in

O Salón Teatro abre a súa programación de 2025 con ‘Frágua de amor’

É unha coprodución do CDG con seis estruturas culturais portuguesas

Frágua de Amor João Duarte
'Frágua de amor'. Foto de João Duarte.

O Salón Teatro, sede do Centro Dramático Galego, abre a súa programación de 2025 volvendo a ser un dos escenarios do ciclo de teatro en lingua portuguesa Quintas do Camões, promovido polo Instituto Camões-Centro Cultural Portugués en Vigo. Así, hoxe, venres 10 de xaneiro, ás 20.00 horas, o espazo sito na rúa Nova de Santiago de Compostela ofrece en función única a montaxe Frágua de amor, o clásico da literatura portuguesa escrito polo dramaturgo Gil Vicente, coproducida pola compañía pública galega xunto a seis estruturas culturais lusas: Escola da Noite-Grupo de Teatro de Coímbra, O Bando de Surunyo, Artway, Cendrev-Teatro García de Resende, Teatro Académico de Gil Vicente e Teatro Nacional São João.

A peza está dirixida por António Augusto Barros e conta coa música en directo de O Bando de Surunyo, especializado na interpretación de obras dos séculos XVI e XVII, con seis voces, laúde, viola de gamba, frauta e percusión baixo a dirección musical de Hugo Sanches e co galego Xurxo Varela á viola. Sobre o escenario actuará un elenco de nove actores e actrices: Ana Teresa Santos, Carlos Meireles, Igor Lebreaud, Maria Quintelas, Miguel Magalhães, Nuno Meireles, Sérgio Ramos e a galega Mónica Camaño.

Crítica dos privilexios e os abusos

A posta en escena do texto escrito en 1524 para celebrar o casamento de João III con Catarina de Habsburgo consegue, a través da escenografía e da música, o ambiente de festa imaxinado por Gil Vicente. Non obstante, tamén lanza miradas críticas aos temas habituais do autor: a igrexa, a xustiza corrupta e a fidalguía improdutiva que aspira a beneficios.

Tras a súa estrea en Coímbra e o seu paso por Évora o pasado novembro, Frágua de amor chega agora a Galicia antes de recalar no Teatro Nacional São João do Porto, onde se vai representar do 15 ao 18 de xaneiro. Para a representación no Salón Teatro, as localidades poden adquirirse xa de xeito anticipado na plataforma en liña de ataquilla, ou no portelo do número 34 da rúa Nova compostelá o venres 10 a partir das 18,00 h.

Ademais, o Camões ofrece un servizo de autobús gratuíto desde Vigo, con saída ás 17,00 h. desde o Berbés, ata Santiago de Compostela (dársena de La Salle), con regreso incluído e paradas diante da Escola Oficial de Idiomas de Pontevedra e da de Vilagarcía de Arousa. Para facer uso deste transporte cómpre inscribirse ata mañá 8 de xaneiro a través da web do centro luso.


Publicidade

Estreitar lazos co teatro portugués

Un ano máis, a unidade teatral da Xunta de Galicia colabora coa iniciativa Quintas do Camões co obxectivo de poñer o foco nas raíces comúns dos idiomas galego e portugués, así como de estreitar lazos entre o teatro e a cultura de ambos os países.

Nos últimos anos a unidade teatral da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ten colaborado con estruturas públicas e compañías portuguesas dentro do seu obxectivo de servir de ponte entre profesionais das dúas beiras do Miño. Así, en novembro de 2023 produciu xunto co Teatro do Noroeste-Centro Dramático de Viana, o Teatro Nacional Dona Maria II de Lisboa e o Teatro Nacional São João  de Porto Manuela Rey Is In Da House. En 2024 viron a luz as coproducións Territórios de liberdade, coa compañía galega Tanxarina Títeres e a portuguesa Varazim Teatro e Entrepalav-bras, da galega ButacaZero en alianza coa lusa TEatroensaio. Ademais, dentro deste mesmo ciclo  Quintas do Camões representouse a peza Salgueiro Maia: cartografía de um monólogo, de Teatro do Noroeste – Centro Dramático de Viana.

Dentro desta cooperación enmárcanse tamén os traballos desenvolvidos ao abeiro do proxecto europeo Nós/Nous, que impulsa a promoción profesional e a internacionalización do alumnado de arte dramática ao final da súa carreira académica e que posibilitou a finais do ano pasado as montaxes de Na hora dos cans e Ifixenia.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Ana Vallés en 'Staying Alive' de Matarile. Foto: David Ruiz.

Ana Vallés e a beleza