in ,

Amorodio Teatro estrea ‘Cortello de amor’

Esta tarde, en Vigo, dentro do programa municipal Vigocultura

Cortello de amor de Amorodio Teatro
'Cortello de amor', de Amorodio Teatro. Fonte: Amorodio Teatro.
O auditorio municipal de Vigo, sito na Praza do Rei, acolle esta tarde ás 20.00 horas, dentro do programa Vigocultura, a estrea de Cortello de amor, o novo traballo escénico da compañía Amorodio Teatro.
A peza preséntase como “unha comedia, moi galega, con retranca e acento que trata unha problemática actual como é os disparatados prezos dos alugueiros así como o turismo non sostible”.

Sinopse

“Jack e Rose, unha parella que rolda a trintena e que levan xuntos dende a adolescencia, van a un concerto do seu grupo favorito, Grande Amore, nunha praza céntrica a carón do seu piso. Logo dunha festa memorable que paraliza a cidade pola afluencia masiva de público, os membros do grupo non conseguen arrincar a súa furgoneta. Rose e Jack, fans incondicionais, non o dubidan e deciden ofrecerlles a súa casa para pasar a noite, e durmir eles dous no faiado.

Durante esa noite no rocho, descobren que a súa paixón se reaviva neste pequeno espazo. Encantados coas marabillas do faiado, teñen a idea de sacar uns cartos extra alugando a turistas o seu céntrico apartamento na zona vella dunha senlleira cidade galega, mentres eles aproveitan para pasar tempo no faiado, ao que chaman “niño de amor”, reconectando como parella.

Todo vai sobre rodas mentres os nosos protagonistas acumulan cartos e soños de futuro, pero a todo porco lle chega o seu San Martiño: coa fin do verán os ingresos baixan, a falta de espazo persoal ameaza con dinamitar a súa relación, a súa veciña anciá, dona Virtudes (que aprecia moito o silencio, e ten algúns problemas de paranoia) parece disposta a facerlles a vida imposible, e o negocio de turismo porcino (un resort de natación con porcos nas Rías Altas) no que Jack investiu os cartos gañados, anúnciase un fracaso absoluto.


Publicidade

Jack e Rose veranse, entón, abocados a tratar de non afogar nun naufraxio que eles mesmos causaron. Terán que enfrontarse ao feito de que o seu niño de amor é un cortello, e todo o que fixeron, probablemente, unha merda”.

O equipo

Dirección: Marián Bañobre
Dramaturxia: Laura Porto
Elenco: Carmen Facorro e Javier Castiñeira.
Iluminación: Violeta Martínez
Espazo sonoro: Grande Amore
Produción: Amorodio Teatro, cunha axuda á creación da Agadic, e coa colaboración do Concello de Rianxo e o Concello de Silleda.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

'Cordeiros de Deus ou Soldados da Esperança' no Teatro Diogo Bernardes de Ponte de Lima. Foto: Vítor Ferreira.

Cordeiros de Deus ou Soldados da Esperança

Manuel Lourenzo e Marta Pazos

Os Premios da Cultura Galega 2024 traen dobre recoñecemento para a escena