in , ,

Os XXIX Premios de Teatro María Casares aceptan candidaturas

O prazo está aberto ata o 8 de xaneiro

XXVIII Premios María Casares
XXVIII Premios María Casares. Foto de Corsino.

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) convocou este mes os XXIX Premios de Teatro María Casares. A inscrición, que se realiza dende a web da AAAG (https://aaag.gal/mariacasares), está aberta ata o mércores 8 de xaneiro. Poden concorrer a eles todos os espectáculos profesionais de teatro de actriz/actor en lingua galega estreados entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2024. Ademais, as obras que se estrearon no último trimestre de 2023 que non concorresen ao certame na pasada edición tamén poderán presentarse. Os XXIX Premios de Teatro María Casares tamén están abertos para aquelas producións estreadas no amentado período que non teñan texto falado, pero si empreguen o galego no material de promoción, no programa de man, na sinopse, etc.

Os galardóns divídense en 16 categorías: maquillaxe, vestiario, espazo sonoro, espazo escénico, iluminación, texto orixinal, adaptación-tradución, actor secundario, actriz secundaria, actor protagonista, actriz protagonista, dirección, dirección de movemento, espectáculo, espectáculo infantil e espectáculo de monicreques, obxectos e figuras animadas.

Os Premios de Teatro María Casares están organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) dende o ano 1997. Dende a súa creación, os galardóns serven como o grande escaparate da produción teatral de Galicia e contan de forma tradicional co patrocinio de entidades e institucións como o Concello da Coruña, a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, o Padroado de Cultura do Concello de Narón, a Fundación AISGE, a Fundación SGAE ou Gadis. Os espectáculos e profesionais galardoados danse a coñecer cada ano nunha gala que se celebra no Teatro Rosalía Castro da Coruña e nela tamén se fai entrega do Premio de Honra Marisa Soto.


Publicidade

A convocatoria dos Premios María Casares procura “a promoción do tecido teatral, un esforzo máis para situar o Teatro no lugar que merece dentro das Artes e da Cultura” do país; e nela “un censo de máis de 450 persoas, conformado por asociados e asociadas da AAAG, premiados e finalistas en edicións anteriores, responsables de programación, xornalistas e críticos, encargarase de escoller as obras gañadoras tras as dúas quendas de votacións que se realizan”.

Consulta as bases completas dos XXIX Premios de Teatro María Casares.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Foto de Miguel Á. Padriñán.

Ser diferentes é ser existentes!

'WTF!' de Ay, Cariño! no Festival Teatro Gorrilla X Síntese Vigo. Foto: Afonso Becerra.

O meu balance das artes escénicas galegas en 2024