in ,

CEIB3

Libre, libre quiero ser

'Ceibe' de Fran Sieira Cía. de danza. Estrea no Auditorio Municipal Xosé Manuel Pazos Varela de Cangas. Foto: Aigi Boga.
'Ceibe' de Fran Sieira Cía. de danza. Estrea no Auditorio Municipal Xosé Manuel Pazos Varela de Cangas. Foto: Aigi Boga.

Logo de DeMente (2022), Fran Sieira volve apostar por un espectáculo no que mergullarse nas profundidades do ser humano e, en concreto, do ser humano en relación con outros seres humanos, en relación co social.

CEIB3 leva impresa no seu título unha obvia declaración de intencións, xa que é un canto de liberdade, onde o baile nos leva a soltar as cadeas que nos apreixan, tanto por dentro como por fóra de nós.

De feito, a peza está claramente dividida en dúas metades que separa o feito de quitar o pano a través do cal asistimos á primeira parte. Unha primeira parte na que o corpo de baile está non só movéndose tras dese pano translúcido, senón ademais coas cabezas e caras tapadas por unha lea de fíos que, nun momento dado, se cinguen a unha trenza que cae do teito e domina o medio da escena, enleándose aínda máis.

Ese lío de fíos lévanos de xeito irremediábel á imaxe da confusión mental, do exceso de ruído interno e, polo tanto, á falta de claridade no pensamento. Do mesmo xeito, a trenza lévanos á anatomía do cerebro e a como o bulbo raquídeo se insire na medula espiñal.

Estamos entón a ver o que acontece dentro das cabezas do grupo de bailarines? Ou é unha soa a mente que estamos a ver por dentro?

Sexa como sexa, esa trenza convértese, de primeiras, en corda que ata e amarra a un pensamento encadeante, a un certo automatismo, como ben podemos ver reflectido nos movementos da coreografía desa primeira parte.

Mais logo chega o momento da liberación desas cadeas que, como non pode ser doutro xeito, é a través de desandar o camiño percorrido (nun momento no que vemos como se repite unha mesma secuencia coreográfica, mais ao revés: unha complexidade moi interesante).

Unha liberación que chega grazas a petar co límite imposto por esa corda, que fai que chegue un momento no que case afoguemos.

Unha liberación que quita as barreiras e abre os ollos, quitando o pano e as máscaras, para pasar a unha bacanal que se vai desencadeando pouco a pouco, nun crescendo que comunica directamente co público e alivia a presión anterior.

CEIB3 non fala só das cadeas que nos poñemos as persoas senón que ademais interpela ao público a través dun cuestionamento do xénero imposto, tamén, como barreira.


Publicidade

E faino cun discurso sinxelo e falto de pretensións, mais fondamente político e comprometido, no que a compañía contou coa axuda do bailarín e coreógrafo Sergio R. Suárez: todes es bailarines levan o mesmo vestiario, deseñado por Érica Oubiña, e que aparece aquí como uniforme na primeira parte e como expresión de liberdade e sensualidade grazas ao movemento que lle imprimen os corpos.

Non fai falta máis para que nos decatemos de que a cuestión do xénero é un constructo social, unha imposición máis das moitas que nos condicionan dende que chegamos a este mundo profundamente neurótico.

Será por iso que todo o público vibrou coa liberación final, acendéndose cando es bailarines botaron a correr e bailar polo patio de butacas. Porque todas necesitamos soltar as nosas propias cadeas.

Como en DeMente, a coreografía toma referentes directos do baile tradicional galego e xoga con eles, facendo novas propostas que converten a peza nunha de danza contemporánea. Así o intre do traballo con esa trenza xigante que remeda a Danza das Cintas de Cádavos.

Do mesmo xeito a música, creada por MoundQup dende bases tradicionais, acompaña o movemento que vai dende a represión á liberación final.

Como antes mencionamos o espazo, deseñado por Laura Iturralde, xoga coa idea da trenza (que neste caso, máis que cinguir, ata) e coa diferenciación dos dous momentos da peza a través do xogo co pano e as sombras que nel se proxectan.

É interesante ver aquí a referencia á caverna de Platón, con esas sombras que son reais e ao mesmo tempo construcións da nosa propia mente.

Parece, entón, que a cousa está en quitar o pano dos nosos ollos e poder ver a realidade como algo moito máis amplo e ceibe do que cremos ou do que nos queren facer crer.

CEIB3, Fran Sieira Compañía de Danza

Dirección artística: Fran Sieira, Sergio R. Suárez
Acompañamento de dirección: VACAburra
Coreografía: Fran Sieira
Bailadoras e bailadores: María Montero, Aida Tarrío, André Adrio, Artur Puga, Patricia Sánchez, Martín Mondragón, Adela Otero, Cristina Canosa, Adrao Casal
Música orixinal: MounQup (Camille Hedouin), Carlos Quintá, Úrsula Rial
Iluminación: Fidel Vázquez
Espazo escénico: Laura R. Iturralde
Vestiario: Erica Oubiña
Espazo sonoro: Isaac Millán

Auditorio do Concello de Vigo. 23 de novembro de 2024.

Iván Fernández

Actor, director, dramaturgo e profesor de teatro. Graduado en Arte Dramática pola ESAD de Galicia, na especialidade de Dirección de Escena. O meu eido profesional abrengue o teatro en moi diversos aspectos, dende a docencia con menores e adultos ao campo terapéutico, atopando o teatro como un lugar onde mellor coñecerse a unhe mesme. Dende este aspecto, creo os obradoiros de Teatro Emocional en 2013 ou comezo a colaborar con impresións e crónicas sobre espectáculos na Erregueté, O Galiñeiro, Praza Pública ou a TVG, no programa "Zig Zag Diario".

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Jackie Henderson fotografiada por Reg Innell.

O 25N e os parches feministas

Inauguración da 17ª edición de Culturgal. Foto: Xunta de Galicia.

Celébrase a 17ª edición de Culturgal