás autoridades, poderes e institucións, para xerar unha compensación respecto á norma e ás obrigacións de manter o tipo e a corrección en todo momento. Velaí, por exemplo, as máscaras de curas, bispos, cardeais, monxas, alcaldes e presidentes de goberno, e até ditadores, sobre todo canto máis opresores ou autoritarios son. Este ano non ha faltar a máscara de Donald Trump.

Entroido e teatro, sen dúbida, son da familia e responden a unha necesidade ineludible do ser humano. Non son un luxo nin algo prescindible. Fan falta porque se relacionan coa saúde dun pobo, coa compensación ideolóxica e psicolóxica, e coa ampliación, mediante unha certa catarse, da empatía e da personalidade. Porque a persoa é infinita e necesita espazos onde poder testar ese desbordamento.

Afonso Becerra
Latest posts by Afonso Becerra (see all)

Afonso Becerra

Afonso Becerra

Director da erregueté | Revista Galega de Teatro. Pertence ao seu Consello de Redacción desde o 2006. Doutor en Artes Escénicas pola Universitat Autònoma de Barcelona. Titulado Superior en Dirección escénica e dramaturxia polo Institut del Teatre de Barcelona. Titulado en Interpretación polo ITAE de Asturies. Dramaturgo e director de escena. Exerce a docencia en dramaturxia e escrita dramática na ESAD de Galiza desde o ano 2005. É colaborador, entre outras publicacións, de revistas de cultura e artes performativas como 'ARTEZBLAI', 'Primer Acto', 'Danza en escena', 'Tempos Novos', 'Grial'. Entre setembro de 2019 e xuño de 2021 foi colaborador especialista en artes escénicas da CRTVG, no programa 'ZIGZAG' da TVG. Desde setembro de 2022 é colaborador semanal sobre artes escénicas do 'DIARIO CULTURAL' da RADIO GALEGA.
Premio Álvaro Cunqueiro da Xunta de Galicia en 2001. Premio María Casares á Mellor Adaptación teatral en 2016. Premio de Honra do Festival de Teatro Galego, FETEGA, do Carballiño (Ourense) en 2020. Premio Internacional de Xornalismo Carlos Porto en 2024 e 2026, de prensa especializada, do Festival de Almada, organizado pola Câmara Municipal de Almada, do que tamén recibira unha Mención Honrosa en 2020.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Un deus salvaxe Talía Teatro

Talía Teatro inicia a xira da peza ‘Un deus salvaxe’

A burra, a mesa e o pau fonte Xunta

O CDG estrea ‘A burra, a mesa e o pau’