Os Premios da Cultura Galega 2024 xa teñen gañadoras e gañadores. O xurado reuniuse onte en Santiago de Compostela, na Cidade da Cultura de Galicia, para outorgar os recoñecementos desta edición. Ao remate da xuntanza, que estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, fíxose pública a resolución nas distintas categorías propostas.
Resolución por categorías
- Letras: Manuel Lourenzo.
- Artes Visuais: Xosé María Pérez Barro
- Artes Escénicas: Marta Pazos
- Música: Joaquín Martínez
- Audiovisual: Ficción Producións
- Lingua: Julia Díaz
- Patrimonio Cultural: Xosé Manuel González
- Proxección exterior: Real Club Celta de Vigo
O xurado
Do xurado tamén formaron parte o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo; a directora xeral de igualdade, María Quintiana; o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa; Henrique Monteagudo, académico numerario, en representación da Real Academia Galega; Xosé Manuel Núñez Seixas, vicepresidente do Consello da Cultura Galega; Máximino Zumalave, académico numerario da Real Academia Galega de Belas Artes; así como profesionais de recoñecido prestixio, como Kirenia Martínez Acosta, xestora cultural, bailarina e coreógrafa; Lucía Carballeda Suárez, historiadora da arte e galerista; e Anxo Angueira Viturro, presidente da Fundación Rosalía de Castro.
Con estes galardóns, a Xunta de Galicia quixo “distinguir un ano máis a excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección do panorama cultural da nosa Comunidade, así como o compromiso de proxectos, traxectorias e iniciativas que enriquecen a realidade e identidade cultural de Galicia”.